inconsciente

inconsciente

(< inconsciencia)

  1. adx

    Que se fai ou di sen conciencia nin vontade.

    Ex: Fixo un xesto inconsciente para protexer a cara.

    Antónimos: consciente.
  2. adx

    Que perdeu o coñecemento.

    Ex: Quedou inconsciente e levárono ó hospital.

    Antónimos: consciente.
  3. adx e s Antónimos: consciente.
    1. Aplícase a quen actúa sen pensar e sen prudencia.

      Ex: Lembra o ben que o pasaban naqueles inconscientes anos da mocidade. Es un inconsciente ó ir en moto sen casco.

      Antónimos: consciente. Confrontacións: imprudente.
    2. Que ou quen non é consciente de algo.

      Ex: Os nenos eran inconscientes do que facían.

      Antónimos: consciente.
  4. s m [FILOS]

    Ámbito epistemolóxico ou metafísico non afectado de consciencia. G. W. Leibniz clasificou as mónadas nunha gradación que ía da inconsciencia á máxima consciencia, mentres que E. von Hartmann fixo do inconsciente un ente absoluto cunha finalidade cega que se desenvolvía ata a fin da consciencia.

  5. [PSIC]
    1. s m

      Conxunto de procesos que condicionan a conduta e que non afloran ao umbral da consciencia. Foi S. Freud quen puxo de relevo a súa importancia no comportamento humano. Constituído por desexos e por procesos psicolóxicos reprimidos pola censura, as forzas inconscientes poden influír na vida consciente do individuo e son sublimadas, ás veces, en certos valores superiores, como os artísticos ou relixiosos; os procesos inconscientes vólvense conscientes ao eliminar as represións, sexa a través do sono ou da psicoanálise.

    2. inconsciente colectivo

      Inconsciente común a todos os individuos -segundo C. G. Jung-, composto por arquetipos ou modelos de conduta que pertencen ao dominio do instinto, creado a través de experiencias milenarias da humanidade.