heráldica

heráldica

(< heráldico)

Ciencia que ten por estudo os escudos de armas e que tamén recibe o nome de arte heráldica (representación pictórica ou artística dos escudos), ciencia do brasón e harmonía. Céntrase no estudo da orixe dos escudos, da súa composición, das leis heráldicas e da forma de brasonar. A composición interna do escudo fai referencia á súa forma, aos puntos (ou posicións), ás cargas e ás divisións do campo, aos esmaltes e ás brisuras; e a externa, ao acompañamento, ao timbre, aos sostedores e outros ornamentos externos do escudo, como helmos, coroas, lambrequíns, cimeiras, bandeiras, encomendas, colares, tenantes, soportes, cruces, mantos ou divisas. Esta ciencia é tamén un sistema de identificación de individuos ou liñaxes (heráldica xentilicia), localidades (heráldica cívica ou municipal), entidades, corporacións, gremios ou confrarías (heráldica corporativa), estados ou países (heráldica estatal), institucións da Igrexa (heráldica eclesiástica), marcas ou patentes de produtos (heráldica industrial) e entidades deportivas (heráldica deportiva). Os escudos de armas, orixinados pola necesidade de distinción e individualización dos cabaleiros armados no campo de batalla, aparecen en Europa Occidental no s XII, fundamentalmente a raíz das cruzadas. Progresivamente, estes sinais fixéronse hereditarios e exclusivos, e o seu uso, grazas aos torneos e xustas, xeneralizouse e empezou a fixarse; co tempo pasaron mesmo a converterse en distintivos dunha persoa ou liñaxe determinada. Da mesma forma tamén apareceron o heraldo e o rei de armas como figuras especializadas que levaban os armoriais e que determinaban os escudos de armas que pertencían a cada familia e o dereito a usalas. A partir dese momento, todas as damas e os cregos comezaron a empregar escudos, e estes colocáronse nos castelos, casas, capelas, monumentos, navíos, sepulturas, selos, documentos, roupas e en todo tipo de obxectos, como vaixelas, moedas ou xoias. As figuras e pezas primitivas fóronse complicando e apareceu unha terminoloxía exclusivamente “heráldica”, na maior parte de orixe francesa. Para clasificar os distintos tipos de escudo, segundo a súa composición interna, déuselles diferentes nomes. O uso do escudo de armas non é privativo da nobreza; foi empregado tamén por membros da burguesía e polo campesiñado, aínda que estes últimos non podían timbralos con casco ou coroa. Co tempo a composición dos escudos fixouse e comezaron a xurdir unhas regras para delimitar a heráldica. Os soberanos, ao ennobleceren individuos, concedíanlles tamén escudos, e a súa composición encargábaselle aos reis de armas. Con respecto á evolución da heráldica, poden establecerse unhas etapas xerais en toda Europa. Así, distínguese un primeiro período (s XIII-s XV), no que se empregaba pero non se estudiaba (durante os oito séculos de expansión dos reinos cristiáns na Península e a posterior colonización de América naceron a maioría dos brasóns españois, como recompensa polos servicios prestados); un segundo período (s XVI-s XVII), no que se practicou e estudiou; e un terceiro período (s XVIII-s XX), de decadencia, no que foi estudada pero pouco practicada. Non obstante , desde a segunda metade do s XX experimentou un período de renacemento no que se estudiou cientificamente e se considerou ciencia auxiliar da historia. As armas heráldicas transmítense por liña masculina, agás en caso de substitución, e só pode levalas o xefe de armas; o resto da familia (excepto mulleres e cregos) teñen que modificalas cunha brisura. Entre as principais normas heráldicas destacan: as cargas terán unha relación directa co estado propio dos escudos de armas documentados na época máis antiga, eliminando todo tipo de ornamentos superfluos; as cargas teñen que buscar a estilización creada pola arte gótica en todas as súas manifestacións; as figuras -non as pezas, que teñen xa fixadas as proporcións correctas- deben ser grosas e encher o campo do escudo sen tocar cos seus bordos; hai que evitar nos escudos as perspectivas e as sombras, os contornos deben estar ben definidos; os animais han de representarse -agás excepcións- na actitude máis feroz; non existe un simbolismo heráldico ligado a unhas determinadas propiedades dos esmaltes ou das cargas porque -agás o caso das armas parlantes- moitas veces se descoñecen as motivacións na elección dos elementos; ao brasonar hai que empregar sempre a terminoloxía propia cunha linguaxe concisa e clara; descríbese primeiramente o campo e despois as cargas. As principais leis heráldicas son: o campo e as cargas con referencia aos seus esmaltes nunca poden figurar metal sobre metal nin cor sobre cor, hai que poñer as cargas na posición que lles pertence e os lambrequíns e as plumas do penacho teñen que ser dos mesmos esmaltes ca os do campo e das cargas.
Heráldica galega
As máis vellas representacións heráldicas galegas son os retratos ecuestres dos reis de León e Galicia Fernando II (1136-1188?) e Afonso IX (1171-1230) nas miniaturas do Tombo A da catedral de Santiago de Compostela. En canto a fontes sixilares o testemuño máis antigo é un selo da segunda metade do s XIII do arcediano de Trastámara Xoán Afonso. A documentación conservada na Sala de los hijosdalgo del Archivo de la Real Chancillería de Valladolid -con expedientes correspondentes aos preitos e probanzas dos procesos levados a cabo a petición dos fidalgos contra os concellos que pretendían incluílos nas relacións de peiteiros- permite coñecer datos sobre as antigas liñaxes galegas. Nalgúns armoriais franceses, como Armoirial Le Blanq (1560), Armorial espagnol (s XVI) ou Armorial Charolais (1425), tamén se fai referencia a liñaxes galegas ou doutros reinos que se estenderon por Galicia, ao igual ca no Livro de Linahgens do conde D. Pedro (1340-1344?), do conde de Barcelos. Outras fontes son o Cronicón de don Servando (s XII), dos irmáns Xoán e Fernando Boán; a Recopilación de Hita, na que se inclúe o “Libro de linajes de Galicia” de Rodrigo de Castro e Xoán Francisco de Hita, cuns oitenta apelidos galegos; Blasón general y Nobleza del Universo de Pedro de Gratia Dei (1489); Descripción del Reino de Galicia y de las cosas más notables del (1550), do licenciado Molina, que describe en coplas de arte maior moitas liñaxes galegas; Nobiliairo de el Reyno de Galicia (1572) do licenciado Baltasar Porreño; Excelencias y primicias del Apóstol Santiago el Mayor, úncio patrón de España (1658), de frei Xerome Pardo de Villarroel; Nobiliario de Don Pedro de Barcelos (1640) e Armas y triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia (1662), de frei Filipe de la Gándara Ulloa, cronista xeral do Reino de Galicia. Do s XVII é tamén Armas de algunos apellidos de España, que contén 284 apelidos cos debuxos dos seus brasóns. No s XVIII cómpre mencionar a Vasco de Aponte con obras como Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia (1986) ou Mª Sagrario García Lorenzo con Heráldica compostelana con tenantes y soportes, amais dun manuscrito que leva o título de Nobiliario gallego. Desde os últimos decenios do s XIX dáse un florecemento dos estudios heráldicos en Galicia, fundamentalmente os realizados por Casto Sampedro e Folgar. Entre os primeiros traballos heráldicos referidos a toda Galicia destacan: Los blasones de Galicia (1886) de Bernardo Barreiro, “Blasón galaico” (Boletín da RAG, 1929) de A. Cotarelo Valledor, Escudos de Rianxo de A. R. Castelao e F. Bouza-Brey (Nós, 1933), Apuntes gráficos de heráldica gallega (1954) de Xosé Espinosa Rodríguez, Blasones y linajes de Galicia (1957) en 3 vol do padre Xosé Santiago Crespo Pozo. Destacan, ademais, as colaboracións (artigos xenealóxicos e debuxos) de Xaime Bugallal y Vela e Eduardo Seijas Vázquez na Gran Enciclopedia Gallega (1974). O estudo dos pazos iniciárono en Pontevedra o marqués de Quintanar, Xavier Ozores Pedrosa, e Xosé Cao Moure con Los pazos gallegos (1928); a partir de 1973 comezou a publicarse Inventario de Pazos y Torres. Téñense publicado numerosos traballos de heráldica local en revistas como Arquivos, Nós, Cuadernos de Estudios Gallegos, amais doutros manuais como: Heráldica de Abegondo (1944) de Xosé Antón García G. Ledo; El Valle de la Louriña (1944) e Casas y cosas del Valle Miñor (1951), de José Espinosa Rodríguez; Los escudos de Sarria (1953), de Francisco Vázquez Saco; Fortalezas de Lugo y su provincia (1955-1973), en 7 volumes, de M. Vázquez Seijas; Informaciones de hidalguía conservadas en el Archivo Municipal de Bayona (1956), de Dalmiro de la Válgoma y Díaz-Varela; Armería en piedra del Valle de Lemos (1968), de Cesar José Quiroga Iglesias; El cabo Ortegal en la Heráldica (1969), de José Ramón y Fernández Oxea; Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña (1978), de Carlos Martínez-Barbeito; Arquitectura gallega del siglo XVIII en la provincia de Orense: los Pazos orensanos (1981), de María Teresa Rivera Rodríguez; La tierra de Lemos y los Castro gallegos del siglo XIII (1983), de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; Heráldica de Pantón (1988), de Isaac Rielo Carballo; Heráldica: escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona monumental de Pontevedra (1990), de Luis F. Messía de la Cerda y Pita. Outros estudios relacionados coa heráldica son Escultura funeraria en Galicia (1979), de Manuel Chamoso Lamas; Símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno (1981), de Helena Villar e Xesús Rábade; Bibliografía Gallega de genealogía y Heráldia (1995), de Carlos Martínez-Barbeito; Emblemas municipais de Galicia. Expedientes de escudos e bandeiras aprobados nos anos 1994 a 1997 (1999), de Eduardo Pardo de Guevara; O libro da heráldica galega (2001), de Luciano Fariña Couto. Entre as revistas con seccións de heráldica e xenealoxía figuran Anuario Brigantino, Boletín del Seminario Fontán-Sarmiento. A Xunta de Galicia por medio do Decreto 258/1991 de 10.09.1991 ditou unha normativa para regular o procedemento para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos heráldicos e bandeiras das corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas, contando co apoio como órgano consultivo da Comisión de Heráldica.