Huelva

Huelva

Capital da provincia homónima, Andalucía (142.284 h [2001]). Está situada entre as marismas do Odiel, ao O, e o esteiro do Tinto, ao L. A explotación das minas de cobre e pirita de Riotinto provocou o seu desenvolvemento urbano e industrial a partir do establecemento de capital e colonos británicos na segunda metade do s XIX. As actividades comerciais relacionadas coa explotación mineira converteron o seu porto nun dos máis importantes do S da Península Ibérica. Fundada polos fenicios co nome de Onuba, constituíuse como reino taifa en 1032 e desde 1051 dependeu da Taifa de Sevilla. Reconquistada por Íñigo de Mendoza (1238), foi cedida á casa ducal de Medina Sidonia. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa mudéxar de San Pedro, o convento de La Merced (s XVII), declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1970, o santuario de Nuestra Señora de la Cinta e o conxunto histórico artístico do barrio obreiro de Reina Victoria, declarado BIC en 2002.