Hera

Hera
[MIT]

Divindade olímpica, filla de Cronos e Rea. Casou co seu irmán Zeus, con quen tivo a Hefesto, Ares, Ilitía e Hebe. Venerada antigamente en Argos, foi asociada ao pai dos deuses e ocupou un lugar de preeminencia por riba das outras divindades, que pasaron a ser amantes do seu esposo; isto orixinou a lenda da infidelidade de Zeus e dos celos e vinganzas de Hera sobre as amantes e os fillos destas. Durante da Guerra de Troia, tomou partido polos troianos en represalia pola decisión de Paris á hora de lle outorgar o galardón da beleza a Afrodita e non a ela, que lle ofrecera como recompensa -no caso de que a elixise- o goberno do Universo. Tamén protexeu a nave Argo dos argonautas, que partiron na procura do vélaro de ouro. Por ser esposa lexítima do pai dos deuses converteuse en protectora das mulleres casadas e da vida matrimonial; o seu atributo habitual é o pavo real, cunha rechamante plumaxe que representaba os ollos de Argos, o gardián que lle puxo a deusa á vaca Io. As súas plantas eran o helicriso, a granada e o lirio. Represéntase como unha muller celosa, violenta e vengativa. O seu culto estendeuse por toda Grecia e S de Italia, onde lle foron dedicados santuarios, como o Hereon de Argos, os de Samos ou o de Olimpia. Consérvanse numerosas estatuas dela, entre as que destaca unha acéfala no Mussée du Louvre (París). En Roma identificouse con Xuno.