Indostán
Península do S de Asia, situada entre Afganistán, ao O, o Himalaia, ao N, o Arakan Yoma e o golfo de Bengala, ao L, o Océano Índico, ao S, e o mar de Arabia, ao O. Está dividida entre os estados de Paquistán, India e Bangladesh, pero considérase unha unidade xeográfica, un subcontinente, que adopta o seu nome do río Indo. Este subcontinente pódese dividir en tres rexións: as rexións gondwanianas, o arco do Himalaia e a Chaira Indoganxética. As rexións gondwanianas correspóndense co bloque vello da India peninsular, de rochas antigas cun relevo que se orixinou por fracturas serodias. No Deccan os encaixamentos e basculamentos de bloques orixinaron un relevo moi diverso: aos relevos disimétricos das aliñacións en sentido L-O do N opóñense os horsts dos Ghates Occidentais e dos Ghates Orientais. O arco do Himalaia, conxunto montañoso do N, non é homoxéneo. ; Así, as cordilleiras baixas das fronteiras persa, ao O, e birmana, ao L, contrastan coa gran masa do Himalaia, enorme cordilleira que no N supera os 8.000 m nos seus cumios (Everest 8.848 m de altitude). As chairas indoganxéticas, situadas entre as outras dúas rexións, constitúen o corazón do mundo indostánico. Son un conxunto de chairas que se estenden desde o Assam ao Sind, formadas polos depósitos aluviais do Indo, o Ganxes e o Brahmaputra no Cuaternario. O clima é tropical a partir dos últimos contrafortes do Himalaia, que actúa de barreira fronte ás influencias glaciais de Asia central. Malia os grandes contrastes rexionais, o clima está completamente dominado polo ritmo estacional dos monzóns, e o 90% das precipitacións anuais recóllense entre xuño e outubro. A chegada do monzón, a mediados de xuño, anúnciase, sobre todo na costa occidental, por chuvias tempestuosas violentas e polo descenso das temperaturas. A excesiva calor deixa paso a unha extremada humidade. As chuvias son menos intensas cara ao interior e o monzón desaparece definitivamente cara ao O. Polo que respecta á vexetación, o Indostán atópase no dominio do bosque tropical. Nas áreas máis áridas é bosque claro, con árbores dispersas, un hábitat que foi practicamente destruído pola acción antrópica na Chaira Indoganxética, substituído por pastos e cultivos. Hai selva tropical húmida na vertente marítima dos Ghates Occidentais e dos montes de Assam. O bosque caducifolio monzónico, que cubría a maior parte da península e a conca do Ganxes, quedou reducido aos Ghates Occidentais, o baixo Himalaia e algunhas bandas do NL. No Himalaia a selva tropical deixa paso ao bosque de montaña caducifolio e de coníferas a partir dos 2.000 m de altitude, e a vexetación alpina desenvólvese entre os 3.500 e os 5.000 m.