Iglesias Pardo, Arsenio
Futbolista. Formado nos equipos da súa vila natal, debutou como xogador en primeira división co Real Club Deportivo de La Coruña na tempada 1951-1952, fichando polo Sevilla C. F. (1957), Granada (1958-1963), Real Oviedo (1963-1964) e Albacete Balompié (1964-1965). En 1967 fíxose cargo da dirección técnica do filial deportivista, o Fabril, e tomou o mando do primeiro equipo do Deportivo mediada a tempada 1970-1971, conseguindo o ascenso a primeira división. Adestrou o Hércules de Alacant, Real Zaragoza, Burgos, Elx e Almería, e regresou ao Deportivo (1982-1985), que militaba na segunda división. Na campaña 1987-1988 dirixiu a S. D. Compostela, e na 1988-1989 asumiu novamente a dirección do Deportivo, que salvou do descenso a segunda división B. Na campaña 1988-1989 conseguiu por vez primeira na historia do club herculino alcanzar as semifinais da Copa do Rei, ascendéndoo a primeira división na tempada seguinte, e rematou a tempada 1992-1993 logrando a primeira clasificación da súa historia para unha competición internacional, a Copa da UEFA. Na tempada 1993-1994 concluíu o campionato de liga en segunda posición, empatado a puntos co F. C. Barcelona, e na campaña 1994-1995 conquistou o primeiro título oficial do Deportivo, a Copa do Rei, e anunciou a súa retirada, aínda que en xaneiro de 1996 fichou polo Real Madrid. Concluído o seu contrato recuperou as súas colaboracións coa prensa especializada e en decembro de 1999 foi nomeado asesor técnico do concello da Coruña.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Arteixo