Iglesias Sánchez, Fernando Luís

Iglesias Sánchez, Fernando Luís

Actor teatral e cinematográfico. Coñecido como Tacholas, desenvolveu a súa traxectoria en Arxentina, país ao que emigrou cando tiña vinte anos. Alí participou en diversos espectáculos realizados por agrupacións escénicas afeccionadas. En 1935 uniuse á compañía de Maruxa Villanueva, e participou en diversos espectáculos creados e dirixidos por Manuel Daniel Varela Buxán e na estrea de Os vellos non deben de namorarse (1941), baixo a supervisión do propio Castelao. Posteriormente, creou as compañías Boga-Tacholas, coa súa muller Maruxa Boga, e a Compañía de Arte Folclórico Galego, coas que presentou diversos espectáculos de tipo enxebre e costumista. En 1975 visitou Galicia e participou en diversos traballos, entre eles na versión que de Os vellos non deben de namorarse realizara o grupo Teatro Circo. Participou en máis de cincuenta películas, algunhas cos mellores directores de cine arxentinos, entre as que destacan Mariñeiros (1938), Chiruca (1945), El crack (1958), El dependiente (1967), La Patagonia rebelde (1974), La guerra del cerdo (1975), La mona (1978), No habrá más penas ni olvido (1983) ou Camila (1984). Recibiu o Premio Martín Fierro ao mellor actor de reparto por Crónica de una señora (1971) e en 1970 entrou na compañía do Teatro Municipal General Sanmartín, reservada aos actores consagrados.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires