Horacio
Antropónimo masculino que procede do xentilicio latino Horatius, probablemente derivado do etrusco Huras. A lenda romana fala de varios personaxes con este nome, algúns míticos. Horacio Cocles o Chosco (s VI a C) foi un heroe lendario da estirpe romana Horacia que, segundo a tradición, protexeu a ponte Sublicia de Bigas para impedir que o exército etrusco, comandado polo Rei Porsenna, entrase e cruzase o Tíber; finalmente, foi destruída e Horacio perdeu un ollo na batalla, da aí o alcume. Os tres Horacios foron os heroes, que, representando a Roma, pelexaron contra os tres Curiacios, campións de Alba Longa, durante o reinado de Tulio Hostilio (s VII a C), para decidir o destino das cidades que representaban; feridos os tres Curiacios e mortos dous Horacios, o terceiro, facendo que fuxía, matou os Curiacios a eito. Esta vitoria romana inspirou diversas obras artísticas, literarias e musicais.