Herbón, Santo Antonio de
Convento franciscano situado en Padrón. Foi fundado por frei Gonzalo Mariño e frei Pedro de Nemancos en 1396, e estivo baixo a advocación de san Francisco, ata que no s XVI pasou a santo Antonio. En 1701 converteuse en colexio de misioneiros dirixido polos padres franciscanos. Coa desamortización e exclaustración, a administración e o usufruto do convento pasaron ao concello de Padrón e a igrexa ao cabido compostelán. Foi Seminario Menor (1865-1884) da arquidiocese de Santiago de Compostela e en 1890 retornaron os franciscanos, que se trasladaron desde o convento de Louro (Muros) ao Colexio Seráfico ou ao Seminario Menor Franciscano. A igrexa é barroca do s XVIII. Ten planta cruciforme coas cubertas abovedadas. Conserva no interior retablos barrocos.