Ir Indo Edicións
Empresa editorial fundada en Vigo por Bieito Ledo Cabido en 1985. Ao longo da súa traxectoria exerceu a función de xerente Xelasio Suárez Santiso e desempeñaron o cargo de director literario Modesto Hermida (1985-1990), Antón Mascato (1991-1998) e Xosé A. Perozo (1998-2003). Comezou a súa andaina publicando dicionarios normativos en galego, para logo converterse nunha editorial con máis de catrocentos títulos repartidos en varias coleccións: Narrativa, onde se inclúen algúns títulos de autores galegos como Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego, Alfredo Conde, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Xosé A. Perozo, Marilar Aleixandre e Tucho Calvo, ademais de traducións de autores estranxeiros, como Roald Dahl, Robert Musil ou Joseph Conrad; O Parrulo, dirixida aos primeiros lectores; Nabarquela e Elefante Contacontos, para o mundo infantil e xuvenil; Clásicos Universais, dirixida por Anxos Vázquez Rodríguez, en que se editan traducións de autores como Edgar A. Poe, Rudyard Kipling, F. Scott Fitzgerald e Jules Verne, orientados a lectores de ensino secundario e adultos; A fraga, de ensaio e investigación; e Galegos na Historia, dirixida por Xosé González Martínez, e en que se inclúen unha serie de biografías de persoeiros que deixaron ronsel co papel desempeñado en diversas áreas da cultura e da política. Ademais, Ir Indo Edicións foi innovadora en libros de imaxe coas coleccións Cidades e As Vilas, onde aparecen representados os principais concellos de Galicia. Outra das súas novas achegas é a obra completa de Concepción Arenal en castelán, á que seguirán outros autores clásicos galegos. No ano 1998, a editorial emprendeu o proxecto de crear a primeira enciclopedia en lingua galega, a Enciclopedia Galega Universal (EGU), composta por 16 tomos e na que participa un equipo de redacción formado por máis de vinte especialistas, apoiado por un equipo externo de trinta redactores, cincuenta asesores vinculados ás tres universidades galegas e máis de catrocentos colaboradores. Entre os anos 2003 e 2004 acometeu a publicación do Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), en colaboración con La Voz de Galicia. Consta de 60 tomos redactados por un equipo de trinta especialistas dirixidos por Bieito Ledo Cabido.