Ilustración

Ilustración

Movemento intelectual europeo que se estendeu por Europa entre a Segunda Revolución Inglesa de 1688 e a Revolución Francesa (1789). Caracterizado polo seu carácter científico e crítico, tivo as súas orixes en Reino Unido, desde onde se estendeu primeiro por Francia e despois ao resto de Europa, favorecido pola cada vez maior independencia económica dos intelectuais e de sociedades científico literarias, a aparición da prensa periódica e a internacionalización das edicións. Propúñase iluminar a humanidade coas luces da razón, deixando a un lado a superstición e as formas da relixiosidade tradicionais baseadas na revelación. A análise e a indución foron os procedementos empregados para conciliar o positivo e o racional a través de formas sensualistas e empíricas; a relativización dos principios conduciu a formulacións predialécticas, ao rexeitamento da transcendencia e ao materialismo. O conxunto, unido ao extraordinario interese polas ciencias químico-físicas e biolóxico-naturais, orixinou un gran progreso a nivel técnico e un vitalismo preevolucionista. No eido da teoría política desenvolveuse o principio do soberano subordinado á nación, de xeito que o súbdito pasou a ser cidadán. Entre os pensadores ilustrados europeos destacaron R. Descartes (1596-1650), B. Pascal (1623-1662), P. Bayle (1647-1706), Voltaire (1694-1778), D. Diderot (1713-1784), J. J. Rousseau (1712-1778), Montesquieu (1689-1755), G. Vico (1668-1774) e D. Hume (1711-1776) e entre os españois J. A. Meléndez Valdés (1723-1803), G. M. de Jovellanos (1744-1811) e P. Rodríguez de Campomanes (1723-1803). En Galicia, os ilustrados centraron os seus intereses nas transformacións económicas do país e mostráronse partidarios dos cambios na propiedade da terra e na necesidade de industrialización. Entre outros destacaron Xoán Francisco Castro (1721-1790), Xosé Andrés Cornide Saavedra (1734-1803), Bieito Xerome Feijoo Montenegro (1676-1764), Bernardo Herbella de Puga (1735-1807), Lucas Xosé das Dores Labrada (1762-1842), Luís Marcelino Pereira (?-1811), frei Martín Sarmiento (1695-1772) e Francisco Xavier Somoza (1749-1806).