Holanda
Rexión occidental dos Países Baixos, dividida en dúas provincias: Holanda Meridional e Holanda Setentrional. Situada á beira do mar do Norte, e cun territorio maioritariamente baixo o nivel do mar, está resgardada por sistemas de cordóns dunares litorais reforzados por diques (polders). É unha das rexións máis intensamente industrializadas e máis densamente poboadas de Europa, con case que 800 h/km2. Antigo territorio dos batavos, que habitaron no territorio comprendido entre o Rin, o Wahal e o Mosa. Incorporouse aos dominios de Carlomagno e durante a Alta Idade Media estaba formado por un conxunto de condados, ducados e dioceses do Sacro Imperio. Considérase que o fundador da dinastía holandesa foi o conde frisio Dirk I, que recibiu os bens da abadía de Egmont en 922. Posteriormente Dirk III, conde de Holanda, fundou a cidade de Dordrecht cara a 1015 e, despois de derrotar ao duque de Lorena, impuxo a recadación de impostos en Mosa e en Waal (1018). Os condes de Holanda loitaron contra os flamengos e os frisóns, e desde mediados do s XIII iniciou a súa expansión económica apoiada no comercio marítimo, a pesca e a industria dos tecidos. Guillerme II, conde de Holanda, acadou o título de emperador xermánico (1254-1256). En 1323 Guillerme III apoderouse de Zelanda e máis tarde Guillerme V do Condado de Hainaut (1354). No s XIV o Condado de Holanda pasou a depender sucesivamente dos duques de Borgoña (1425) e dos Habsburgo (1477), tralo matrimonio da duquesa María de Borgoña co Emperador Maximiliano I. Despois da insurrección de Guillerme de Orange e a proclamación da Unión de Utrecht (1579), independizouse de feito e constituíronse as Provincias Unidas. Conservou a súa importancia política e o seu stadhouder dirixía o exército, mentres o pensionario holandés se ocupaba da política exterior e as finanzas das provincias. Integrada na República Batava (1795), formou parte do Imperio Napoleónico (1810) e, desde 1814, do Reino dos Países Baixos.