Ibáñez, Antonio Raimundo

Ibáñez, Antonio Raimundo

Comerciante e industrial, marqués de Sargadelos e conde de Orbaiceta, títulos dos que non chegou a tomar posesión pola súa morte, director da Real Compañía Marítima de Ribadeo. Iniciou a súa carreira como comerciante en 1773 cando, en representación da Casa de Guimarán de Ribadeo, da que era administrador, foi liquidar as contas do morgado de Cádiz e cos cartos que obtivo mercou un cargamento de aceite de oliva que vendeu logo en Ribadeo. En 1775 dedicouse á importanción de viños e augardentes. En 1780 ampliou os seus negocios ao conseguir da coroa rexistros para expedir mercancía ás Indias. Foi o introdutor do domestic system, importaba liño do Báltico e distribuíao polas casas, comprometéndose a compralo unha vez elaborado o produto. Entre 1784 e 1795 asociouse con José de Andrés García, próspero home de negocios rioxano establecido en Santiago de Compostela, e dedicouse a comerciar ferro de Suecia, téxtiles de Inglaterra, cacao de América, bacallau de Terranova e outros produtos, e solicitou o permiso real para construír ferrerías na comarca. O seu proxecto máis ambicioso foi o de Sargadelos, un dos nomes pioneiros nos inicios da industrialización en España. Considerando os recursos naturais da comarca, proxectou unha siderurxia integral na que obtivo ferro coado nun alto forno para modelar potes, estilo Bordeos, o primeiro que se fixo en España por iniciativa privada. En 1794, en vista dos informes recibidos, o ministro de Guerra ofreceulle comprar a fábrica, proposta que rexeitou. Preferiu asinar un vantaxoso contrato para fabricar municicións para o exército. En 1803 proxectou outra fábrica para facer louza de estilo inglés, aproveitando a boa calidade das arxilas caoliníferas da vila de Burela que se estaban a empregar nas construcións dos crisois; en 1806 estaba xa en funcionamento. Nese mesmo ano, conseguiu a protección real que lle concedeu “o privilexio exclusivo sobre o uso de vetas, minas e filóns” para facer louza. Xa funcionando a cerámica, púxose a proxectar unha fábrica de botellas e vidros e outra téxtil que non chegou a poñer en funcionamento. As súas ideas industriais chocaban desde un principio co clero e a fidalguía, temerosos de perder a súa influencia e dominio sobre o campesiñado, que tamén estaba na súa contra porque se sentía oprimido polas súas esixencias e asoballado polo seu carácter autoritario. Este enfontamento preparou o escenario da súa tráxica morte. Foi autor de diversos escritos que tratan de temas políticos, económicos ou comerciais dos que poden destacar Discurso sobre la repoblación de montes de Asturias y Galicia, Exposición-informe de Ibáñez en defensa de una proyectada fábrica de álcali en el valle de Monterrey ou Representaciones en nombre del Comercio de la villa y puerto de Ribadeo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferreirela, Santa Eulalia de Oscos, Asturias

  • Deceso

    Lugar : Ribadeo