1 indio
(< topónimo India)
-
Metal do bloque p, grupo III, da táboa periódica, descuberto por F. Reich e J.B. Richter en 1863 nunha blenda de Freiberg (Alemaña). Ten número atómico 49, peso atómico 114,82 e os números de oxidación 1, 2, 3. As dúas liñas principais do seu espectro sitúanse na zona do azul de índigo. Atópase nos minerais de cinc, de chumbo e de estaño, cunha porcentaxe inferior ao 0,1%. Emprégase como capa electrolítica protectora e para preparar aliaxes que se empregan en odontoloxía e en xoiería.
-
-
música india
[MÚS]
Arte musical cultivada en India. Coñécense catro períodos: o védico (s XX a C-II), o clásico (ss II-XI), o medieval (ss XI-XVII) e o moderno (ss XVIII-XX). O védico empregaba catro cantos (veda) diferentes no culto. Na época clásica fixáronse os rāga ou tipos modais. A etapa medieval, coas invasións musulmanas, iniciou a división da música en dúas zonas do país, norte e sur. Na música india do período moderno a improvisación é básica. Os instrumentos máis destacados son os de corda, como o sitar e diversos tipos de arpa, e o sahnai, unha especie de óboe.
-
teatro indio
Arte teatral desenvolvida en India. Este país conta cunha tradición milenaria que presenta unha considerable diversidade de estilos e formas. Con todo, pódense considerar tres fases fundamentais. A primeira coincide co período de pleno desenvolvemento da cultura clásica, vinculada co sánscrito e coa recreación escénica de elementos tirados das grandes epopeas relixiosas do hinduísmo: o Mahābhārata, o Ramaiana e os Purana. Nesta época tamén agroma a obra dramática de poetas como Bhasa, Sudraka, Kalidasa e Bhavabhuti, vinculados aos pazos da nobreza e aos templos relixiosos máis importantes do país, e Bharata escribe o célebre Natyasastra, un estudio sobre a arte dramática e teatral comparable á Poética de Aristóteles. Neste tratado, a arte teatral en India xa mostra unha permanente mestura entre baile, danza, música e codificación da interpretación e do vestiario, que caracteriza as artes escénicas do sueste e do leste asiático. Co inicio das invasións musulmanas, no s X, a vella orde sánscrita comezou a desaparecer e toda a península, sobre todo no N, viviu unha especie de Idade Media, durante a que agromou con forza unha cultura popular que se manifestou de forma local e vinculada ás diversas linguas e dialectos que existen no país. Nesa altura comezaron o seu desenvolvemento xéneros teatrais específicos como o Kathakali, o Krishnattam de Kerala, o Khyal de Rājashtān, o Svanga de Punjab, o Jatra de Bengala ou o Tamasha de Mahārāṣhṭra, sen esquecer o teatro se sombras e bonecos ou a narración oral, que goza de considerable proxección. Trátase de manifestacións escénicas que se manteñen vivas na actualidade a causa dun labor de conservación e promoción en que participaron directores de escena europeos como Eugenio Barba desde a súa Escola Internacional de Antropoloxía Teatral. Finalmente, habería que situar a tradición occidental, que comezou a coller forza en cidades como Calcuta, Bombai ou Madras, trala ocupación británica, e que se estendeu durante todo o s XIX polas máis importantes cidades, unhas veces como simple entretemento e outras como instrumento de loita contra o poder colonial, feito que provocou que o Imperio Británico ditase, en 1879, medidas para establecer a censura. Paralelamente á implantación dos modelos teatrais de occidente, tamén se estableceron escolas de teatro en Delhi, Calcuta, Kerala ou Punjab.
-
adx
Relativo ou pertencente a India.
Sinónimos: hindú, indo. -
s
Natural ou habitante de India.
Sinónimos: hindú, indo. -
arte india
[ARTE]
Arte desenvolvida no territorio de India. Ten unhas características comúns xeográficas, sociais e intelectuais, pero non forma un bloque unitario, posto que no campo relixioso existen grandes diferencias. Cronoloxicamente presenta cinco grandes etapas: formación das culturas do Indo (2700-1500 a C), máxima plenitude autóctona (ss XII a C-XIII), dominio musulmán (ss XIII-XIV), dominio mongol (ss XVI-XVIII) e colonización occidental (ss XIX-XX). É unha arte de carácter eminentemente relixioso, dependente da filosofía, cunha estética baseada nunhas normas canónicas e cunha iconografía onde ten un papel importante o simbolismo e a astroloxía. A primeira etapa ten profundas relacións coa civilización mesopotámica. Desde o s IV a C, a penetración helénica deu un novo pulo á arte e iniciou a etapa autóctona, dividida en diversos períodos. No período Maurya (322-185 a C) apareceu a arquitectura monumental en pedra. Na etapa que inclúe os monumentos Sunga, Kanva e Andhara (185 a C-s III), apareceron as primeiras stupa (Sanchi, Bharu) e chaitya (Bhājā, Kārlī). O subperíodo Kushana (ss I-VII) constituíu a primeira gran manifestación da arte nacional india, posta ao servizo do budismo. O subperíodo gupta (ss IV-VII), supón a etapa de madurez cunha arquitectura monumental e onde destacaron na pintura os murais de Ajanta. Os subperíodos seguintes, que chegaron ata o s XII, corresponden a unha época de fragmentación política e caracterizáronse pola barroquización. Nas etapas musulmana, mongol e colonial as correntes estranxeiras conviviron coas das tradicións locais. Destaca o mausoleo mongol do Tāj Mahal. O s XX marcou a decadencia da arte india autóctona e a adopción de linguaxes internacionais.
-
cine indio
[IMAX]
Arte cinematográfica desenvolvida en India. A obra máis importante do período mudo é a de V. Shantaram, con películas como Nathaji Palkar (1926), Amrit Matham (1927) e Adomi (1928). Coa aparición do cinema sonoro, India puido incorporar á obra cinematográfica toda a súa tradición folclórica e musical. En 1946 tivo lugar o primeiro éxito internacional do cine indio, en Cannes, con Neecha Negar, de Chetan Anad. As máximas figuras da década de 1950 foron Bimal Roy (Do Bigha Zanin, 1954; Devdas, 1955) e, sobre todo, Satyajit Ray (Pather Panchali, 1955; Aparajito, 1956). A partir de 1960 destacou un grupo de novos realizadores (M. Sen, S. Benegal e K. Shahanic), pero a escala artística continuou sobresaíndo Satyajit Ray, que coa súa desaparición deixou un oco difícil de encher, a pesar da actividade de novos realizadores como Mira Nair, que obtivo a Càmera d’Or en Cannes con Salaam Bombay! (1988) e que realizou en EE UU Mississippi Masala (1991). O cine indio atraeu novas xeracións de espectadores con comedias sobre adolescentes enfrontados ás vellas tradicións, como Maine Pyar Kiya (1990) de Sooraj Bharjatiya’s.
-
literatura india
[LIT]
Literatura cultivada en diversas linguas polos diferentes pobos de India. A súa historia comeza no período védico, que vai aproximadamente do 3000-500 a C, e que se coñece como literatura védica ou sánscrita, cunha produción de carácter relixioso e filosófico, e onde destacou tamén a literatura popular. Posteriormente, xurdiron a literatura búdica e, na era cristiá, unha corrente épica e a literatura con fondo histórico. Ademais dunha importante produción dramática e de poesía lírica -de clara tendencia erótica-, o xénero característico foi sempre o narrativo, en forma de fábulas didácticas (Panchatantra) ou ben novelesca (Kathā-sarit-sāgara). Se a produción en tamil, que xa se desenvolvera en época moi antiga co xénero épico, constituíu, a carón das obras en malaialam, a manifestación máis brillante do grupo dravídico, as outras literaturas sufriron unha forte influencia sánscrita. Deixando á parte as tradicións orais, pódese dividir a literatura india en dous grandes grupos: por unha banda aquelas que, como a sánscrita, a tamil e a kanada, se enraízan nunha práctica e nuns textos antiquísimos e, pola outra, aqueles que, como a kashmir e a dogri, coñeceron o uso escrito desde hai relativamente pouco tempo. A literatura india contemporánea ten o soporte institucional da Sahitya Akademi (Academia Nacional das Letras), fundada en 1954 para contribuír ao desenvolvemento das letras, a fixación dos niveis de calidade e a publicación, a difusión e a tradución de obras nas diversas linguas que considera a Constitución: assamés, bengalí, gujarati, hindi, kanada, kashmir, konkani, malaialam, marati, oriya, panjabi, sánscrito, sindo, tamil, telugu e urdu, ademais das linguas dogri, maitili, manipuri, nepalés, pali, tibetana e inglesa. Case todos os xéneros literarios aparecen aquí representados, aínda que predomina a poesía. A novela e mais a narrativa curta aumentaron a súa popularidade, a pesar da súa recente aparición. O teatro é un xénero que se encontra con dificultades debido á competencia da televisión e do cine. A tradución ten importancia como elemento vertebrador das diversas literaturas, especialmente as versións ao hindi e ao inglés, as dúas linguas panindias. Polo que se refire á literatura india en lingua inglesa, distínguense a literatura angloindia, escrita por autores de lingua inglesa, e a literatura indoinglesa (na expresión de V. K. Gokak), que designa as obras escritas orixinalmente en linguas indias traducidas ao inglés por autores indios. Feitas estas distincións, cómpre dicir que a literatura angloindia, coñecida comunmente como literatura india en lingua inglesa, é en realidade o produto de diversos contextos culturais, sobre todo da tradición india clásica, as literaturas indias en linguas vernáculas, o concepto moderno de literatura india e, máis recentemente, a tradición literaria europea. R. Kipling e R. Tagore son testemuño da importancia da produción india en lingua inglesa. Destacan tamén algúns poetas como H. Kabir, M. S. Isvaran, S. Naidu e B. K. Talookdar; novelistas como Ruth Prawer Jhabvala, R. K. Naraya, R. Rao e B. Rajan; e prosistas, representantes do pensamento nacional, como S. Radhakriṣhnan, M. K. Gandhi, J. Nehru e M. Raj.
-
música india
[MÚS]
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente aos pobos orixinarios de América.
-
s
Individuo dos diversos pobos da América precolombina.
-
s
m pl
Pobos da América precolombina e os grupos integrados polos seus descendentes que non se mesturaron cos colonizadores. Esta denominación, aplicada orixinalmente por erro dos descubridores que buscaban o Extremo Oriente, é rexeitada polos antropólogos, que prefiren empregar o termo amerindio.
-
adx