Hospital Real de Santiago de Compostela

Hospital Real de Santiago de Compostela

Construción renacentista situada na praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. Foi fundado en 1499 como hospital de peregrinos polos Reis Católicos despois da súa visita á cidade. En 1501 comezaron as obras baixo as trazas outorgadas polos irmáns Enrique e Antón Egas que crearon unha nova tipoloxía hospitalaria. Iniciado en estilo plateresco, consta dunha capela de planta de cruz latina ao redor da que se sitúan dous patios aos que se abren as dependencias masculinas e femininas. Na capela destaca o ciborio plateresco. Non se mantén a estutura orixinaria dos primeiros patios que co tempo se converteron en catro, coñecidos co nome de evanxelistas. No s XVI Rodrigo Gil de Hontañón reedificou, aínda que mantivo a súa estrutura, os patios dianteiros, os de Marcos e Xoán, con características do Renacemento salmantino. No s XVIII, frei Manuel de los Mártires edificou os patios posteriores, os de Mateo e Lucas, en estilo barroco compostelán. A portada iniciouse en 1519 baixo a dirección de Martín de Blas e Guillén Colás; está concibida como un arco triunfal clásico en que se empregou a superposición de ordes nas columnas. A decoración figurativa é simbólica e nela destacan os medallóns coas imaxes dos Reis Católicos. En 1678 frei Tomé Alonso reformou a fachada e engadiulle os balcóns. As primeiras constitucións que rexeron o seu funcionamento foron outorgadas por Carlos I (1524), complementadas posteriormente polas de Filipe II (1590), polos Mandatos de Carlos II (1697) e polas constitucións de Carlos IV (1804). No s XVII empregouse como escola de medicina. Rehabilitado como hostal de luxo na década de 1960, pertence á rede de Paradores de Turismo. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.

Palabras veciñas

hospital | Hospital | Hospital de Órbigo | Hospital Real de Santiago de Compostela | Hospital, casa-torre de | Hospital, dolmen do | Hospital, O