Hermida Gulías, María do Carme
Filóloga. Doutorouse (1991) pola Universidade de Santiago de Compostela e, desde 1995, é profesora titular nela. Desde 1983 traballa no ILG realizando o traspaso dos datos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) a cadernos, a revisión do material do Glosario de voces galegas de hoxe, a recollida de material para a elaboración do Dicionario de verbos galegos conxugados e o cartografado dos mapas do volume I do (ALGa). Formou parte do equipo de redactores do Dicionario normativo galego-castelán (1988), do Dicionario castelán-galego de frases, usos e sinónimos (1990), do Gran dicionario Xerais da lingua (2000) e do Dicionario Xerais da Lingua (2002). É autora de O rexurdir da conciencia idiomática (1840-1891) (1992), Os precursores da normalización. Defensa e reivindicación da lingua galega durante o Rexurdimento (1840-1891) (1992) e Ortografía práctica (2001), e editou A gaita gallega, de X. M. Pintos (2002). No seu labor a prol da difusión do galego nos medios de comunicación traballou no espazo Faíscas da lingua, da TVG (1986) e coordinou a sección Mellore o seu galego de O Correo Galego. Ademais, ten publicadas varias traducións do catalán, do castelán e do francés. Recibiu o accésit no I Premio de Investigación Teatral co traballo O feito teatral galego hoxe. É membro da Fundación Premios da Crítica Galicia (1993) e da Fundación Sotelo Blanco (1998), fundadora e coordinadora da asociación Mulleres Galegas na Comunicación (1998) e membro fundador das Redes Escarlata (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pardesoa, Forcarei