Helsinqui
Capital de Finlandia e do lääni de Uudenmaan (559.718 h [2001]; 920.000 h na súa aglomeración [estim 1998]). Situada nunha península sobre o golfo de Finlandia, rodeada de numerosos illotes, envólvea o mar por tres costados. A forma da península proporciona numerosos portos: o meridional, o de Sörnäinen e o de Sandviken-Hietalahti. Ademais de ser capital administrativa e política, desenvolveuse o sector industrial: alimentación, metalurxia de transformación, artes gráficas, industria téxtil e da confección, construción naval e industria química. É o principal centro comercial e financeiro finlandés. É sé de bispados católicos, luteranos e ortodoxos rusos. Fundada por Gustavo I de Suecia (1550), substituíu a Turku como capital de Finlandia en 1817. Tras sufrir numerosos bombardeos durante a Guerra Ruso-finlandesa (1939-1940) e a Segunda Guerra Mundial, a celebración dos Xogos Olímpicos de 1952 marcou o inicio da súa expansión. Do seu patrimonio cultural destacan as catedrais luterana e ortodoxa, a igrexa de Temppeliankio, así como as instalacións olímpicas.