incendio
(
Lume violento, non controlado e de efectos destrutivos -que se propaga por casas, bosques, etc- e que se caracteriza por elevacións de temperatura anormalmente rápidas, propagacións anárquicas do lume e emisións masivas de gases tóxicos. Os medios de extinción oriéntanse a evitar a propagación cunha actuación precoz (torres de vixilancia, pistas de acceso, depósitos de auga), e a combatela con medios pasivos (devasas) e activos (sufocación do lume con ramas, aspersión de auga transportada en coches motobomba ou en hidroavións, ou, cando o vento é favorable, facendo un contralume). Nas áreas urbanas, emprégase o sistema da proxección da auga, mediante canóns ou mangueiras, en forma de chorro (pleno ou pulverizado), porque é o máis eficaz e menos custoso. Non obstante , en certos casos a auga non é conveniente, e tense que recorrer a outros medios, como o po carbónico (no caso de lumes de hidrocarburos e lumes de subsolos). Como instrumentos de extinción, empréganse escadas telescópicas autotransportadas, cestas con brazo telescópico, coches motobomba, etc. Máis importante ca a extinción é o traballo de prevención de incendios, conxunto de medidas que intentan evitar a xénese ou o seu avance; a prevención débese completar con medidas técnicas (detección, alarma, etc) e tácticas (plan de intervención), que permitan unha acción eficaz de socorro. Os incendios forestais prodúcense nas áreas arboradas de todas as rexións con veráns secos, particularmente na zona mediterránea. Teñen efectos devastadores e repercusións moi graves para o desenvolvemento biótico, independentemente de que a superficie afectada teña cobertura arborada ou de matogueira, pois, en primeiro lugar, desmantelan a cobertura vexetal; en segundo lugar prodúcense alteracións no equilibrio edáfico preexistente, pois o solo fica exposto aos axentes erosivos, especialmente á auga, tanto a da arroiada en superficie como a que se filtra. Neste proceso ten unha grande incidencia o grao das pendentes. Tamén a fauna, que depende da cobertura vexetal, se ve afectada, ben por mortalidade directa, ben por destrución do seu hábitat, feito que a obriga a migrar. Climaticamente -en especial a escala local ou microclimática- as incidencias teñen moita importancia, pois a eliminación das masas arbóreas implican a redución da evapotranspiración, co que a humidade do aire se reduce e as precipitacións diminúen. Os incendios espontáneos forman parte do ciclo natural, pois existen factores meteorolóxicos (os lóstregos) que os poden provocar. Na segunda metade do s XX acentuouse a incidencia dos incendios provocados en Galicia, debido á confluencia de varios factores, especialmente de carácter socioeconómico vinculados ás transformacións estruturais que experimentou o país. A progresiva decadencia das actividades agrarias tradicionais, na que o monte formaba parte indispensable do sistema produtivo doméstico, implicou o abandono de moitas explotacións forestais, nas que empezaron a medrar matogueiras que incrementan as posibilidades de que prenda lume en condicións de seca, como as que rexen durante o verán en gran parte do país. Economicamente as consecuencias son moi graves, pois non só se deben cuantificar as perdas materiais directas, senón que existe unha serie de efectos estruturais perceptibles a medio e longo prazo, como o investimento público en persoal e dotacións; a desconfianza e o retraemento dos investimentos privados nas explotacións forestais ou a destrución das potencialidades como recurso paisaxístico e recreativo.