Ignacio de Loiola, santo
Fundador da Compañía de Xesús. De familia nobre, dedicouse á carreira militar. Ata 1517 residiu na Corte de Fernando II, daquela rexente de Castela, ao servizo do contable maior do rei, Velázquez de Cuéllar; logo serviu ao seu parente, o duque de Nájera, vicerrei de Navarra. Ferido durante o sitio de Pamplona polos franceses (1521), foi trasladado a Loiola, onde a lectura de libros espirituais durante a convalecencia levouno a ir en peregrinación a Terra Santa e a facer vida penitente. Primeiramente peregrinou ao santuario de Montserrat, onde velou as armas de cabaleiro espiritual; despois viviu en Manresa, onde realizou prácticas moi rigorosas de pobreza, oración e penitencia, e onde comezaría a escribir os Exercicios espirituais, síntese persoal das súas experiencias e das correntes espirituais dos ambientes en que estivera: franciscanismo cristocéntrico de Euskadi, Devotio Moderna de Montserrat e ecos vicentinos e lulianos difundidos por Catalunya. En 1523 peregrinou a Xerusalén pero, tras diversos procesos inquisitoriais, estudiou para poder facer obra de apostolado. Así, realizou estudios de gramática en Barcelona, artes en Alcalá de Henares e Salamanca e teoloxía en París, onde -xunto a outros compañeiros como Francisco Xavier, Laínez, Alfonso Salmerón, Simón Rodríguez, Nicolás Bobadilla, Pedro Fabio- fundou unha compañía destinada a predicar exercicios espirituais e a catequizar o pobo; coas experiencias pedagóxicas, incluíu o ensino medio e superior entre as tarefas propias da nova orde relixiosa, característica da que é o cuarto voto dos profesos de obedecer o papa para cumprir calquera misión entre os fieis e os infieis. En 1537 foi ordenado sacerdote en Venecia e en 1540 Paulo III aprobou a fundación da Compañía de Xesús. Fundou casas da súa congregación en España e Portugal e a súa comunidade de xesuítas é a máis numerosa na Igrexa Católica. Foi beatificado por Paulo V (1609) e canonizado por Gregorio XV (1622). Na iconografía represéntase vestido de sacerdote con sotana negra e faixa ao van ou cos ornamentos en funcións de culto: casula, alba e manípulo; leva como atributos o anagrama de Cristo no peito ou nun disco flamíxero que sostén unha custodia e tamén adoita levar un bordón pastoral de dobre traveseiro, un estandarte co nome de Xesús Cristo e un libro. É avogoso das febres e a súa festividade celébrase o 31 de xullo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Loiola, Gipuzkoa -
Deceso
Lugar : Roma