Huesca
Capital da provincia homónima, Aragón (46.243 h [2001]). A súa principal función é a administrativa, base da economía local. Poboado ibero co nome de Bolsca, converteuse en Osca en época romana. Conquistada polos musulmáns no s VIII, foi recuperada por Pedro I de Aragón en 1096, aínda que continuou a ser un importante núcleo urbano no que estaban representados musulmáns, cristiáns e xudeus. No s XVI iniciou a súa decadencia, pero a súa importancia estratéxica fíxoa centro de importantes accións militares durante a Guerra Civil. Do seu patrimonio cultural destacan o mosteiro de San Pedro el Viejo (ss XI-XIII), declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1985; a igrexa catedral da Transfiguración del Señor (ss XIII-XVI), declarada BIC en 1931; as igrexas de Nuestra Señora de Salas, San Miguel e San Lorenzo (s XVIII); o edificio da antiga universidade (s XII); o antigo colexio de Santiago (ss XVI-XVII); e o edificio modernista Casino del Palacio.