India

India
Nome científico: [nome oficial: República da India; hindi: Bhārat Juktarashtra]

Estado que ocupa a maior parte do subcontinente indostánico. Limita ao O e ao NO con Paquistán, ao N con China e Nepal, ao NL con Bhutan e ao L con Bangladesh e Myammar (3.287.263 km2; 1.027.015.247 h [2001]). A capital é Nova Delhi.
Xeografía física
A India ocupa a maior parte de Indostán, unha península que, segundo a teoría da deriva dos continentes e a tectónica de placas, se corresponde fundamentalmente cun subcontinente desprendido do hipotético continente da Gondwana, que na súa deriva confluíu coa masa asiática, dando orixe ao dobramento himalaio. O relevo de Indostán ou de India articúlase ao redor de tres grandes unidades: Himalaia, onde se rexistran as máximas elevacións do planeta, a península do Deccan e a Chaira Indoganxética. O clima é monzónico e a vexetación, a propia do bosque tropical, coas degradacións respectivas nas áreas áridas e nas zonas elevadas.
Xeografía económica
Aínda que India ten unha economía de mercado, a intervención estatal é considerable, por causa tanto da ideoloxía socializante do réxime como polos problemas estruturais do agro, as deficiencias no abastecemento enerxético e o gran desequilibrio da balanza de pagamentos. O nivel de vida da poboación é un dos máis baixos do mundo e as desigualdades sociais son inmensas. A unidade monetaria é a rupia.
Sector agropecuario
As actividades agropecuarias resultan fundamentais para a economía de India, cuarta potencia agrícola mundial, pois aínda que só achegan o 28% da produción nacional, proporcionan emprego a tres quintas partes da poboación activa. Case inmediatamente despois da proclamación da súa independencia, o goberno elaborou un primeiro plan quinquenal (1951-1955) que trazaba como obxectivos a reforma dos réximes de pertenza da terra, coa supresión dos usos feudalizantes, e a racionalización do tamaño das explotacións. Os cultivos de plantación destinados á exportación manteñen unha grande importancia, pois é o primeiro produtor mundial de té, cana de azucre, bananas e cacahuete e o segundo de tabaco. Outros cultivos destacados son os destinados a abastecer as necesidades do seu inxente mercado interior e nos que tamén se atopa entre os principais produtores mundiais, como son o arroz e o trigo (2º produtor mundial), o millo miúdo (primeiro produtor mundial) ou as patacas (3º produtor mundial). A actividade gandeira tamén é destacada. Posúe o maior armentío bovino do mundo, aínda que o seu aproveitamento está moi limitado pola consideración sagrada desta especie para a relixión hindú, maioritaria no país. Os búfalos, que constitúen unha parte fundamental da forza de traballo, proporcionan ademais leite e carne. Tamén destacan os armentíos caprino (o 2º do mundo), ovino (3º) e porcino (9º), que xunto co bovino a converteu no segundo produtor mundial de leite, primeiro de manteiga e noveno de carne. A explotación forestal é intensa, polo que se converteu no terceiro produtor mundial de madeira, favorecido pola súa condición de país tropical en que medran especies que proporcionan madeiras preciosas, como a teca (nos Ghates Occidentais), o sándalo (no S) e o palisandro, ou outras como o bambú de Bengala, moi apreciado na rexión e aproveitado para a elaboración de papel. No subsector forestal destaca outro cultivo comercial, o da hevea, que converteu o país no cuarto produtor mundial de caucho.
Minería e industria
India é un país rico en recursos mineiros. Nos estados de Bengala Occidental, Bihar e Mahya Pradesh explótanse xacementos carboníferos que constitúen a terceira reserva máis grande do mundo e dos que se tiran anualmente centos de millóns de toneladas de antracita, que converten o país no terceiro produtor mundial. A extracción petrolífera está en expansión e concéntrase nos estados de Gujarāt, Punjab, Assam, Nāgāland e na plataforma continental de Mahārā ṣ h ṭ ra. Ademais, dispón de reservas de uranio, ferro, manganeso, bauxita, ouro, pirita, sal, cobre, chumbo, prata e diamantes. O crecemento industrial (sector que ocupa o 19% dos traballadores) representou o cambio estrutural máis importante desde a independencia do país. Os sucesivos gobernos incentivaron o desenvolvemento da industria pesada, especialmente a siderúrxica e metalúrxica básica, a petroquímica e a enerxética, e preocupáronse por fomentar un tecido investigador que desenvolveu e aplicou as tecnoloxías punteiras ás necesidades do país, que conta con programas de enerxía nuclear, industria e investigación aeroespacial, bioquímica e electrónica. India atópase entre as 12 principais potencias industriais do mundo. Unha das industrias que proporciona maiores ingresos é a cinematográfica: os estudios de Bombai, denominados no mercado internacional Bollywood, son o maior centro produtor de filmes do mundo, que se difunden, sobre todo, nas salas da Asia meridional.
Comercio exterior
A potencia do mercado interior de India, que concentra dentro das súas fronteiras unha sexta parte da poboación mundial, fai que absorba a maior parte da súa produción nacional e, deste xeito, malia a súa magnitude industrial e agraria, tan só participa do 1,1% do comercio mundial. Tamén contribuíu a este feito a política aduaneira dos gobernos indios, que só a principios do s XXI comezaron a introducir políticas liberalizadoras dos intercambios, coa creación incluso de zonas francas. Produtos téxtiles (prendas e tecidos) e diamantes constitúen as principais partidas de exportación polo que respecta ao seu valor, seguidos dos produtos químicos e farmacéuticos, arroz, peixe, aceiro, pel, coiro, té e café. EE UU é o seu principal socio comercial, onde se dirixen o 21% das súas exportacións e o provedor do 11% das súas importacións; curiosamente, EE UU é, xunto con Emiratos Árabes Unidos (o seu segundo maior cliente), o único dos seus oito primeiros socios comerciais cos que mantén unha relación netamente favorable. Tanto con Bélxica (o seu segundo provedor), Reino Unido (a antiga metrópole colonial coa que mantén aínda relacións moi estreitas), Xapón, Alemaña, Arabia Saudí e Italia, mantén relacións moi desfavorables, que en conxunto provocan un gran déficit comercial, de case o 20%.
Xeografía humana

Demografía e poboamento
O s XX caracterizouse por un rápido crecemento da poboación, causado polo mantemento da elevada taxa de natalidade e a progresiva redución da taxa de mortalidade, grazas á introdución de melloras hixiénico-sanitarias, como a profilaxis fronte a epidemias e a intensificación da asistencia. A taxa de crecemento natural é do 17,4‰, resultado dunha natalidade moi elevada (26,4‰) e unha mortalidade reducida (9‰). Malia todo, a esperanza de vida é relativamente breve (62 anos para os homes e 63 para as mulleres) e a incidencia da mortalidade infantil moi intensa (70‰). A poboación é maioritariamente rural (71,6%), aínda que as periferias das cidades están experimentando unha grande afluencia de inmigrantes. As maiores densidades de poboación rexístranse en Bengala, no val do Ganxes. As principais cidades son Nova Delhi, Calcuta, Bombai, Madras e Benarés.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A heteroxeneidade étnica é unha característica esencial da sociedade india, pois moitos grupos foron instalándose neste vasto territorio ao longo da historia, cunha sedimentación lenta, non exenta de conflitos. O grupo étnico dominante é o indoario, instalado principalmente na chaira indoganxética e no litoral. Outros grupos importantes son o támil e o telegu en India meridional; kuruba, peniano e karikkar no S do Deccan e Bengala; pathan e baluchi nas rexións periféricas; e mongol no O. A lingua oficial é o hindi, falado aproximadamente por un 45% da poboación, e o inglés. Ademais, fálanse arredor de 850 linguas e dialectos diferentes, entre os que destacan o telegu, o marathi, o bengalí, o urdu, o támil, o oriya, o rajbangsi e o kasmhiri. Máis das catro quintas partes da poboación profesan a relixión hindú (81,5%). Os musulmáns, malia a redistribución territorial das comunidades no momento da independencia que deu lugar á partición do país en dous estados, India para a comunidade hindú, e Paquistán (que incluía tamén Bangladesh) para a musulmana, constitúen aínda o 12% da poboación. Os sikh constitúen unha importante minoría co 1,8%, os cristiáns católicos son o 1,1%, os cristiáns protestantes o 1,1% e os budistas o 0,8%. Un dos aspectos máis característicos da sociedade india tradicional é a estrutura de castes, de xeito que a pertenza a unha ou outra determina toda a vida e condición social, desde o oficio á residencia.
Desenvolvemento humano
O indicador de Desenvolvemento Humano de India en 1999 situaba o país entre os que contan cun desenvolvemento humano medio. Ocupa o 115º posto, cun índice de 0,571. A esperanza de vida no nacemento en 2000 era de 62 anos para os homes e 63 para as mulleres. O índice de alfabetización de adultos nese mesmo ano foi do 57,2% total da poboación e o índice bruto de escolaridade, do 55%. O PNB real por habitante en 1999 era de 440$ EE ; UU.
Goberno e política
Tras independizarse do Imperio Británico en 1947, India constituíuse nunha República federal integrada por 28 estados, recoñecida na constitución de 1950. Existen ademais seis territorios asociados e un territorio capital (Nova Delhi). O xefe do Estado é o presidente, elixido polo Parlamento para un período de 5 anos. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro, líder da forza parlamentaria maioritaria, e ao seu gabinete. O poder lexislativo reside nun Parlamento bicameral ou Sansad formado polo Rajya Sabha (Consello dos Estados, que conta con 245 membros como máximo, elixidos para un período de seis anos) e a Lok Sabha (Asemblea do Pobo, con 543 deputados elixidos para un período de cinco anos). O sistema legal baséase na common law inglesa. Acepta, con restricións, a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza e permanece en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son: Bharatiya Janata Party (BJP, Partido Popular Indio), dereira hinduísta, que xurdiu despois da fusión do Bharatiya Jana Sangh (BJS, Unión Popular India) co Bharatiya Lok Dal (BLD, Partido do Pobo Indio) e elementos do socialismo; Indian National Congress (INC, Congreso Nacional Indio) populista, fundado en 1885 e dirixido por Mahatma Gandhi, loitou pola independencia do dominio británico; Communist Party of India-Marxist (CPI-M) comunista, liderado por Dipankar Bhattacharya; Samajwadi Party (SP, Partido Socialista), liderado por Mulayam Singh Yadav; e Janata Dal (United) (JD (U) Partido do Pobo (Unido)), socialdemócrata presidido por Sharad Yadav. Entre os partidos rexionais destaca o Telugu Desam Party (TDP, Partido do País Telugu) progresista da rexión de Andhra Pradesh, presidido por Chandrababu Naidu. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth e ONU.
Historia

A Cultura do Indo e as invasións indoeuropeas
As primeiras comunidades agrícolas apareceron cara ao IV milenio a C no val do Indo, e durante o milenio seguinte desenvolveuse unha civilización moi evolucionada, como amosan as escavacións de Harappā (Punjab) e Mohenjo Daro (Sind). A cultura de Harappā ou do Indo acadou o seu apoxeo entre os anos 2500 a C e 2000 a C, e caracterizouse polo emprego de cerámica á roda decorada, a utilización habitual do cobre e do bronce e un notable urbanismo. O seu abrupto final parece vincularse coa invasión dos arios (indoeuropeos) entre os ss XVI a C e XV a C, que introduciron o cabalo e a metalurxia do ferro, e ocuparon sucesivamente o val do Indo, o do Ganxes e o N do Deccan. Este pobo modificou a relixión e a organización socio-política. O vedismo transformouse en hinduísmo e desenvolveuse un sistema de castes. Cara ao s VIII a C os sacerdotes restableceron a súa supremacía e os seus privilexios, que se consolidaron polo sistema de castes.
As invasións occidentais e o Imperio dos Maurya
A finais do s VI a C, Ciro II de Persia e Darío I de Persia incorporaron ao Imperio Aqueménida o NO do país (Gandhāra e Sind). No s IV a C Alexandre o Grande someteu o Imperio Persa Aqueménida e empredeu a conquista das terras ao L do Indo, pero a pesar da derrota do Rei Purū, renunciou á empresa pola oposición do seu exército (327 a C-325 a C). Chandragupta Maurya, señor de Pā ṭ aliputra, (321? a C-296 a C), expulsou do trono de Magadha á dinastía Nanda e fundou a dinastía Maurya, que se estendeu pola conca do Ganxes, Mālvā Pathār, Gujarāt, a maior parte de Punjāb e a península de Kāthiāwār. Os seus descendentes Bindusāra e Aśoka o Grande incorporaron ao imperio o N do Deccan e durante o goberno de Aśoka implantouse o budismo como relixión oficial. A fragmentación do imperio á morte de Aśoka (232 a C) facilitou o retorno dos gregos ás rexións occidentais de India e estimulou a fusión das civilizacións indostánica e helenística, froito da que apareceu a arte greco-búdica. Durante os primeiros séculos da era cristiá o territorio de India viviu un período de prosperidade, en que mantivo frecuentes contactos comerciais co Imperio Romano e China, o que contribuíu á difusión do budismo naquel país.
O Imperio Gupta
No s V fixeron a súa aparición no ámbito hindustani os hunos heftalitas, contra os que combateron vitoriosamente os soberanos guptas durante máis de 50 anos. A prolongada loita esgotou o imperio e provocou a súa decadencia e desmembración a comezos do s VI. A dinastía gupta protagonizou un dos períodos de máxima creación intelectual e artística da historia de India, da que foron mostra as obras dos poetas Kalidasa e os filósofos budistas Vasubandhu e Asanga. Mentres, India do S vertebrouse arredor de dous eixes: o país Maratha (rexión de Bombai), rexido sucesivamente polas dinastías Chālukya (ss VI-VIII) e Rāshtrakūta (ss VIII-X), e o Imperio dos Pallava (ss VI-IX) ao SL do Deccan, que aglutinou ao pobo támil.
A India musulmá
A conquista de India polos musulmáns, iniciada en 712 coa ocupación do Sind e Multān, non tivo continuidade ata o s X cando Subuktigin e o seu fillo Mahmūd se estenderon sobre os vales do Indo e do Ganxes e pola península de Kāthiāwār e conquistaron unha parte de Punjab. No s XII os seus descendentes foron expulsados das terras afganas e de Punjab polos mamelucos de Mu ḥ ammad de Gur, que na súa expansión cara ao L chegaron a Bengala despois de someter os principados do Ganxes. Deste xeito xurdiu o Sultanato de Delhi, rexido polas dinastías mameluca (1206-1290), Khiljis (1290-1320), Tugluq (1320-1412), Sayyid (1414-1451) e Lōdī (1451-1526). A época de Mu ḥ ammad ibn Tughluq (1325-1351) sinalou a máxima expansión territorial do sultanato e o comezo da súa decadencia, polas tendencias particularistas de cada unha das rexións, as ambicións persoais dos gobernadores e da crise financeira provocada polas necesidades bélicas. Sucesivamente independizáronse Madurai, Bengala e o Deccan central. O Reino hindú de Vijayanagara (1340-1565) converteuse no núcleo máis importante da resistencia fronte ao Islam, e sostivo continuas loitas contra o reino musulmán bahmanita (1347-1490). No s XV a soberanía dos sultáns de Delhi só era recoñecida na súa capital. A fragmentación do Deccan incrementouse coa desmembración do reino bahmanita en cinco sultanatos musulmáns.
O Imperio Mongol
Ẓ ahir al-Din Mu ḥ ammad (1483-1530), coñecido como Bābur, conquistou o Sultanato de Delhi (1526) e estableceu as bases do Imperio dos Grandes Mongois. Sucedeuno o seu fillo Humāyūn (1530-1540 e 1555-1556), e a este o seu fillo Akbar (1556-1605), auténtico artífice do Imperio Mongol, que incorporou aos seus dominios Bengala, Gujarāt, Kashmir, Baluchistán, Qandahār e unha parte do Deccan. Durante o seu goberno abandonou a actitude antihindú que caracterizou os seus antecesores e revogou as leis discriminatorias ditadas contra os non musulmáns, estimulando todo tipo de manifestacións culturais. Con Aurangzeb (1658-1707) o Imperio do Gran Mongol acadou a súa máxima expansión territorial trala conquista de Bijāpur e Goladonda (1686-1687) e iniciou unha rápida decadencia, á que contribuíron as revoltas dos hindús provocadas pola intrasixencia relixiosa do soberano, un fanático musulmán sunnita. As provincias independizáronse a comezos do s XVIII e o imperio viuse reducido ás cidades de Agra e Delhi, xunto coas súas comarcas. Esta fragmentación facilitou os proxectos expansivos das potencias coloniais europeas, instaladas nas rexións litorais desde finais do s XV.
A India colonial
A presenza europea nas costas indostánicas iniciouse coa chegada de Vasco da Gama a Calicut en 1498, a expedición de Álvares Cabral (1502) e as campañas dos vicerreis F. de Almeida e A. de Alburquerque, que eliminaron os mercadores árabes do litoral indio e lle entregaron a Portugal a cidade de Goa. A comezos do s XVII as Compañías das Indias Orientais, creadas polos holandeses e ingleses, puxeron fin ao monopolio que exercera Portugal no comercio con India, Sri Lanka e Insulindia. A pesar dos intentos destas compañías comerciais de manterse á marxe dos conflitos bélicos, durante o s XVIII India foi escenario da rivalidade franco-británica. Durante a Guerra dos Sete Anos (1756-1763) as forzas británicas conquistaron Bengala e unha ampla zona da costa oriental do Deccan, mentres as posesións francesas se viron reducidas a cinco enclaves. Holanda abandonou ou vendeu aos ingleses as súas factorías e propiedades en India e concentrou os seus esforzos en Insulindia. A crecente protección militar concedida polo goberno de Londres ás posesións da Compañía Inglesa das Indias Orientais tivo como contrapartida un incremento da intervención deste nos asuntos dos novos territorios. Os gobernadores xerais interviron nas loitas endémicas entre os príncipes indios buscando a ocupación de novos territorios e a ampliación das súas vantaxes económicas ata que, en 1849, a dominación inglesa se estendía practicamente pola totalidade de India.  
O goberno británico de India e a aparición do nacionalismo
A revolta de 1857-1858, iniciada polo motín dos sipaios, amosou a fraxilidade da administración colonial e o profundo descontento popular debido á ruína das manufacturas de algodón local pola importación a grande escala dos tecidos ingleses, á occidentalización forzada e ao empeoramento da situación dos campesiños. Sufocada a rebelión, reorganizouse o exército e mostrouse un maior grao de sensibilidade cara á civilización india. Fundáronse universidades, entre outras en Bombai, Calcuta, Lāhaur e Madras, e realizáronse importantes obras públicas. Non obstante , India conservou o seu papel como mercado das manufacturas inglesas e provedor de materias primas a baixo prezo. Mentres tanto a poboación medraba a un bo ritmo e sufrían ciclicamente crises de subsistencia. A uniformización do país e a difusión da cultura europea contribuíron á aparición dunha conciencia nacional, que tivo no Congreso Nacional Indio (INC), unha asemblea de intelectuais hindús e musulmáns, o seu voceiro máis importante. Nos seus primeiros anos limitouse a reclamar reformas moderadas, posteriormente radicalizou a súa actitude e, desde 1906-1907, esixiu a concesión da autonomía interna ou svarāj. A reforma de lord Minto e lord Morley (Indian Councils Act, 1909) fixo algunhas concesións ao nacionalismo e tratou de debilitar a separación entre hindús e musulmáns. Durante a Primeira Guerra Mundial a colonia permaneceu fiel á metrópole. En 1916, grazas ás xestións de o Mahatma Gandhi, o INC e a Liga Musulmana subscribiron o Pacto de Lucknow para reivindicar unidos a autonomía, e o goberno inglés propuxo que sería outorgada a finais da guerra. As promesas foron incumpridas e a axitación popular foi reprimida con dureza polas autoridades británicas. O Congreso Nacional Indio esixiu a independencia total, e Mahatma Gandhi, inimigo da violencia, preconizou a non cooperación e a desobediencia civil. Fracasadas as conversas entre os dirixentes indios e os partidos políticos británicos, o Parlamento inglés proclamou a Constitución de 1935, de carácter federalista, que non satisfixo a ninguén.
O proceso de independencia e a partición do territorio
Ó comezar a Segunda Guerra Mundial evidenciouse a división na fronte nacionalista. Así, a Liga Musulmana, dirixida por Ali Jinnah, reclamou a formación dun estado que agrupase as provincias maioritariamente musulmanas e defendese a causa dos Aliados, mentres o INC, dirixido por M. Gandhi, mostrouse antibelicista e insistiu na necesidade e urxencia dunha India unida e independente a partir da cal as provincias musulmanas puidesen acadar a autonomía. Trala guerra, o Parlamento inglés aprobou a Indian Independence Act, pola que en 1947 o territorio indio acadou a independencia dividido en dous estados: a Unión India, laica pero cunha maioría hindú, e Paquistán, de relixión musulmana. A partición foi acompañada de violentos enfrontamentos, en que morreron arredor de 500.000 persoas, e grandes movementos de poboación.
A República de India
Pola Constitución de 1950 India converteuse nunha República federal e Jawāharlāl Nehru, primeiro ministro desde 1947, foi confirmado no cargo. A política exterior de Nehru, líder do INC, buscou aglutinar, fronte ao bloque soviético e ao bloque occidental, un conxunto integrado polos países asiáticos e africanos en proceso de desenvolvemento. Trala morte de Nehru sucedeuno como primeiro ministro Bahadur Shastri, do INC, que fixo fronte á guerra con Paquistán por Kashmir (1965). Shastri morreu en 1966 e accedeu ao cargo Indira Gandhi, do INC, que abandonou a neutralidade e as pretensións de liderado do Terceiro Mundo, condicionada pola difícil situación económica. En 1971 a división de Paquistán do L e Paquistán do O en dous estados independentes, Paquistán e Bangladesh, provocou a intervención militar do goberno indio en apoio de Bangladesh. Para fortalecerse diante de Paquistán e China, asinou un acordo coa URSS (1973). En 1975 a primeira ministra Indira Gandhi foi declarada culpable de fraude en relación coas eleccións de 1971, pero non dimitiu, senón que declarou o estado de emerxencia. En 1977 o Bharatiya Janata Party (BJP) gañou as eleccións e o seu líder, Morarji Desai, converteuse en primeiro ministro. Indira Gandhi impúxose nas eleccións de 1980 e accedeu de novo ao cargo de primeira ministra. Durante o seu novo mandato enfrontouse con graves dificultades económicas e sociais. Os enfrontamentos entre as forzas de seguridade indias e os partidarios sikhs, provocaron a morte de 300 membros desta seita no templo dourado e culminaron co asasinato de Indira Gandhi (31.10.1984). O seu fillo, Rajiv Gandhi, sucedeuna no cargo e foi confirmado como primeiro ministro trala vitoria do INC nas eleccións lexislativas anticipadas dese ano. En 1987 Mizoram, Arunachal Pradesh e Goa foron admitidos como novos estados de India, e interveu no conflito de Sri Lanka. Os escándalos económicos e as divisións internas no INC déronlle a vitoria ao Janata Dal, liderado por V. P. Singh, nas eleccións de 1989. O novo presidente tivo que enfrontarse á independencia de Jammu e Kashmir e aos seus promotores, os islamistas paquistanís. A ruptura da Janata Dal favoreceu a chegada ao poder de Chandra Shekhar, do partido nacionalista hindú Janata Dal (United), en novembro de 1990. O novo presidente restableceu o diálogo cos paquistanís, construíu unha política de boa vontade con Nepal e controlou o goberno do estado indio Tamil Nadū. Nas eleccións de maio de 1991, o ascenso do INC permitiu que o seu líder P. V. Narasimba se convertera en primeiro ministro. Poucos días antes das eleccións, R. Gandhi morreu asasinado por terroristas támiles de Sri Lanka, e Shankar Dayal Sharma foi investido novo presidente de India en xullo de 1992. A violencia dos enfrontamentos relixiosos entre hindús e musulmáns provocou a inestabilidade dos sucesivos gobernos e a dimisión dalgún deles. A destrución dunha vella mesquita en Ayodhya por parte dos hindús do BJP provocou o estoupido da tensión relixiosa en decembro de 1992, e os enfrontamentos estendéronse a Paquistán e Bangladesh. A apertura do mercado aos investimentos estranxeiros e a redución da intervención estatal da economía orixinaron protestas, especialmente no sector agrícola, que emprendeu accións directas contra os representantes das compañías multinacionais. Os conflitos entre hindús e musulmáns prolongáronse en 1994, especialmente en Karnātaka, mentres que no exterior o goberno asinou dous acordos con China, polos que se reduciu a presenza militar na fronteira común e se incentivou o intercambio comercial. O debilitamento do INC, froito das escisións, reflectiuse nas derrotas electorais por estados de 1994 e 1995 e propiciou unha mellora nos resultados do BJP. O primeiro ministro Narasimha Rao, que cambiou tres veces o seu gabinete ministerial durante 1995, foi derrotado nas eleccións xerais celebradas en maio de 1996. O fraccionamento das forzas no Parlamento provocou unha situación de inestabilidade en que se sucederon os gobernos de Atal Bihari Vajpayee, H. D. Deve Gowda e Inder Kumar Gujral. En xullo de 1997, Kocheril Raman Narayanan converteuse no primeiro membro da caste dos parias elixido presidente da Unión India. Nese ano producíronse novos enfrontamentos armados con Paquistán na zona de Kashmir. Nas eleccións lexislativas anticipadas de 1998 triunfou o BJP, e o seu líder Atal Bihari Vajpayee foi designado primeiro ministro. Non obstante , o seu goberno perdeu a confianza do Parlamento (17.4.1999), polo que presentou a dimisión. Como primeiro ministro en funcións A. B. Vajpayee ordenou o ataque contra a guerrilla separatista musulmá de Kashmir, que sobrepasara a liña fronteiriza o 26 de maio de 1999. O BJP de Vajpayee venceu de novo nas eleccións parlamentarias celebradas en setembro e outubro de 1999. En xullo de 2002 o musulmán A. P. J. Abdul Kalam accedeu á presidencia do país co apoio da coalición nacionalista no poder.