Instituto da Lingua Galega

Instituto da Lingua Galega
Nome científico: [ILG]

Corporación académica fundada en Santiago de Compostela en maio de 1971 ao abeiro da Lei Xeral de Educación (1970), que prevía o estudo das linguas vernáculas, e do artigo 2º dos Estatutos Provisorios da Universidade de Santiago de Compostela. Os seus antecedentes datan de 1966 cando o profesor Constantino García González tomou posesión da primeira cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e posteriormente pasou a dirixir na facultade de Filosofía e Letras o departamento de Filoloxía Románica. Neste departamento comezaron as diversas investigacións sobre a lingua galega, especialmente, a recollida de material lingüístico en todo o territorio de fala galega. O ILG creouse principalmente para promover o estudo científico da lingua galega e promocionar e divulgar a súa proxección social. Constantino García dirixiuno desde xullo de 1971 ata outubro de 1990, ano en que foi nomeado director en funcións Antón Santamarina. Desde a súa fundación o seu persoal científico investigador estivo constituído, fundamentalmente, por profesores e bolseiros do antigo departamento de Filoloxía Románica e, posteriormente, do departamento de Filoloxía Galega. O ILG centrou moitos dos seus esforzos na elaboración de material didáctico e a introdución do galego no ensino. Neste sentido cómpre mencionar a publicación do método de ensino de galego: Gallego 1, redactado en castelán (1971), e Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974), xa en galego. As continuas presións levadas a cabo polo ILG conseguiron que o galego se incluíse como materia obrigatoria na especialidade de filoloxía das escolas universitarias de formación do profesorado de Galicia. Nun principio o ILG tamén se ocupou da formación do profesorado de EXB e da elaboración de material didáctico adecuado a estas novas esixencias (Unidades didácticas. Curso de perfeccionamento, 1982 e Edigal galego. Primeiro método audiovisual para aprendizaxe da lingua galega, 1985). Ademais participou en diversos medios de comunicación (La Voz de Galicia, TVG) con distintos proxectos para fomentar a aprendizaxe do galego (Faíscas da lingua, Cousas da lingua). A preocupación pola depuración e unificación do galego escrito levouno a promover a publicación das Bases prá unificación das normas lingüísticas do idioma galego (1977), punto de partida das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982). Non obstante , a pesar de todo o seu traballo, coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983), o ILG quedou relegado a un segundo plano ao non ser considerada unha institución clave para a actualización da normativa lingüística. En canto ás súas liñas de investigación, os proxectos máis ambiciosos están a darse no campo da cartografía lingüística e na lexicografía; aínda que tamén se traballa en toponimia, gramática galega sincrónica e diacrónica, linguaxe administrativa, onomástica, sociolingüística, estandarización, historia externa ou historiografía lingüística. No campo da dialectoloxía e cartografía lingüística destaca a elaboración do Atlas lingüístico galego (ALGa), dirixido por C. García e A. Santamarina, no que se ofrece unha descrición polo miúdo da realidade fonética, morfosintáctica e léxica da lingua galega. No campo da lexicografía cómpre subliñar: o Tesouro Lexicográfico da Lingua Galega, que conta cunhas 800.000 fichas, especialmente do galego oral; o Dicionario básico da lingua galega (1980), dirixido a nenos de entre 7 e 10 anos, cunhas 2.000 entradas, que foi o primeiro dicionario redactado en galego; o Vocabulario de Frecuencias da Lingua Galega, dirixido por Manuel González González; o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGA), que se publicou (1989) en edición non venal, e que trata de fixar as formas consideradas correctas no galego común; o Dicionario inverso da lingua galega; o Dicionario da lingua galega (1990), publicado en colaboración coa RAG; a Base de datos lexicográfica do galego moderno, que recolle o léxico galego utilizado desde o s XVIII ata a actualidade, especialmente o procedente da lingua escrita; a participación na publicación de diversos vocabularios temáticos (Vocabulario de matemáticas, física e química, 1988, e Vocabulario xurídico-administrativo); e o Dicionario histórico galego, dirixido e coordinado por Ramón Lorenzo. Recibiu o Premio Ossian (1982), concedido pola Fundación F. V. S. de Hamburgo, o Premio da Crítica Galicia (1983), o Premio Xunta de Galicia de Investigación (1985) e o Premio Otero Pedrayo (1989).