Hío, cruceiro do
Cruceiro situado no adro da igrexa parroquial do Hío (Cangas). Obra de Xosé Cerviño García, relata a historia humana desde a Creación ata a Redención. Desde o pedestal da cruz, foi tallado nun só bloque de pedra ao que se engadiron algunhas figuras. Represéntase o descendemento de Cristo da Cruz cando se descrava o corpo e é recollido pola Virxe e san Xoán. No fuste represéntase á Virxe pisando unha serpe, Adán e Eva espidos e os arcanxos. O capitel está sostido por catro querubíns alados, e na base ábrense unhas pequenas capelas ou fornelas onde se representan as ánimas do purgatorio, a visita de Cristo resucitado á Virxe e Adán e Eva consumíndose entre as chamas. Estilisticamente caracterízase polo barroquismo, a teatralidade e o dramatismo, e polo forte movemento das figuras.