Hispania
Nome que recibiu na Antigüidade a Península Ibérica. A primeira división provincial da Hispania a efectos administrativos realizouse en 197 a C entre a Hispania Citerior e a Hispania Ulterior, establecéndose o límite entre ambas as dúas nas fronteiras preexistentes entre as poboacions de iberos, celtiberos e celtas dunha banda e turdetanos, lusitanos e celtas meridionais pola outra. No s I Augusto dividiu a Ulterior en Bética e Lusitania, mentres a Citerior, que non cambiou os seus límites, pasou a denominarse Tarraconense. Entre 284 e 305 Diocleciano realizou unha nova distribución da Hispania nas provincias: Tarraconense, Cartaxinense, Bética, Lusitania e Gallaecia. Entre 370 e 400 creouse a provincia Baleárica. A división provincial perdurou ata a chegada dos musulmáns.