Herba aquí e acolá
Poemario formado por trinta composicións da autoría de Álvaro Cunqueiro e editado por Galaxia no volume I da súa Obra galega completa. Constitúe unha achega decisiva para a renovación da poesía galega de finais de século. As composicións do libro carecen de unidade e aparecen organizadas en dúas partes: “As historias” e “Vellas sombras e novos cantos”. Dialogando con diversas tradicións literarias, cultivando a épica e desvendando os misterios da propia biografía, o autor acadou con esta obra o cume da súa carreira como poeta iniciada na década de 1930. Desde 1950 non dera ao prelo ningún libro de poemas, e esta obra foi ordenada ás presas por Francisco Fernández del Riego e Miguel González Garcés, que organizaron o material poético na categoría dos mitos e as lendas, dunha banda, e na dos textos máis melancólicos, intimistas e pesimistas, pola outra.