hidrocarburo
(< hidro- + carburo)
Composto orgánico formado por carbono e hidróxeno. Distínguense os hidrocarburos acíclicos, de cadea aberta, e os cíclicos, de cadea pechada. Os acíclicos, denominados tamén alifáticos, poden ser saturados ou insaturados, e as súas cadeas poden ser lineais (derivados normais) ou ramificadas (isoderivados). Os hidrocarburos saturados só teñen enlaces simples, e denomínanse tamén alcanos ou parafinas. Os hidrocarburos insaturados presentan dobres e triples enlaces nas moléculas. Divídense en alquenos etilénicos ou olefinas e alquinos ou acetilénicos, segundo teñan dobres ou triples enlaces. Os hidrocarburos cíclicos forman dous grandes grupos: alicíclicos, denominados tamén nafténicos, que comprenden os cicloalcanos, os cicloalquenos e os cicloalquinos, e os aromáticos. Os hidrocarburos obtéñense principalmente do gas natural, do petróleo e do alcatrán de hulla e, en menos cantidade, das ceras, as resinas e os aceites esenciais de orixe vexetal. Os hidrocarburos son unha das principais fontes de enerxía que se utilizan en múltiples procesos industriais. Os hidrocarburos naturais fórmanse por maduración da materia orgánica diseminada en rochas sedimentarias e, segundo as condicións da maduración, prodúcese petróleo ou gas natural. O aumento do prezo do petróleo e as expectativas dun eventual esgotamento das reservas de hidrocarburos naturais potenciou o interese do carbón como posible substituto fundamental para a obtención de hidrocarburos, pero os métodos de transformación do carbón en produtos de refinado non son demasiado rendibles. Desde o punto de vista económico, o gas natural mantén uns prezos relativamente baixos, pois benefíciase da súa condición de subproduto de prospección e de explotación do petróleo, pero as súas reservas tampouco semellan suficientes para manter moito tempo o ritmo actual do crecemento do consumo.