Huelva
Provincia de Andalucía (10.148 km2; 462.579 h [2001]). Integrada por 79 municipios (2003), a súa capital é Huelva. Limita ao N coa provincia de Badajoz (Extremadura), da que a separa a serra de Aracena, e ao S co Océano Atlántico, no sector do golfo de Cádiz comprendido entre as desembocaduras do Guadalquivir e do Guadiana, que lle serven de fronteira ao L e ao O, respectivamente, coa provincia de Sevilla e con Portugal. O seu relevo caracterízase polo contraste entre a serra de Aracena e o sector máis occidental de Sierra Morena, na zona máis setentrional, e a depresión do Guadalquivir, no resto do seu territorio. A parte dos dous grandes colectores que a delimitan, a rede hidrográfica artéllase ao redor dos ríos Tinto e Odiel. A súa costa, que se prolonga 145 km, é moi aberta. O 60% son praias, entre as que destaca a Playa de Castilla, que ocupa todo o treito costeiro comprendido entre o esteiro do Tinto-Odiel e o Guadalquivir (65 km). O Parque Nacional de Doñana, nas marismas do Guadalquivir, constitúe a principal área natural. A rede urbana aparece claramente xerarquizada pola capital, que concentra case que a terceira parte da poboación provincial. O plano inmediato descende a núcleos comarcais como Lepe (19.676 h [2001]), Isla Cristina (18.189 h [2001]), Almonte (17.827 h [2001]) e Ayamonte (16.604 h [2001]), que desenvolven, segundo o caso, funcións de agrocidades (Lepe), centros turísticos (Isla Cristina) ou vilas fronteirizas (Ayamonte).