indonesio -sia
(< topónimo Indonesia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Indonesia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Indonesia.
-
s
m
[LING]
bahasa indonesia.
-
arte indonesia
[ARTE]
Arte desenvolvida en Indonesia. Do período prehistórico (1500 a C-1000 a C) consérvanse dolmens, menhires e sarcófagos de pedra. O período de influencia india (100-1400) coincide coa etapa de esplendor, na que houbo un primeiro momento (ss VII-X) dunha forte influencia estranxeira, caracterizada pola ar-quitectura monumental en pedra, como os complexos de Borobodur, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1991), Kalasan e Dieng (s IX); e un segundo período (ss X-XV) marcado na arquitectura por un predominio do uso do ladrillo e unha maior abundancia da decoración escultórica (complexo de Panataran, ss XIV-XV). O período islámico (ss XV-XVII) non supuxo un cambio formal, e o da colonización neerlandesa (s XVII-primeira metade do s XX) representou a fin da arte indíxena baixo a influencia europea, coa excepción da arte autóctona de Bali.
-
música indonesia
[MÚS]
Arte musical cultivada en Indonesia. Os seus focos principais son a illa de Xava e a de Bali. Esta música tradicional, de orixe india, data polo menos do s VIII e non foi modificada pola penetración musulmana do s XVI. Baséase en dous sistemas, o slendro, pentatónico, e o pelog, heptatónico. Os instrumentos forman unha orquestra, chamada gamelan. Xunto á música culta hai un canto popular baseado en melodías de ritmo suave, cun contrapunto dunha certa complexidade, o krontjong.
-
teatro indonesio
Arte teatral desenvolvida en Indonesia. Como acontece en India, as diferentes illas que integran Indonesia presentan unha rica e variada tradición teatral que tamén mostra unha clara vinculación con fenómenos rituais e relixiosos, en bastantes ocasións partindo do Mahābhārata, do Ramayana e doutras crónicas hindús e locais, como as aventuras amorosas de Panji, un príncipe local de Xava, ou a historia dun rei árabe, saga coñecida como Amir Hamzah. O teatro indonesio ten unha grande heteroxeneidade, con teatro de sombras, teatro de máscaras, teatro de actor, manifestacións escénicas relacionadas con diversos ritos, recreación de narracións épicas e diálogos poéticos, formas onde sempre se deixa sentir a importancia da danza, da música, do canto e da improvisación, pois estamos diante dunha tradición en que non abonda a fixación escrita dos textos utilizados na representación. A tradición popular e a relacionada cos templos e pazos presenta unha considerable riqueza, que deu lugar a máis de 20 xéneros diferentes que presentan trazos específicos, relacionados cos medios de expresión, co repertorio ou coa finalidade mesma da creación teatral. Durante o s XX as cidades tamén produciron novas formas de teatro popular que adoitaban manter algunha relación coas formas tradicionais, ao tempo que se introducía o teatro occidental, máis vinculado coas elites, aínda que non deixou de ter unha clara orientación política, como acontece coa obra de W. S. Rendra, que nas décadas de 1960 e 1970 presentou diversos textos en que criticaba a corrupción das clases dirixentes.