hospital
(< lat hospitāle)
-
s
m
-
Casa onde se recollen pobres e peregrinos durante un tempo determinado.
-
[HIST]
Refuxio da Baixa Idade Media para acoller os viaxeiros que atravesaban portos de montaña considerados perigosos. Adoitaban estar a cargo de relixiosos ou de comunidades de gandeiros.
-
-
s
m
[MED]
Establecemento destinado a proporcionarlle á poboación unha asistencia médico-sanitaria completa, tanto curativa como preventiva, cuns servicios que cheguen a todo o ámbito familiar, e que ademais sexa tamén un centro de formación de persoal sanitario e de investigación. Unha boa rede hospitalaria divide o país en zonas onde se distribúen os hospitais de acordo cunha xerarquía de funcións. Na clasificación da OMS figura, en primeiro lugar, o hospital rexional, que é un hospital xeral completo, con escola ou facultade de medicina, e está ao servizo dunha poboación comprendida entre os 2 millóns e os 2 millóns e medio de persoas; seguidamente, está o hospital intermedio ou de distrito, coa maior parte de servicios; e, finalmente, o hospital local, que é un centro menor en conexión cos que están mellor dotados e equipados. O nivel óptimo recomendado pola OMS é de 12 camas de hospital por cada 1.000 habitantes. Existen tamén hospitais especializados, como os xeriátricos, psiquiátricos ou oncolóxicos. Un precedente dos hospitais atópase nas ἱατρεία gregas ou nas valetudinaria romana, pero, sobre todo, refírese ás obras asistenciais froito da predicación cristiá, rexidas por ordes relixiosas e destinadas non só a acoller os enfermos, senón tamén os peregrinos e mendicantes. En Constantinopla (hospital Pantokrator) os hospitais conseguiron unhas maiores proporcións arquitectónicas e unha organización administrativa e funcional máis acabada. No mundo islámico cómpre mencionar o hospital de Almansor no Cairo, e no mundo cristián occidental, o Hôtel-Dieu en París. Unha forma peculiar de hospital, moi espallado en toda Europa, foron as leproserías, ou casas de san Lázaro. Co Renacemento xurdiron os hospitais, e, arquitectonicamente, a planta en forma de cruz grega e cuadrangular substituíu a antiga estrutura gótica medieval. O exemplo máis importante é o Ospedale Maggiore de Milán, de Filarete. A finais do s XV apareceron en Granada os primeiros hospitais militares de Europa. En España cómpre destacar o Hospital Real de Santiago de Compostela, construído por mandato dos Reis Católicos, e o Hospital de Tavera ou de Afuera en Toledo, patrocinado polo cardeal Tavera. A orientación humanitaria do pensamento ilustrado favoreceu novas formas e estruturas hospitalarias. Apareceron os primeiros hospitais pediátricos en Londres (1769) e en Viena (1787). Reformáronse profundamente os hospitais, grazas á obra de Pinel, en Francia, e de Chiarugi, en Italia. A partir do s XIX, os avances da hixiene pública supereraron as deficiencias sanitarias existentes e xurdiron as grandes construcións hospitalarias modernas, a partir das que apareceron novas formas de hospitalización, como o hospital de día, o hospital de noite e a hospitalización a domicilio.