hondureño -ña
(< topónimo Honduras)
-
adx
Relativo ou pertencente a Honduras.
-
s
Natural ou habitante de Honduras.
-
arte hondureña
[ARTE]
Arte desenvolvida en Honduras. Do período precolombiano consérvanse obxectos de cerámica policromada de influencia maia e as ruínas da cidade de Copán. Da época colonial son as catedrais de Tegucigalpa e Comayagua (s XVIII). Do s XIX son a maioría dos edificos administrativos de Tegucigalpa. No eido da pintura destacaron Pablo Zelaya Sierra e Arturo López Rodezno; na escultura, Obed Valladares; e na cerámica, José Arturo Machado.
-
literatura hondureña
[LIT]
Literatura en lingua castelá desenvolvida en Honduras. As primeiras obras da literatura independizada son as do civilizador J. Cecilio de Valle (1780-1834). Na poesía do s XIX triunfou o romanticismo (J. A. Domínguez e F. Turcios). O vangardismo influíu sobre os poetas do s XX (J. Cárcamo, M. A. Ponce e A. Valladares). A narrativa decantouse polo realismo e a crítica social (A. Díaz Lozano, C. Izaguirre, M. Carías e V. Cáceres). Sobre a década de 1930, destacaron os poetas R. Sosa, P. del Valle, N. Mierren e R. Elvir, e os narradores M. Carías e E. Bahor (1940). Na década de 1970, na narrativa cómpre destacar a J. Escoto, V. Cáceres Lara, Ó. A. Flores, M. Carías Reyes e R. Castillo; e en poesía, C. Manuel Arita, D. Moya Posas, O. Acosta, Claudio Barrera (pseudónimo de Vicente Alemán) e Pompeyo del Valle, xornalista vinculado ás publicacións de oposición; e, entre os poetas recentes, a R. Sosa e Rigoberto Paredes. Entre finais de s XX e principios do XXI, na coñecida xeración de 1984 ou de posvangarda, no eido narrativo destacan César Lazo, Jorge L. Oviedo, Mercy Dacarett, Guillermo Fiallos, Marco Mendoza, Manuel Pineda, Roberto Quesada, Andrés Pavón e César R. Indiano; no terreo poético cómpre salientar a Segisfredo Infante, Rafael Rivera, Xiomara Bú, Alejandra Flores, Aída Sabonge, María E. Ramos, Diana Espinal, Soledad Altamirano, Víctor Saborío, Amanda Castro, Rafael Murcia, Débora Ramos, Marco A. Madrid, José A. Funes, Waldina Medina, Lety Elvir, Leonel Alvarado, Javier Vindel, Rebeca Becerra, Indira Flamenco, Yadira Eguigure, Armida García, Francesca Randazzo e Herber Soto.