húngaro -ra
(< topónimo Hungría)
-
adx
Relativo ou pertencente a Hungría, aos seus habitantes ou á súa lingua.
Sinónimos: maxiar. -
s
Natural ou habitante de Hungría.
Sinónimos: maxiar. -
s
m
[LING]
Lingua da familia finoúgria do phylum urálico. Fálana uns 16 millóns de persoas, deles uns 10 millóns viven en Hungría. Hai importantes minorías húngaras en Romanía, Eslovaquia, antiga Iugoslavia e na CEI. O primeiro texto húngaro é de finais do s XIII. O húngaro estándar consolidouse na primeira metade do s XIX, época en que se produciu a normativización ortográfica e gramatical. Conta cun gran número de préstamos léxicos procedentes das linguas turcas e eslavas, do alemán e do latín. OBS: Tamén se denomina maxiar.
-
arte húngara
[ARTE]
Arte desenvolvida en Hungría. As primeiras manifestacións artísticas son semellantes á arte das estepas. Da arte romana da provincia de Panonia consérvanse vestixios da cidade de Aquincum (actual Budapest), dos ss III e IV. Cómpre destacar tamén o cemiterio paleocristián de Pécs, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (2000). Do s X destaca a elaboración dos metais (tesouros de Nagyszentmiklós). Co cristianismo apareceron as primeiras obras baixo a influencia lombarda e francesa (catedral de Pécs, mosteiros de Zsámbék e Ják). Nos ss XII e XIII o taller real de Esztergom converteuse en centro artístico. Do s XIII destaca o mosteiro de Pannonhalma, Patrimonio da Humanidade dende 1987. Despois da incursión devastadora dos tártaros (1241), a sede real trasladouse a Buda, capital que viviu unha primeira época de prosperidade en tempos dos reis anxevinos Carlos Roberto e Luís I o Grande (1308-1382). A influencia italiana fortaleceuse e manifestouse, entre outras obras, en Képes Krónika (Crónica ilustrada, 1370), iluminada por Miklós Meggyesi. O gótico, nos ss XIV e XV, produciu un gran número de igrexas menores, a catedral de Kassa (hoxe Košice, Eslovaquia), a igrexa reformada de Nyírbátor, un conxunto escultórico dunhas corenta figuras atopado en escavacións no antigo palacio real de Buda, e San Xurxo a cabalo, dos irmáns Márton e György de Kolozsvár. A partir de 1400 proliferaron os retablos e os altares pintados, tarefa en que destacaron Tamás de Kolozvár (Gólgota, 1427) e, no inicio do s XVI, o mestre que firmaba M. S. (Visitación, Cristo no monte das Oliveiras, Gólgota). No campo da ourivería medieval destaca o Calvario do Rei Matías (s XV). A arte renacentista está representada por mestres toscanos ou formados na Toscana, como Benedetto da Maiano e Giovanni Dalmata; cómpre destacar, entre outros, os palacios reais de Buda (Patrimonio da Humanidade desde 1987) e de verán de Matías e Visegrád, a capela Bakócz (1507) da cidade de Esztergom, e a biblioteca da corte, que tiña dous mil códices iluminados. A dominación das rexións centrais polos turcos (1526-1686) e as constantes condicións bélicas detiveron a evolución da arte húngara. Nogensmenys, no NL, pertencía aos Habsburgo, e sobre todo Transilvania conservou unha variante do estilo renacentista. O Barroco húngaro primeiro obtivo a inspiración italiana, pero máis tarde atraeu os mestres austríacos e alemáns. Seguindo este estilo, construíronse igrexas (en Buda e Pest, Kalocsa, Kecskemét, Győr, Eger), palacios señoriais (en Gödöllő, Fertőd, Asződ, Pécel), e tamén se arranxaron moitas cidades (Győr, Eger, Vác, Székesfehérvár). Durante a primeira metade do s XVIII, na pintura destacou Ádám Mányoki (Retrato do príncipe F. Rákóczi), mentres que a finais de século destacou o pintor austríaco Franz Anton Maulbertsch, autor dos frescos na igrexa parroquial de Sümeg e no palacio episcopal de Szombathely. En estilo clasicista, Isidore Canevale fixo a catedral de Vác (1762-1777); Mihály Pollak, o Museo Nacional de Budapest (1828-1838); e Jósef Hild, a catedral de Eger (1832-1838). Cómpre destacar, no eido da arquitectura tradicional, o pobo de Hollokö, de orixe medieval e desenvolvido durante os ss XVII e XVIII. Declarado Patrimonio da Humanidade (1987), conserva vestixios da arquitectura tradicional húngara e etnográficos. No s XIX os pintores (M. Barabás, Bertalan Székely, Viktor Madarász) e escultores (István Ferenczy) tiveron por obxecto producir unha arte nacional maxiar, e os arquitectos, entre eles Frgyes Feszl, autor da Redoute ou Vigadó de Pest (1859-1894), intentaron crear un estilo nacional. Na segunda metade do s XIX sobresaíron os arquitectos Miklós Ybl (Teatro da Ópera de Budapest, 1875-1885) e Ö. Lechner; os escultores M. Izsó e A. Stróbl; e os pintores M. Munkácsy e P. Szinyei Merse, ademais da escola de Nagybánya, K. Ferenczy, J. Rippl Rónai e B. Czóbel, entre outros. A principios do s XX, destacaron os pintores T. Csontváry Kosztka e J. Nemes Lampérth, e no período de entreguerras G. Derkovits, L. Vajda, J. Egry, Aurél Bernáth, István Szőnyi, L. Kassák, Dezső Korniss e Endre Bálint. O deseño gráfico foi cultivado polo pintor B. Kondor. Na escultura sobresaíron F. Medgyessy e B. Ferenczy, e posteriormente Miklós Borsoso e Imre Varga. Na arquitectura húngara, os seguidores de Ö. Lechner (Károly Kós, Desző Zrumecky, Ede Thoroczkay-Wigand) inspiráronse na arte popular, mentres que Béla Lajta (1873-1920) partiu do modernismo vienés e evolucionou cara á arquitectura moderna, campo en que destacaron Farkas Molnár (1897-1945) e Győrgy Szrogh (Hotel Budapest, 1964-1967). Moitos creadores artísticos húngaros desenvolveron o seu traballo fóra de Hungría, entre outros, L. Moholy-Nagy, Á. Szenes, V. Vasarely, A. Tot, P. Vágó, N. Schőffer e P. Szçekely. Na época comunista desenvolveuse o realismo socialista.
-
cine húngaro
[IMAX]
Arte cinematográfica desenvolvida en Hungría. En 1912 comezou unha produción máis ou menos regular, coas realizacións de Mihály Kertèsz (máis tarde Michael Curtiz), Sándor Korda (Alexander Korda) e Pál Fejös (Paul Fejos). A rexencia do almirante Horthy fixo que as figuras principais abandonasen o país; Béla Blasko (Bela Lugosi), Lya de Putti, Paul Fejos, Alexander Korda e Michael Curtiz marcharon a Hollywood. Cara á década de 1940 o cine húngaro pasou por un momento brillante, con éxitos como Emberek a havason (1942), de István Szöts e Talpalatnnyi föld (1948), de Frigyes Bén. A partir de 1954 houbo unha certa apertura estatal; nomes novos introducíronse no panorama cinematográfico do país (Miklós Jancsó, György Révész), cun cine con personalidade propia. Tamén cómpre destacar a István Gaál, István Szabó, Márta Mészáros e Pál Gábor. Ata o afundimento do réxime comunista, o cine húngaro continuou producindo obras de interese. Cómpre mencionar o xa consagrado István Szabó con Mephisto (1981), Zoltán Fabry con Fábián Bálint találkozása (1980), Péter Bacsó con Tegna pelött (1982), Márta Mészáros con Napló gyermek eimnek (1982-84) e Miklós Jancsó con Omega, Omega (1984). Despois do éxito de Az en XX Szazadom (1988), de Ildikó Enyedi ou a evocación dos feitos de 1956 en El Dorado (1989), de Geza Bereményi, entre os filmes xa realizados na nova etapa cómpre destacar Es mégis (1991), de Zsolt Kézdi Kovács; Napló apámnak anyámnak (1991), de Márta Mészáros; ou Sztálin menyasszonya (1991), de Péter Bacsó.
-
literatura húngara
[LIT]
Literatura escrita en húngaro. Os húngaros, no s IX, xa posuían unha poesía de transmisión oral, que se conservou malia a cristianización do país e a adopción do latín como lingua culta. O primeiro poema húngaro conservado é unha lamentación da Virxe, escrito ao redor de 1300, e o primeiro poeta húngaro con nome coñecido foi o humanista J. Pannonius (s XV), que escribiu en latín. A partir do s XV difundiuse a literatura en lingua vulgar; B. Balassi (1554-1594) inaugurou a tradición poética que canta a loita contra os turcos. Continuouna M. Zrínyi (1779-1805), e ao finalizar os ss XVII e XVIII floreceu a poesía manuscrita dos kuruc. Como personalidade illada destacou K. Mikes (1690-1761). A finais do s XVIII e nos comezos do XIX, os representantes máis destacados da Ilustración foron G. Bessenyei, J. Batsányi, F. Kazinczy, M. Csokonai Vitéz e D. Berzsenyi. J. Katona escribiu en 1821 o drama histórico Bánk bán. Na década de 1830 desenvolveuse un amplo movemento nacional, do que xurdiu a poesía romántica patriótica (M. Vörösmarty). No s XIX destacaron S. Petófi (1823-1849) e o seu amigo J. Arany (1817-1882). O primeiro representante en Europa da novelística húngara foi o romántico M. Jókai (1825-1904). O gran poema dramático de I. Madách (1823-1864), A traxedia do home, reflectiu a crise ideolóxica e social posterior a 1848, temática que tamén marcou a poesía formalmente innovadora de J. Vajda (1827-1897). Os contos e as novelas de K. Mikszáth (1847-1910) e Z. Móricz (1879-1942) acusaron xa os trazos do realismo na primeira metade do s XX. A renovación poética de comezos do s XX forxouse ao redor da revista Nyugat (1908-1942), con E. Ady como figura destacada do grupo, os prosistas M. Kaffka e F. Karinthy, e L. Szabó, Gy. Illyés e L. Németh, como os tres creadores máis importantes da segunda xeración da revista. No cambio de siglo publicaron tamén M. Babits, D. Kosztolányi, M. Füst, Á. Tóth, G. Juhász, G. Krúdy, L. Nagy, F. Móra e F. Molnár. No ensaio e na crítica cómpre mencionar o filósofo G. Lukács. L. Kassák representa a poesía húngara de vangarda, que influíu tamén nos autores socialistas da década de 1930 (A. József). A carón de Babits e de József, o representante máis importante da poesía antifascista foi M. Radnóti. A partir da década de 1960 iniciouse unha represión sen precedentes na historia literaria de Hungría. Dentro da lírica pódense distinguir dúas tendencias ideolóxicas: a da poesía comprometida (G. Illyés, L. Nagy, F. Juhász, I. Simon, G. Garai e S. Csoóri), e a que propugna os valores universais da humanidade (S. Weöres, J. Pilinsky, I. Vas e G. Csorba). Na prosa da posguerra destacaron T. Déry, J. Kodolányi, G. Ottlik, F. Sánta, ademais de L. Németh, I. Sarkadi e I. Örkény, que tamén contribuíron ao renacemento da dramaturxia húngara contemporánea. A partir da década de 1970 consolidouse unha nova xeración, como a dos poetas J. Utassy, K. Bari, Z. Takács e I. Oravecz, e os prosistas M. Mészöly, P. Lengyel, P. Hajnóczi, P. Esterházy e P. Nádas, que continuaron o camiño iniciado por G. Ottlik. Na década de 1980, a novela testemuñal conseguiu unha gran popularidade. Un dos autores máis coñecidos de principios do s XXI é Péter Esterházy, que practicou unha escrita posmoderna, chea de xogos lingüísticos. A literatura húngara escrita no estranxeiro ten o núcleo máis importante en Transilvania, Romanía (Á. Tamási, A. Sütó, S. Kányádi e D. Szilágyi). Tamén cómpre salientar, no estranxeiro, a L. Cs. Szabó, G. Határ e F. Fejtö.