Ibérica, Península

Ibérica, Península

Península do S de Europa, situada entre o Océano Atlántico ao N, O e SO, e o Mar Mediterráneo ao S e L, unida ao continente europeo pola cordilleira alpina dos Pireneos e separada de África polo estreito de Xibraltar. Sitúase entre os 36° 0 3 N e os 43° 47 24 N. O seu territorio, 597.625 km2 de superficie, divídese entre os estados de Andorra (468 km2 no Pireneo), España (que ocupa a súa maior parte, 505.009 km2) e Portugal (92.142 km2 no O), ademais da colonia británica de Xibraltar (6km2 no sector máis meridional). Presenta un contorno rectilíneo, cunha conformación maciza e unha altitude media elevada (660 m alt). Xeograficamente está moi compartimentada e na súa superficie aparecen diferentes unidades. A Meseta organiza todo o relevo. Dentro dela sitúanse os Montes de Toledo e o Sistema Central; tres concas afundidas, Ebro, Tajo e Guadiana, e nos seus bordos, a Cordilleira Cantábrica, o Sistema Ibérico e Sierra Morena. Ademais están as zonas de afundimento exteriores dos vales do Ebro e do Guadalquivir e as tres cordilleiras exteriores: os Pireneos, o Sistema Catalano-aragonés e as Béticas.