Heracles

Heracles
[MIT]

Heroe nacional grego, fillo de Alcmena e Anfitrión. Segundo a lenda, o seu verdadeiro pai foi Zeus, quen adoptara a aparencia de Anfitrión para manter relacións coa súa nai. Con dezaoito anos matou o fero león de Citera e, cando regresaba a Tebas, mutilou os emisarios de Erxino, rei de Orcómeno, que ían reclamarlles tributos aos tebanos. Daquela, Erxino declaroulle a guerra a Tebas, que terminaría gañando o heroe grego. Como recompensa por axudar o seu pobo, Creonte entregoulle a súa filla Mégara por muller. Pero, por mor dun ataque de loucura que lle enviara Hera, asasinou os seus propios fillos. Para expiar este crime o oráculo de Delfos obrigouno a cumprir -ás ordes do seu curmán Euristeo- doce traballos expiatorios: cazar o león de Nemea; vencer a Hidra de Lerna; cazar vivo o xabaril de Erimanto; capturar a cerva de Cerinea; matar as aves do lago de Estínfalo; limpar as cortes do Rei Auxias; conseguir para Admete o cinto da amazona Hipólita; levar a Grecia o touro de Creta; entregarlles ás eguas antropófagas de Diomedes, rei de Tracia, o corpo do seu dono; collerlle os touros a Xerión na illa Eritia; traer do Hades o can Cérbero e, finalmente, ir á busca das mazás de ouro do xardín das Hespérides. As lendas nas que participou constitúen un ciclo completo, e artistas e literatos inspiráronse no seu mito e déronlle numerosas interpretacións. En Roma é coñecido co nome de Hércules.