intercambio

intercambio

(

  1. s m

    Acción ou efecto de intercambiar.

  2. s m [ECON]

    Cambio ou permuta de bens e servicios que realizan dúas ou máis persoas, sociedades ou entes entre si.

  3. s m [METEOR]

    Fenómeno que, por efecto da turbulencia, ten lugar entre dúas masas de aire. Teñen especial importancia os intercambios de calor, de humidade e de cantidade de movemento.

  4. intercambio de notas/de cartas [DER]

    Acto diplomático constituído por dous ou máis documentos que se dirixen mutuamente aos representantes de dous gobernos. As notas teñen por finalidade constatar o acordo ao que se chega despois dunha negociación previa.

  5. intercambio iónico [QUÍM/FÍS]

    Proceso quimicofísico segundo o cal, ao porse en contacto unha solución iónica cun composto inmiscible de constitución axeitada, que se denomina intercambiador iónico, prodúcese a fixación neste dos catións ou dos anións de dita solución, co cambio, respectivamente, de cantidades equivalentes de catións ou de anións, procedentes do intercambiador, que son liberados do seu retículo e pasan á solución. O intercambio pode ser catónico ou aniónico, segundo o signo da carga dos ións intercambiados. Na práctica, póddese levar a termo o proceso de intercambio iónico segundo dúas técnicas diferentes: operación en baños discontinuos e operación por percolación en columna. Na primeira, engádese unha cantidade de intercambiador na solución e trátase e axítase ata que alcanza o equilibrio entre as dúas fases, de xeito que o intercambio non é nunca total. Pode chegar a selo na operación por percolación en columna, posto que a solución que flúe ao longo dunha columna chea de intercambiador, a medida que vai deixando os seus ións, vai entrando en contacto co intercambiador fresco. Con esta última técnica, o intercambio iónico atopou múltiples aplicacións, a maioría contidas nalgún dos catro grupos seguintes: substitución dun ión determinado por outro, eliminación ou separación dun ión que interfire, análise de substancias presentes en cantidade moi pequena e, finalmente, a separación de ións entre eles ou de substancias de propiedades moi similares, caso en que se inscribe a cromatografía de intercambio iónico.

  6. intercambio isotópico [FÍS]

    Substitución mutua de átomos dun mesmo elemento, entre dúas moléculas, pero isotopicamente diferentes. HD + H 2 O ⇋ H 2 + HDO. O emprego de trazadores puxo en evidencia a espontaneidade das reaccións de intercambio isotópico.

  7. intercambio spin-carga [QUÍM]

    Fenómeno fisicoquímico de carácter fundamental que consiste no movemento ou permutación, non resoante, de electróns solitarios e cargas positivas ou negativas, de forma intramolecular, en determinado tipo de substancias orgánicas fortemente cloradas.

  8. intercambio xénico [XEN]

    Fenómeno que consiste nun cambio entre segmentos equivalentes dunha parella de cromosomas e, polo tanto, de material xenético. Este fenómeno ten lugar durante o entrecruzamento.