Herodes o Grande
(Ascalón 73 a C - Xerusalén 4 a C) Rei de Xudea (40 a C-4 a C), fillo de Antípatro. Foi ministro de Hircano II e gobernador de Galilea (47 a C). Nomeado rei de Xudea polo Senado romano, reduciu a oposición da dinastía asmonea casando cunha princesa desta dinastía, pero nos primeiros anos do reinado tivo que enfrotarse con eles. Confirmado no trono por Augusto (31 a C), prolongáronse as loitas entre saduceos e fariseos. O evanxeo da infancia faino protagonista da matanza dos Inocentes; mandou asasinar todos os nenos de menos de dous anos para eliminar así o Neno que os magos lle auguraran ía ser o rei dos xudeus. Emprendeu a construción de teatros, anfiteatros e circos en Xerusalén, Xericó e Cesarea de Palestina, ocupouse da construción e restauración das fortalezas na fronteira de Xudea e iniciou a reconstrución do templo de Xerusalén. O seu reino dividiuse entre os seus fillos Herodes Antipas, Arquelao e Herodes Filipo.