Iglesias Ambrosio, Emiliano

Iglesias Ambrosio, Emiliano

Político. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como avogado e liderou o Partido Republicano Federal en Pontevedra. Redactor de La Unión Republicana de Pontevedra, foi nomeado correspondente do xornal El País e en 1903 dirixiu o diario republicano vigués La Justicia. Despois de coñecer a A. Lerroux en 1904, seguiuno a Barcelona, onde se instalou en 1906 e onde destacou polas campañas contra Solidaritat Catalana que fixo desde El Progreso, que el mesmo dirixía. Cando A. Lerroux marchou de España, quedou como cabeza do lerrouxismo liderando o Partido Republicano Radical. Elixido concelleiro en Barcelona (1909), foi encarcerado tralos acontecementos da Semana Tráxica (1909) e despois defendeu a algúns dos implicados máis destacados. Deputado a Cortes (1910), intentou fusionar o Partido Radical e a Unió Federal Nacionalista Republicana para constituír unha alternativa aos rexionalistas cataláns (1914). Estivo detido trala revolta de 1917 e exiliouse en Francia durante a Ditadura de Primo de Rivera. Ao proclamarse a Segunda República Española tomou posesión do goberno civil, do que foi expulsado polos anarquistas que apoiaron a L. Companys. No período republicano foi deputado a Cortes por Pontevedra polo Partido Radical (1931 e 1933), vicepresidente da comisión encargada do anteproxecto de Constitución, xefe da minoría parlamentaria radical e embaixador en México.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ponteareas

  • Deceso

    Lugar : Madrid