helicóptero
(< helico- + -ptero)
Xiroavión no que a forza de sustentación é debida a un ou máis rotores, de eixes case verticais, que xiran pola acción de toda ou case que toda a potencia motriz instalada. Esencialmente, o helicóptero caracterízase pola posibilidade de efectuar o levantamento e a aterraxe verticais e o voo estacionario. Foi Leonardo da Vinci quen deseñou un vehículo con hélices helicoidais e propuxo o nome de helicóptero para designalo. O primeiro modelo foi construído en 1784, por Launoy e Bienvenu. Durante o s XIX experimentouse co principio de acción e reacción por Philips (1812), e a máquina de vapor por Ponton d’Amécourt (1861) e E. Forlanini (1877). En 1904 Charles Renard e Victor Tatin fixeron voar helicópteros movidos por motores de explosión. Renard fixo tamén importantes achegas teóricas e Louis Breguet, seguindo os estudios de Renard, formulou as teorías sobre o batemento das pas, sobre a variación cíclica do paso do rotor ou paso cíclico e a variación colectiva do paso do rotor ou paso colectivo e sobre o desembrague automático. Paul P. Pescara resolveu os problemas da estabilidade e a sustentación. Juan de la Cierva, construtor do autoxiro, foi o primeiro en aplicar o batemento das pas e o control de pas colectivo do rotor. En 1935 voou o giroplane-laboratoire de Breguet e Borand, o primeiro prototipo de helicóptero moderno. En 1937 H. Focke construíu o FW 61, de características similares ao giroplane, e en 1940 I. Sikorskij, co VS 300, deulle a forma definitiva ao helicóptero. Os helicópteros actuais consisten nun habitáculo que leva montados o grupo propulsor e o tren de aterraxe. O grupo propulsor está formado por un ou dous rotores, accionados cada un deles por un ou máis motores. No caso dun só rotor, e con tal de contrarrestar o efecto de rotación producido no habitáculo, o helicóptero vai provisto dunha hélice compensadora ou rotor de cola que xira nun plano vertical e que produce un efecto de signo contrario ao do rotor de sustentación. No caso de dous rotores, estes xiran en sentidos contrarios (rotores contrarotatorios) para producir efectos opostos que se compensen entre eles. O tren de aterraxe consiste só en tres pés tubulares provistos de rodas ou, nos helicópteros lixeiros e por uns patíns tamén tubulares. Os destinados a pousarse sobre a auga van provistos duns flotadores lixeiros. O helicóptero pode efectuar tres tipos de voo: estacionario, vertical e de translación. Ten aplicacións no campo militar, en operacións de salvamento, en servicios de vixilancia, etc, pero a causa da limitación da velocidade (350 km/h como máximo), non atopou case aplicación no transporte de pasaxeiros. Desenvolvéronse enxeños aeronáuticos que combinan as características dun avión e as dun helicóptero, como é o caso do combinado e do avión convertible.