Instituto de Ciencias da Educación

Instituto de Ciencias da Educación
Nome científico: [ICE]

Centro que creou o Ministerio de Educación e Ciencia ao abeiro do Decreto 1678/1969, do 24 de xullo, en que se establece como funcións específicas dos ICEs a formación pedagóxica dos universitarios, a investigación activa no dominio das ciencias da educación e o servizo de asesoramento técnico en educación. A Lei Xeral de Educación de 1970 asumiu por completo e reforzou as funcións dos ICEs, como centros universitarios de investigación e especialización. A Orde Ministerial, do 14 de xullo de 1971, aclarou e clasificou as actividades docentes dos ICEs ao centralas en cursos de obtención dos certificados de aptitude pedagóxica para o exercicio da docencia, cursos de perfeccionamento do profesorado en exercicio e outras actividades complementarias. Os ICEs coordináronse a través do Centro Nacional de Investigaciones para el Desarrollo de la Educación (CENIDE), que foi suprimido en 1974 e continuou co seu labor o Instituto Nacional de Ciencias de la Educación (INCIE). Os primeiros ICEs comezaron a funcionar no curso 1969-1970, ano en que tamén iniciou a súa actividade o ICE da Universidade de Santiago de Compostela. Este comezou coas divisións de formación do profesorado, investigación educativa e tecnoloxía educativa; esta última convertida en 1984 en Servicio de Medios Audiovisuais (SERVIMAV). O ICE de Santiago encárgase do estudo técnico para os Informes do Consello Escolar de Galicia e, desde maio de 1988, edita o boletín informativo ICE-Novas.