Igrexa Católica
Igrexa constituída institucionalmente ao redor do bispo de Roma, o papa, e que proclama manter a sucesión apostólica e a primacía e autoridade da sé de Roma sobre todas as outras sés apostólicas. A súa historia foi común, durante séculos, á das Igrexas de Oriente, e durante máis séculos aínda á das Igrexas xurdidas da Reforma.
As orixes da Igrexa
O primeiro campo de expansión da Igrexa foi a comunidade xudía e, a partir de 43, os xentís. A conversión de san Paulo, en 38, deulle á Igrexa un dos seus apóstolos máis militantes e activos. As ideas cristiás chocaban frontalmente co xudaísmo oficial, de xeito que a predicación do diácono Estevo rematou coa súa execución por lapidación en 37. En 44 foi executado o primeiro apóstolo, Santiago o Maior, decapitado por orde de Herodes Agripa I, feito que provocou a dispersión da comunidade dos apóstolos. Os primeiros centros coñecidos foron Damasco e Antioquía, onde se comezou a empregar a denominación “cristián” e onde xa había adeptos antes de 37; a partir de 45 expandiuse por diversas cidades de Asia Menor, Chipre e Grecia. Un gran sector dos primeiros cristiáns pretendía que os novos convertidos aceptasen as prácticas da lei mosaica, entre elas o sinal da Alianza, a circuncisión. San Paulo, entre outros, opúñase, e para chegar a un acordo celebrouse o primeiro Concilio en Xerusalén, en 49. Daquela, decidiuse eximir os novos conversos desas obrigas. Malia todo, a influencia do xudaísmo era moi poderosa na primitiva comunidade, pois a mensaxe de Xesús Cristo non se percibía como unha ruptura, senón como unha continuación da historia de salvación do pobo de Israel; especialmente intensa era esa influencia no grupo de Santiago o Menor, parente de Xesús Cristo, morto violentamente polas autoridades relixiosas xudías (62). Esta morte consumou a ruptura total da nova comunidade cristiá co xudaísmo oficial, feito que, posteriormente, excluíu aos cristiáns de ser víctimas do sitio e destrución de Xerusalén polos romanos (70). Parece que entre 50 e 60 san Pedro se trasladou de Antioquía a Roma, onde chegara a predicación cristiá en 49, segundo o testemuño de Suetonio, e onde había unha comunidade notable en 57, segundo a epístola que lles dirixiu san Paulo. San Pedro e san Paulo morreron martirizados en Roma durante a persecución de Nerón (64-68) e Lino, Anacleto e Clemente convertéronse nos sucesores de Pedro na dirección da comunidade cristiá; sen embargo, as comunidades máis numerosas permanecían en Oriente, cos seus centros principais en Antioquía, Alexandría, Corinto, Éfeso e Chipre. A vida da Igrexa baixo o Imperio Romano foi, ao principio, difícil, porque a relixión romana oficial adquirira connotacións políticas que a converteran nun dos piares fundamentais da lexitimidade imperial, mentres que a Igrexa requiría unha autonomía espiritual. Isto foi causa de discrepancias no seo da Igrexa, como a de Hipólito, primeiro antipapa, e a de Calisto, e debates cos pensadores romanos. As persecucións contra os cristiáns sucedéronse constantemente, aínda que non foron continuas nin totais: destacaron as de Domiciano (81-96), Septimio Severo (202), Decio (250), Valeriano (257) e Diocleciano (303-305). Mentres, a Igrexa expandíase e creaba centros de estudo en Alexandría, Cesarea de Capadocia e Antioquía e iniciaba a produción literaria con Xustino, Hipólito, Orixes ou Tertuliano. Entre os ss II e III destacou neste sentido a Igrexa africana, centrada en Cartago. A loita contra as herexías (gnósticos, milenaristas, subordinacionistas, etc) supuxo o inicio da investigación teolóxica. En 313 o Emperador Constantino proclamou o Edito de Milán, que recoñecía oficialmente a existencia e os dereitos do cristianismo; este recoñecemento propiciou que se iniciara unha etapa de organización e expansión extraordinaria, que culminou coa declaración do cristianismo, por parte do Emperador Teodosio, como relixión oficial do Imperio en 380, e coa clausura dos templos pagáns e a prohibición dos seus sacrificios en 392.
A Igrexa dos primeiros concilios
Coa liberdade relixiosa chegou tamén a época de grande elaboración teolóxica, sobre todo contra as herexías arianas e cristolóxicas orientais. Destacaron Atanasio o Grande, bispo de Alexandría, Gregorio de Nazianzo e Xoán Crisóstomo, bispos de Constantinopla, Basilio I o Grande, bispo de Cesarea de Capadocia, Ambrosio, bispo de Milán, Agostiño, bispo de Hipona, Xerome, eremita, e moitos outros escritores que constituíron o que se chamou a patroloxía. Celebráronse varios concilios ecuménicos, o primeiro en Nicea en 325, que se continuaron con normalidade ata o de Constantinopla en 681 (o oitavo). Tamén houbo nese tempo unha expansión do monaquismo, que nacera en Exipto no s III e, estruturado principalmente por Basilio, estendeuse por todo Oriente e Occidente. Coa división do Imperio Romano en 395 acentuouse a división das cristiandades oriental e occidental. En Oriente os emperadores servíronse da Igrexa como instrumento político e actuaron cun forte cesaropapismo, mentres que en Occidente, desarticulado no Imperio en 476, a Igrexa gozou da súa liberdade e o prestixio papal reclamou a súa autonomía sobre os bispos e os estados xurdidos da desmembración. Coas invasións xermánicas Occidente tendeu á formación de igrexas nacionais, pouco ou moi vinculadas ao papa, segundo o caso, pero carentes da universalidade dos primeiros séculos. Sobresaíu a Igrexa hispano-visigótica, con figuras como Martiño de Braga, Leandro e Isidoro de Sevilla, Braulio de Zaragoza, Ildefonso e Xuliano de Toledo e a cidade de Toledo converteuse no centro dos concilios e da unión desta Igrexa a partir da conversión dos reis visigodos arianos en 586. A súa vitalidade perdurou ata a invasión musulmá de comezos do s VIII. As igrexas franca e merovinxia tamén coñeceron unha etapa de esplendor a partir da conversión de Clodoveo I (496) ata enlazar coa Igrexa Carolinxia, eixe da primeira restauración medieval do Imperio occidental. Nas Illas Británicas, especialmente en Irlanda, desenvolveuse tamén unha igrexa plena de vitalidade grazas á acción de Patricio e dos misioneiros beneditinos enviados polo Papa Gregorio I o Magno, en 596, e dirixidos por Agostiño de Canterbury. Das illas saíron despois moitos monxes e misioneiros como Columbano, Willibrord ou Bonifacio, evanxelizadores dos pobos xermánicos, frisóns e saxóns. Mentres que Occidente se atopaba nunha etapa de evanxelización de novos pobos, Oriente vivía unha época de esplendor baixo o Emperador Xustiniano. Constantinopla, que acadara unha evidente supremacía sobre os patriarcados orientais, viu recoñecido o título de patriarcado ecuménico tralo Concilio de Calcedonia (451). O cesaropapismo dos emperadores provocou grandes divisións en Oriente, que se evidenciaron en controversias teolóxicas fondas, como a cuestión do monofisismo e, sobre todo, nas loitas iconoclastas (717-850). En 863, con Focio, produciuse a primeira ruptua con Roma, que se converteu en definitiva en1054 ( Cisma de Oriente). A Igrexa de Oriente estendeu o cristianismo entre os pobos eslavos e constituíu unha barreira entre os cristiáns romanos e os musulmáns, xurdidos como forza antagónica do cristianismo a partir de 622. As invasións musulmanas foron a causa do afundimento das comunidades cristiás do N de África a partir de 690 e da desintegración da hispano-visigótica a partir de 711.
A Igrexa medieval
Da desorganización provocada polas invasións musulmanas xurdiu a Igrexa medieval, de características netamente europeas e que tendía cara á descentralización. Desaparecida a Igrexa Hispano-visigótica tomoulle o relevo a Igrexa Franca, levada ao seu máximo esplendor polos primeiros monarcas carolinxios e por Bonifacio de Maguncia (672-754), legado papal e organizador da Igrexa Franco-xermánica. A coroación de Carlomagno en 800 uniu os francos co papa e significou a fundación do novo Imperio Romano ao tempo que Roma se desinteresaba gradualmente dos asuntos orientais. Carlomagno constituíuse en defensor do papa, dos seus estados, propulsor da expansión misioneira, árbitro supremo e brazo armado da cristiandade. Fundou escolas palatinas para a formación dos nobres e cregos e impulsou a reforma do clero e do monaquismo; esta última tarefa levouna a cabo o seu fillo Ludovico Pío, axudado polo godo Bieito de Aniana nos concilios de Aquisgrán de 816. O Imperio Carolinxio desintegrouse en 843; aínda que a Igrexa mantivo durante algún tempo o antigo esplendor baixo o Papa Nicolao I (858-867), axiña se viu arrastrada pola desfeita imperial e involucrada nas loitas xurdidas como consecuencia da desaparición da autoridade política e a aparición do feudalismo. Os avances misioneiros na evanxelización dos pobos xermánicos tamén se viron comprometidos polas invasións normandas (845-911) e maxiares (862-955). O denominado “século de ferro do papado” (s X e principios do s XI) foi unha etapa de desordes a causa do afundimento do poder imperial e da intromisión das familias romanas nos nomeamentos papais. A acción do Emperador Odón I e dos seus sucesores pretendeu remediar a situación coa imposición dos seus propios candidatos, pero só serviu para agravala. A auténtica rexeneración provocouna o movemento iniciado en Cluny en 910, que se estendeu a toda a Igrexa con León IX, no s XI, e Nicolao II. As ideas cluniacenses de liberdade da Igrexa e de reforma dos costumes triunfaron plenamente en Roma con Hildebrand, futuro Gregorio VII, impulsor da reforma gregoriana. O monaquismo beneditino, que se estendera amplamente polo occidente cristián, especialmente a partir da época carolinxia, constituíu unha apreciable axuda ao reformismo. Ao seu carón xurdiu o movemento canonical, que lle deu un primeiro impulso á reforma do clero, sobre todo despois das reformas ulteriores achegadas polos agostiños. Os legados pontificios tamén tiveron un papel extraordinario coa xuntanza de concilios provinciais e nacionais, e axiña se impuxo a reforma gregoriana, a autoridade papal e a unificación da liturxia baixo o modelo romano. Simultaneamente, os xuristas e reformadores elaboraron unha nova concepción da autoridade eclesiástica, baseada no concepto xelasiano do poder, que foi a base da conduta posterior dos papas e da curia romana, creada por Urbán II. As relacións entre a Igrexa e o poder civil foron o problema básico de toda a Idade Media: claros exemplos foron a Querela das Investiduras, iniciada baixo Gregorio VII en 1075, e concluída co Concordato de Worms (1122), e as persistentes loitas entre os pontífices e os emperadores Federicos de Alemaña. Entre finais do s XI e comezos do s XIII experimentouse un gran cambio na vida da Igrexa: recuperáronse os concilios ecuménicos co Concilio I de Letrán (1123), despois de cinco séculos de interrupción, aínda que o seu carácter pasou a ser puramente occidental; apareceron novas ordes relixiosas, entre as que destacan os cartuxos e os cistercienses, a reforma dos beneditinos, ou os cóengos ou cregos regulares de santo Agostiño; tamén apareceron ordes militares, como a dos hospitalarios (1080), templarios (1128), do Santo Sepulcro e a orde Teutónica; ordes de redención dos cativos (trinitarios en 1189 e mercedarios en 1218), e, cara ao final deste período, entre 1219 e 1256, as ordes mendicantes (franciscanos, dominicanos, carmelitas ou ermitáns de santo Agostiño). O cénit deste período de vitalidade acadouse no Concilio IV de Letrán (1215), o máis importante da Idade Media. Outros indicios da euforia na cristiandade foron as cruzadas (1095-1274) contra os musulmáns en España e en Terra Santa, e tamén movementos populares como os dos cátaros, seguidos de movementos espiritualistas como os dos fraticelli ou os humiliatoi de Cremona, que a Igrexa non aceptou. Foi tamén o tempo de inicio e esplendor da dialéctica e a especulación teolóxica, a escolástica, que tivo as súas figuras máis sobranceiras en Anselmo, Pedro Abelardo, Alberte o Magno, Boaventura e Tomé de Aquino. O pontificado de Inocencio III, xurista e curial, marcou o momento culminante do esplendor medieval, pois o seu prestixio e arbitraxe foron recoñecidos en materia política. A unión de poderes e a supremacía do poder papal tiveron nel a súa máxima expresión. Os seus sucesores atoparon unha frontal oposición no Emperador Federico II (1215-1250), que chegou a asediar Roma. Inocencio IV, refuxiado en Aviñón, reuniu o Concilio I de Lyon (1245) para destronar o emperador e iniciou unha política de achegamento ao trono francés, que rematou por poñer o papado baixo a influencia crecente do rei de Francia. O derradeiro papa que mantivo os principios de hexemonía papal foi Bonifacio VIII (1294-1303). As doutrinas de Roger Bacon (morto en 1292) e en especial as de Guillerme de Ockham (morto en 1349), iniciaron a vía moderna do pensamento filosófico, que facilitou a superación do sistema monolítico de orde eclesiástica, intelectual e política á que aspiraba a escolástica. A entrada dos papas en Aviñón baixo a protección dos reis franceses (1303-1378) e o conflito que se iniciou en 1378 coa dobre elección de Urbán VI en Roma e Clemente VII en Aviñón, foron a causa do prolongado Cisma de Occidente, que á vez que debilitou o prestixio da autoridade papal, afirmou as intromisións dos estados en materia eclesiástica, coa aproximación dos bispos aos príncipes. O Concilio de Pisa (1409) e o de Constanza (1411-1415) acabaron co Cisma a costa de afirmar as tendencias nacionalistas.
A Reforma e a Contrarreforma
O Renacemento, coa súa carga de afirmación laicista, deixou a súa pegada nos pontificados contemporáneos ao seu desenvolvemento, desde o de Sisto IV ata o de León X (1521), que se converteron fundamentalmente en príncipes temporais, nunha contradición entre a persoa e a función que tiñan encomendada. A piedade popular enriquecíase con novas devocións, que ás veces derivaban en supersticións. Tamén o clero precisaba unha reforma, máis no aspecto pastoral que no moral, pois a función de administrador impuxérase á de pastor. Fronte a esta situación alzáronse varios sectores: os predicadores italianos (Bernardino de Fieltro, Bernardino de Siena ou Girolamo Savonarola) insistiron no exercicio da caridade e a frecuencia dos sacramentos; os humanistas (Erasmo de Rotterdam, Jacques Lefèvre) intentaban mellorar a Igrexa unindo a piedade á erudición; os homes da Devotio Moderna difundían unha nova espiritualidade orientada cara a Xesús Cristo e a Biblia; os bispos hispanos (Diego de Deza, Hernando de Talavera, Jiménez de Cisneros) crearon as primeiras institucións para a formación do clero; Francisco de Vitoria en Salamanca impulsaba un novo estilo de estudo teolóxico. O primeiro intento de asumir universalmente as novas correntes fracasou no Concilio V de Letrán (1512-1517). Neste ambiente inquedo, onde o pontificado se vía ameazado polas tendencias nacionalistas, polo estilo de vida dos seus titulares e pola crítica de sectores espiritualistas e humanistas, xurdiu unha nova concepción da vocación cristiá que aproveitou os desexos de reforma e que recibiu o auxilio interesado dos príncipes, que albiscaron unha posibilidade de intervir nos asuntos relixiosos e tamén de reforzar as súas posicións políticas fronte ao Emperador Carlos V. Esta nova concepción xurdiu dun home dotado dunha forte personalidade, Martiño Lutero. Despois del Xoán Calvino afondou nas consecuencias desa nova concepción; a Igrexa de Inglaterra declarou tamén a súa separación da Igrexa Católica. Para darlle ás novas formulacións doutrinais, á Reforma, unha resposta máis contundente que a dos propios documentos condenatorios, convocouse o Concilio de Trento (1545-1563). Os papas Pío V (1566-1572), Gregorio XIII (1572-1585) e Sisto V (1585-1590) convertéronse en acérrimos defensores das conclusións trentinas. Despois este esforzo decaeu e no s XVII os papas, condicionados polo xogo político de ser xefes dun estado italiano, non souberon manterse fronte ás esixencias do absolutismo e reapareceron na corte pontificia o nepotismo e o dominio dalgunhas familias romanas. Á obra da Contrarreforma sumáronse tanto as antigas ordes como as novas, que adoptaron o estilo do clero regular, máis áxil para as tarefas pastorais, ou como outras congregacións que se especializaban en ministerios concretos, preferentemente o ensino, e a atención aos enfermos (xesuítas, escolapios, irmáns de San Xoán de Deus, camilos, ursulinas, fillas da caridade, etc). A controversia e a apoloxética foron os dous xéneros teolóxicos máis cultivados (Pedro Canisio, Roberto Belarmino), aínda que tamén destacaron teólogos sistemáticos, como Francisco Suárez e os carmelitas de Salamanca. O enfrontamento dos dous bloques relixiosos non foi simplemente doutrinal; as Guerras de Relixión en Francia (1562-1598) e posteriormente a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), xunto coa persecución das minorías disidentes, son manifestacións da intolerancia desta época. Mentres que o cristianismo europeo se dividía, abríanse novas perspectivas misioneiras á obra da Igrexa co descubrimento de América e as viaxes ao Extremo Oriente. As coroas de Castela e de Portugal dirixiron esta obra, na que participaron principalmente os franciscanos, agostiños, dominicanos, xesuítas e capuchinos. A partir de 1622, coa elección da Congregación para a Propaganda da Fe, o papa volveu asumir a dirección do movemento misioneiro. A actitude dun grupo de misioneiros en China (Schall, Rici, Verbiest) e en India (Nobili) de adaptarse máis plenamente ás culturas de ambos os dous países formulou a cuestión dos chineses e dos malabares, que culminou, despois dunha longa controversia, na súa prohibición polo Papa Benedicto XIV (1740-1758) e representou un obstáculo para a expansión do cristianismo naqueles lugares.
Os séculos XVIII e XIX
O fortalecemento da idea de Estado, que perfeccionou o seu sistema burocrático e cambiou ao absolutismo a súa forma de expresión política, incluíu a tentación de circunscribir a Igrexa no ámbito da estrutura do Estado, desligada, na medida do posible, de calquera vínculo xurídico ou disciplinario con Roma dentro da comuñón eclesial. Esta corrente atopou a súa máxima expresión no galicanismo francés, pero tamén apareceu en Austria co Xosefinismo, en Italia co xurisdicionalismo, en España co regalismo e en Alemaña co febronianismo. Estas correntes e a Ilustración non católica desembocaron na supresión universal da Compañía de Xesús (1773) e na celebración do Sínodo de Pistoia (1786). A Revolución Francesa intentou tamén, coa Constitución Civil do Clero, incluír a Igrexa na órbita estatal, nun novo estilo de regalismo moderno que, doutra banda, daba paso a unha sociedade pluralista na que a Igrexa perdía os seus privilexios. Os exércitos franceses revolucionarios (posteriormente napoleónicos) estenderon por Europa esta nova concepción. Fronte a esta postura, a Igrexa aliñouse coa Restauración a partir da recuperación dos Estados Pontificios (suprimidos pola ocupación das tropas da República Francesa) e esforzouse en presentar as doutrinas liberais como anticristiás. A coalición da Igrexa coas monarquías contribuíu a incrementar o anticlericalismo e o laicismo e por iso a separación entre a Igrexa e o Estado converteuse, en ocasións, nunha persecución aberta contra a Igrexa, que nalgúns lugares, como España, se complicou con problemas políticos. A tentativa de conciliar os principios liberais co catolicismo proposta por Lamennais resultou condenada polo Papa Gregorio XVI (1832). Durante a primeira metade do s XIX e, sobre todo, a partir da Guerra de Secesión, establecéronse as primeiras sés católicas en Norteamérica, de colonización británica (creáronse 36 novas dioceses en EE UU) e en Sudamérica impúxose unha sorte de regalismo anticlerical. Por outra banda, a penetración francesa en Indochina a partir de 1835 fixo posible o establecemento de misións en Oriente, ata daquela restrinxidas aos enclaves das potencias ibéricas na rexión, do mesmo xeito, as exploracións do interior de África e Oceanía deron paso á evanxelización deses territorios. Simultaneamente, o movemento irlandés, dirixido por Daniel O’Connell, conseguiu o recoñecemento dos dereitos civís para os católicos en Irlanda e en EE UU. En Francia a reacción tomou un aspecto preferentemente antiintelectualista e romántico, con retorno á tradición e autoridade (ultramontanismo). Nas ciencias bíblicas apareceu a crítica racionalista.
A Igrexa Católica a partir do Concilio Vaticano I
No pontificado de Pío IX (1846-1878) culminou o proceso de unificación italiana, que levou á supresión dos Estados Pontificios coa ocupación de Roma (1870). Máis tarde, cos Pactos de Letrán (1929), naceu a Cidade do Vaticano como estado soberano. Doutrinalmente aquel pontificado adoptou unha actitude negativista, manifestada, sobre todo, coa publicación do Syllabus (1864,) polo quequedaban anatematizados, indiscriminadamente, os movementos de renovación relixiosa, social, política e cultural. Iso explica os receos cos que se recibiu a convocatoria do Concilio Vaticano I (1869-1870). Impúxose a corrente romana e, suprimida a oposición teolóxica, proclamouse a infalibilidade pontificia. A ocupación de Roma polas tropas italianas interrompeu o concilio. Á morte de Pío IX incrementouse o afastamento da Igrexa respecto do mundo obreiro, cultural e político. León XIII (1878-1903) iniciou unha apertura en distintas frontes: na política, co recoñecemento da soberanía e independencia da Igrexa e do Estado; na diplomática, co achegamento aos réximes republicanos (principalmente Francia); na social, coa publicación da encíclica Rerum Novarum (1891); na intelectual, coa axuda ás universidades católicas existentes e a creación doutras novas. Durante este pontificado producíronse tamén notables intentos de achegamento ás igrexas orientais non católicas. Non obstante , estes esforzos renderon poucos froitos. Pío X (1903-1914) concedeu preferencia ao aspecto espiritual da Igrexa, por riba de esforzos diplomáticos, políticos ou sociais. No terreo doutrinal iniciouse unha liña máis ríxida, sobre todo fronte ao modernismo, condenado en 1907. Mentres tanto, as relacións cos diferentes estados complicábanse (triunfo do laicismo en Francia, Semana Tráxica en España, medidas anticlericais, etc). Á morte de Pío X accedeu ao pontificado Benedicto XV (1914-1922), o cardeal Della Chiesa, que fora un dos máis estreitos colaboradores de Pío IX. Home de grandes inquietudes intelectuais, creou novas universidades católicas e concedeu liberdade de investigación. Pío XI (1922-1939) representou unha síntese das dúas correntes anteriores: insistiu tanto nos aspectos político-diplomáticos como no espiritual. A súa foi a época dos concordatos: o máis transcendental foi o que asinou co goberno fascista de Italia, os Pactos de Letrán (1929), que estableceron a existencia do Estado do Vaticano. O papa emprendeu a defensa das minorías étnicas e dos dereitos dos pobos á autodeterminación e condenou o nazismo (1937) e o fascismo (1939, nunha proclama que o seu pasamento lle impediu levar a termo). Socialmente perfeccionou a encíclica Rerum Novarum en 1931 e favoreceu o movemento da Acción Católica en todas as súas vertentes. Esta intervención dos laicos a carón dun clero intelectualmente ben formado deulle á Igrexa unha nova vitalidade relixiosa. Os movementos de renovación teolóxica, litúrxica e pastoral viviron un grande auxe e estendeuse tamén ao campo misional. A Pío XI sucedeuno Pío XII (1939-1958), o cardeal Pacelli, figura discutida polo seu silencio fronte ao exterminio dos xudeus na Segunda Guerra Mundial e polo culto á personalidade que se impuxo desde a curia. A Igrexa conseguiu unha nova apertura con Xoán XXIII (1858-1963). Convocou o Concilio Vaticano II, co que pretendía obter para toda a Igrexa un aggiornamento, unha “posta ao día” ou actualización en sintonía cos tempos. Apelou ao valor da conciencia por riba do da autoridade e á prioridade do ben común fronte á orde pública.
A Igrexa despois do Concilio Vaticano II
Paulo VI (1963-1978) intentou levar adiante a liña aperturista do Concilio. Principiou o seu pontificado nunha liña máis conservadora que o seu predecesor: os seus documentos sobre a Eucaristía (1965), o celibato sacerdotal (1967) e, especialmente, a encíclica Humanae Vitae (1968) provocaron fortes disensións no seo da Igrexa e un desprestixio da autoridade papal. Os seus derradeiros anos de pontificado (1968-1978) caracterizáronse polo inicio da denominada “crise posconciliar”: dunha banda houbo un retraemento da actividade do papa, que non publicou encíclica ningunha, e dende o atentado frustrado en 1970 en Manila non emprendeu ningunha viaxe apostólica máis; doutra banda, produciuse un incremento da contestación eclesial, tanto por parte dos progresistas como dos integristas. Xoán Paulo II (1978), cardeal polaco sucesor de Xoán Paulo I (que finou un mes despois de ser elixido en 1978), foi o primeiro papa non italiano en catro séculos. O seu pontificado, caracterizado polo seu dinamismo, mostrou unha dobre vertente, progresista no social e conservadora no moral e doutrinal. Outros trazos destacados foron o seu labor pastoral a través de visitas apostólicas a países de todos os continentes (visitou Galicia en 1982 e en 1989), o seu interese polo achegamento ecuménico e o incremento das canonizacións e beatificacións, impulsadas con propósito de exemplaridade para a comunidade de fieis.
A Igrexa en Galicia
As primeiras comunidades cristiás apareceron a finais do s III na Gallaecia, onde as principais cidades se converteron en sés episcopais. O priscilianismo (s IV) propiciou a penetración do culto nos núcleos rurais ata a chegada dos suevos (s V). San Martiño de Braga (s VI) estableceu a doutrina ortodoxa en oposición ao arianismo suevo e o territorio galaico quedou baixo a administración da sé de Bracara Augusta. O descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago marcaron o culto a partir do s IX. O bispo Diego Páez (1071-1088) difundiu a reforma gregoriana, mentres que o arcebispo Diego Xelmírez (1100-1140) lle deu o definitivo impulso á sé apostólica. Pola súa banda, nos mosteiros predominaron os beneditinos (ss XI-XII), os cistercienses (s XII) e as ordes mendicantes (s XIII). En 1394 Santiago de Compostela acadou a presidencia metropolitana que incluía tamén dioceses de fóra de Galicia. No s XVI houbo reformas sobre o clero secular e regular. As desamortizacións do s XIX afectaron tanto ao clero regular, coa exclaustración, como ao secular. Durante a II República perdeu a Igrexa o poder docente. Na ditadura franquista restauráronse os dereitos confesionais prerrepublicanos e promoveuse a idea de cruzada sobre a sociedade civil. Co Concordato de 1953, cambiáronse os límites das dioceses. Posteriormente estableceuse o arcebispado de Santiago de Compostela e as dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo. Desde 1960 a renovación pastoral incluíu o idioma galego na liturxia.