Hueso Montón, Ángel Luis

Hueso Montón, Ángel Luis

Investigador cinematográfico. É catedrático de Historia do Cine do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Diplomado en Cinematografía pola Cátedra de Historia e Estética da Cinematografía da Universidade de Valladolid, desenvolveu un importante labor académico e investigador coa publicación de numerosos artigos e estudios sobre o medio cinematográfico. Neste aspecto destaca a súa dirección de diversos e importantes proxectos de investigación no seo da Universidade de Santiago de Compostela, con publicacións derivadas dos mesmos, como Catálogo dos fondos cinematográficos nos arquivos públicos galegos (1990), Fontes e documentos sobre cine en Galicia nos arquivos da Administración Central (1992), Filmografía Galega. Longametraxes de Fición (1998) e Filmografía Galega. Curtametraxes (2002). Outras das súas liñas de investigación foron as relacións entre historia contemporánea e cine, o estudo dos xéneros cinematográficos e a reflexión sobre o cine histórico e as súas posibilidades interpretativas. Cómpre citar, entre as súas obras, Historia de los géneros cinematográficos (1976), El cine y la historia del siglo XX (1983), Los géneros cinematográficos: materiales bibliográficos y filmográficos (1983), El cine y el siglo XX (1998) ou Catálogo del cine español. Películas de ficción 1941-1950 (1998). Desde xuño de 2002 é Vicerrector de Comunicación e Proxección Exterior da Universidade de Santiago de Compostela. É membro do Comité Español de Historia del Arte (CEHA), da Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC), da Asociación Film-Historia (Barcelona) e do Centro de Estudios Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela (CEFILMUS). A Academia Galega do Audiovisual concedeulle o Premio José Sellier na edición de 2003.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid