Iglesia Alvariño, Aquilino

Iglesia Alvariño, Aquilino

Poeta. Formado no seminario de Mondoñedo, licenciouse en Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e conseguiu en 1949 a cátedra de Latín de ensino medio. Posteriormente, desempeñaría esa mesma cátedra en Pontevedra e Santiago de Compostela. Investigador e crítico, realizou numerosas traducións de clásicos grecolatinos, como o Carmen saeculare de Horacio, e colaborou en diversas publicacións periódicas. Un dos seus proxectos non rematados foi a realización dun gran dicionario da lingua galega, o que o levou á recollida de miles de voces para o Instituto Padre Sarmiento. Influenciado por Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Antero Quental e, sobre todo, polo saudosismo de Teixeira de Pascoaes, a súa obra poética está condicionada por unha perspectiva paisaxista de inspiración clásica, que a posteriori se coñecería como neovirxilianismo. Autor de difícil adscrición, a cabalo entre a Xeración do 25 e a do 36, pode situarse a carón doutros grandes creadores da literatura galega como Crecente Vega, Díaz Castro e o propio Noriega Varela. As súas orixes campesiñas e o contacto coa paisaxe galega reflectíronse xa na súa primeira obra, titulada Señardá (1930), composta por cincuenta sonetos, á que continuou Corazón ao vento (1933), unha obra aberta a outras referencias poéticas, como o hilozoísmo mesturado co saudosismo. Trala Guerra Civil saíu o seu único libro en castelán Contra el ángel y la noche (1941), editado en Bos Aires. A súa consagración poética veu da man de Cómaros verdes (1947), unha obra que fai rexurdir a poesía galega trala contenda civil. Nela incluíronse composicións moi heteroxéneas, cunha serie de constantes temáticas e expresivas, enunciadas por unha voz poética plural. A súa obra De día a día (1960) recolle tamén poemas moi plurais, tratados desde diferentes perspectivas, pero sempre dentro dunha liña intimista marcada pola exaltación dunha natureza baixo a que se esconde o eu poético. O bucolismo, a meditación sobre a condición humana, o paso do tempo e o existencialismo son algúns dos trazos que definen esta obra poética. Lanza de soledá (1961) reflicte tamén os problemas existenciais do home, dentro dunha estrutura poemática máis unitaria e perfecta, a mellor organizada do conxunto da súa produción. Chama a atención para o lector o seu ton reflexivo, a preocupación polo home e o eu que xa amosara en tantas outras composicións, e as numerosas figuras estilísticas e retóricas que enchen os seus versos hendecasílabos. Nenias (1961), que constituíra unha sección de Cómaros verdes, apareceu posteriormente como obra autónoma; a través das súas dúas seccións “Terra do corazón” e “Vento da alma”, aparecen un feixe de cantos fúnebres na honra dos poetas que para o autor marcaron un antes e un despois na súa faceta creadora. Postumamente apareceu Leva o seu cantare (1963), na que se recollen unha serie de composicións circunstanciais, tamén sinaladas pola súa heteroxeneidade. No conxunto da súa obra, pódese salientar o interese de Iglesia Alvariño polo galego, á marxe de ideoloxías e movementos culturais, e pola incorporación de novos rexistros e o enriquecemento da lingua literaria.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Seivane de Vilarente, Abadín

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela