Iraq
Estado de Asia, en Oriente Medio, que limita ao N con Turquía, ao NO con Siria, ao O con Xordania, ao L con Irán, ao S con Arabia Saudí e ao SO con Kuwait e o Golfo Pérsico (434.128 km2; 23.584.000 h [estim 2001]). A súa capital é Bagdad.
Xeografía física
A maior parte do país está ocupada por unha gran chaira aluvial drenada polos ríos Tigris e Éufrates denominada Mesopotamia. O clima é continental, con veráns moi calorosos e invernos relativamente temperados. As precipitacións, moi escasas, adoitan ser torrenciais e provocar enchentes nos ríos, que producen inundacións. Excepto as áreas cultivadas, a vexetación é esteparia e desértica; tan só á beira dos ríos medran as palmeiras.
Xeografía económica
Os cultivos predominantes son os cereais (trigo, arroz e millo), hortalizas, legumes, patacas e froiteiras (vide, maceiras e cítricos), tabaco, algodón, oleaxinosas (oliveiras, sésamo e xirasol) e cana de azucre. Na baixa Mesopotamia é importante a produción de dátiles. Camelos e búfalos constitúen a maior parte da gandería; tamén se cría gando ovino, bovino, equino e caprino, ademáis de aves de curral, que fornecen o país de carne, leite, ovos e la. A pesca é fundamentalmente fluvial. En conxunto, as actividades agropecuarias empregan ao 16% da poboación. O principal recurso económico é o petróleo, do que chegou a ser o cuarto produtor mundial. Os xacementos máis importantes atópanse en Kirkūk, de onde saía un oleoduto que transportaba o petróleo ao Mediterráneo. A guerra con Irán (1980-1988) destruíu esta e moitas outras infraestruturas. Para evitar o estrangulamento da súa única fonte de divisas, emprendeuse a construción de oleodutos máis longos, que acceden ao Mediterráneo por Turquía e ao Mar Vermello por Arabia Saudí. Tamén é importante a extracción de gas natural. O abastecemento eléctrico é insuficiente para satisfacer a demanda. Hai industria téxtil de la e de algodón en Bagdad e en Mosul, fabricación de seda artificial en Al-Hindīya, así como petroqímica, tabaqueira, siderúrxica, alimentaria (azucre, carne, produtos lácteos, cervexa), produción de abonos nitroxenados, aceites vexetais, xabóns, calzado, peletería e cemento. As comunicacións son moi deficientes e céntranse nas beiras dos dous grandes ríos mesopotámicos, especilmente no Tigris, navegable durante todo o ano. Os portos principais son Basora, o maior do Golfo Pérsico, e a terminal petroleira de Al-Fāw. O aeroporto de Bagdad é o maior do país. O comercio internacional viuse condicionado polo embargo decretado trala invasión de Kuwait e a Guerra do Golfo que levou a súa economía a unha situación de gran precariedade.
Xeografía humana
Iraq é un país pouco poboado aínda que, durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e os seguintes anos experimentou un gran crecemento demográfico, consecuencia das altas taxas de natalidade. A poboación está distribuída irregularmente concentrándose as maiores densidades na chaira central de Mesopotamia mentres que, a rexión SO rexistra densidades moito máis baixas. O 76,3% da poboación reside en núcleos urbanos.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Etnicamente dominan os árabes (77%); o resto dos iraquís son kurdos (19%), turcománs (1,4%), persas (0,8%) e asirios (0,8%). A lingua oficial do estado é o árabe; a nova Constitución provisional de 2004 recoñeceu o kurdo como idioma oficial. A Constitución provisional de 2004 establece o Islam como a relixión oficial do Estado e como a fonte de lexislación. A maioría da poboación é musulmana, da que o 62,5% é xiíta e o 34,5% é sunnita; as outras filiacións relixiosas representan o 3% da poboación restante. A escolarización é gratuíta e obrigatoria durante seis anos na ensinanza primaria.
Desenvolvemento humano
Irán presenta un Índice de Desenvolvemento Humano de 0,567, que o sitúa entre os países cun índice de desenvolvemento medio. A esperanza de vida ao nacer é duns 65 anos para os homes e de 68 anos para as mulleres. O PNB por persoa en 1996 era de 596 $ EE UU.
Goberno e política
Desligado do mandato británico ao que se viu sometido trala derrota do Imperio Otomano (1918), Iraq converteuse nunha monarquía independente en 1932, en 1958 proclamou a república e en 1968 aprobou unha constitución, emendada con posterioridade. Desde 1979, o poder concentrouse nunha soa persoa, Saddam Ḥ usayn, líder do partido Baas, que exerceu como presidente da república, como primeiro ministro e como secretario do Consello da Revolución. A invasión de Iraq pola coalición angloestadounidense na primavera de 2003, substituíu o réxime de Ḥ usayn por unha administración militar dirixida por EE UU e que, coa participación doutros aliados, prevía a apertura dun proceso electoral en 2004, que permitise a formación dun novo goberno iraquí. O 8 de marzo de 2004 aprobouse unha Constitución provisional que ten previsto entrar en vigor en xuño de 2004 na que se garanten as liberdades fundamentais e os dereitos da muller e se recoñece a autonomía de Kurdistán. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e OPEP.
Historia
A islamización e a penetración europea
Trala conquista árabe de Mesopotomia (637) tivo lugar unha reestruturación do territorio que, na zona S pasou a denominarse ’Irāq al- ’Arabī. Durante o califato de Abū Bakr (s VIII) produciuse a súa islamización. A poboación, fiel á causa xiíta, protagonizou unha continua insurrección contra os omeias. Trala caída do Califato de Bagdad, pasou sucesivamente ao poder dos buwayhís (932), os seleúcidas (1055), os mongois (1258) e os safávidas (1509). Despois, formou parte do Imperio Otomano ata 1918, agás o período persa (1623-1658). O conglomerado de etnias e grupos (árabes, kurdos, turcománs e asirios) e a diversidade relixiosa (cunha maioría da poboación xiíta, enfrontada aos turcos seléucidas sunnitas ou aos kurdos, xunto coas minorías xudías e nestorianas) provocaron unha profunda inestabilidade. A partir do s XIX engadiuse a penetración europea, principalmente inglesa, francesa e alemana, coa consecuente reacción nacionalista. Os británicos invadiron Mesopotamia e ocuparon Bagdad en 1917 e, trala derrota do Imperio Otomano (1918,) o país quedou sometido á administración británica (1920), que impuxo a dinastía haxemita na persoa de Fay ṣ āl I de Iraq (1921-1933).
A monarquía tutelada
O novo estado, oficialmente autónomo, permaneceu ligado politicamente aos intereses de Reino Unido e adquiriu rapidamente unha estrutura administrativa, integrada pola elite sunnita. Entre 1920 e 1930 a inestabilidade interna manifestouse nas rebelións de diversas tribos. En 1929 creouse a Irak Petroleum Company (IPC), que obtivo a autorización para a explotación do subsolo do país (1930). Malia a fin do mandato de Reino Unido (1932), os británicos conservaron as súas bases militares, xunto á liberdade de tránsito no país para as súas tropas e a influencia nas decisións do monarca. No período comprendido entre 1932 e 1958 sucedéronse diversas insurreccións e rebelións das minorías kurdas, asirias e xiítas, que foron sufocadas polo exército. A represión incrementou o descontento popular, apoiado polas organizacións nacionalistas e de esquerdas. O fracaso na guerra contra Israel estendeu o descontento entre as bases sociais e, malia que no novo acordo cos británicos da IPC (1952) Iraq experimentou un incremento na súa marxe de beneficios, a oposición á monarquía incrementouse. A actitude prooccidental, que se reflectiu na súa entrada no Pacto de Bagdad (1955), unha alianza militar con Turquía, Reino Unido, Paquistán e Irán, incrementou a oposición á monarquía.
Os gobernos nacionalistas de Kassem e Aref
En xullo de 1958 os oficiais nacionalistas e de esquerdas deron un golpe de estado que contou co apoio popular, e puxo fin á monarquía do Rei Fay ṣ āl II. O xeneral ‘Abd al-Karīm Kassem fíxose co poder, pero entre os golpistas diferenciáronse dous grupos: un bloque nacionalista, formado polo Hizb al Baath al’Arabiyah al Ishtiraki (Partido do Rexurdimento Socialista Árabe, Baas) e apoiado polos musulmáns sunnitas; e un bloque de esquerdas impulsado polos comunistas e apoiado polos xiítas e a minoría kurda. O xeneral Kassem concentrou os cargos de primeiro ministro, ministro de defensa e xefe das Forzas Armadas, mentres que o coronel ‘Abd al-Salam Aref, viceprimeiro ministro e segundo xeneral en xefe das Forzas Armadas, representaba o Baas. O xeneral Kassem desprazou do poder os representantes do Baas, feito que provocou intentos de golpe de estado e rebelións. Cara a 1960 Kassem perdeu os seus aliados e transformou o goberno nunha ditadura militar de tipo nacionalista, antioccidental e prosoviética, que rexeitaba o panarabismo socialista do Baas. Despois da gran revolta kurda (1961), triunfou un golpe de estado liderado polo partido Baas (1963) e o coronel Aref foi nomeado presidente provisional da república. O novo goberno iniciou un proceso de achegamento a Exipto, impulsou a nacionalización da banca e das industrias e fusionou todas as organizacións políticas na Unión Socialista Árabe.
O goberno do partido Baas
Despois da morte do coronel Aref (1966) sucedeuno brevemente o seu irmán ata que foi destituído por un golpe de estado (1968) e deulle a presidencia a A ḥ mad Hassan al-Bakr, do partido Baas, mentres Saddam Ḥ usayn ocupou a vicepresidencia. O goberno do Baas marcou un período de relativa estabilidade interna que durou uns dez anos, malia que entre 1968 e 1970 se sublevou o Masaud Barzani (Partido Demócrata do Kurdistán, PDK) que conseguiu a participación de cinco ministros kurdos no goberno. En 1973 o Baas acadou un pacto con forzas de esquerda e cos kurdos, que deu orixe a Al Jabha al Wataniyah al Wahdwamiiyah (Fronte Nacional Progresista). A hexemonía do Baas nesta fronte e a intervención soviética en Afganistán provocaron tensións cos comunistas, que a abandonaron. En 1975 o país asinou un acordo con Irán que puxo fin a unha longa disputa territorial.
O goberno de Saddam Ḥ usayn
Tras forzar a dimisión de Hassan al-Bakr en 1979 chegou ao poder Saddam Ḥ usayn, que realizou unha purga entre os membros do Baas que puideran conspirar contra el. A caída do xa e a proclamación da República Islámica de Irán reavivaron o nacionalismo kurdo e mobilizaron á comunidade xiíta no S de Iraq. O 17 de setembro de 1980, o goberno de Iraq declarou nulo o acordo fronteirizo de 1975 entre Iraq e Irán, polo que os iraquís reclamaban a totalidad da desembocadura do Sha ṭṭ al-Arab. O exército iraquí emprendeu unha ofensiva contra Irán o 21 de setembro do 1980, coa axuda financeira dos países veciños, preocupados polos efectos desestabilizadores que podía ter a revolución islámica. O conflito prolongouse entre 1980 e 1988, Iraq non conseguiu ningún avance territorial, pero o enfrotamento serviulle a Saddam Ḥ usayn para acadar a hexemonía sobre o partido Baas e aproximarse a occidente e ás monarquías do Golfo Pérsico.
A Guerra do Golfo Pérsico
En 1990 Iraq, convertido na potencia militar da zona, atopouse inmerso nunha grave crise económica, como consecuencia das débedas e a destrución provocada polo conflito con Irán. Os intentos de solventala, incrementando o prezo do cru, atopáronse coa oposición da maioría dos países da OPEP e, particularmente, de Kuwait. As diferencias sobre a explotación do petróleo e a busca dunha saída á crise provocaron a invasión de Kuwait na madrugada do 2 de agosto de 1990. A ONU reaccionou coa condena da agresión de Iraq mediante a Resolución 660 e decretou un embargo xeral contra Iraq. Saddam Ḥ usayn fracasou ao tentar aliñar ao resto dos países árabes contra os intereses occidentais e israelís. EE UU despregou as primeiras tropas en Arabia Saudí como defensa fronte ao expansionismo iraquí. Saddam Ḥ usayn respondeu anexionando formalmente Kuwait o 8 de agosto. Nos meses seguintes producíronse intentos negociadores, ata que o 17 de xaneiro de 1991 unha coalición integrada por EE UU e unha alianza de 32 países liberou Kuwait na denominada Guerra do Golfo Pérsico. O conflito rematou o 28 de febreiro de 1991 trala rendición de Iraq.
As consecuencias da Guerra do Golfo Pérsico
A fin do conflito derivou nunha guerra civil en Iraq, en que os colectivos kurdos e xiítas se enfrontaron co rexime totalitario de Saddam Ḥ usayn. As contradicións na política de EE UU e a inacción dos Aliados, permitiu que Saddam esmagase a revolta xiíta a finais de marzo de 1991 e derrotase os kurdos a comezos de abril dese ano. A guerra civil provocou o éxodo de centos de miles de persoas, especialmente kurdos, cara a Irán e Turquía. A situación obrigou á ONU a impoñer zonas de neutralidade e exclusión aérea en Iraq desde agosto de 1991 para protexer a minoría kurda no N e á poboación xiíta no S do país. Como consecuencia da invasión, a ONU impúxolle a Iraq un estricto embargo comercial e a obriga de destruír o seu armamento químico, biolóxico e nuclear, baixo a súa supervisión. Os desafíos do réxime iraquí ás condicions da ONU non permitiron reducir as tensións na zona. En marzo de 1995 as tropas turcas, apoiadas por EE UU, penetraron en Kurdistán iraquí para reprimir o Partido dos Traballadores Kurdos. O 15 de outubro de 1995 o presidente iraquí viuse confirmado no poder ata o 2002 por un referendo de dubidosa legalidade, en que acadou o 99,96 % dos votos. Nas lexislativas de marzo de 1996, e nas municipais de maio dese ano, o réxime de Saddam Ḥ usayn viuse confirmado pola poboación. A Comisión Especial das Nacións Unidas (UNSCOM), encargada de supervisar o desarmamento iraquí, tivo que abandonar o país en decembro de 1998, logo da acusación de espionaxe realizada polas autoridades iraquís. Trala saída dos inspectores da ONU iniciouse a operación Raposo do Deserto, en que avións de EE UU e Reino Unido bombardearon obxectivos de Iraq, que se negou a readmitir os inspectores ou a colaborar coa ONU. O partido gobernamental Baas confirmou a maioría nas eleccións lexislativas de marzo de 2000.
Unha nova crise cos EE UU
A tensión entre o réxime iraquí e EE UU incrementouse en xaneiro do 2002, despois de que EE UU confirmase que Iraq sería un dos obxectivos da campaña antiterrorista que lideraba tralos atentados do 11 de setembro do 2001. O 19 de agosto de 2002 Sadam Ḥ usayn foi confirmado pola Majlis al-Watani (Parlamento) como único candidato á reelección da presidencia do país e foi reelexido nun referendo celebrado o 15 de outubro por practicamente o 100% dos votos. En novembro de 2002 o Consello de Seguridade da ONU votou por unanimidade a favor do proxecto presentado por EE UU e Reino Unido, a Resolución 1441, pola que Bagdad tiña unha última oportunidade para eliminar os seus programas de armas de destrución masiva. Días máis tarde, Iraq aceptou a Resolución e permitiu a volta ao traballo dos inspectores da Comisión de Control Verificación e Inspección (UNMOVIC). Mentres, no N de Iraq as faccións kurdas lideradas por Massud Barzani e a Jalal Talabani uníronse trala mediación de EE UU e reabriron o Parlamento rexional. A pesar das escasas probas presentadas polos inspectores do arsenal iraquí, e ante a falta de colaboración por parte das autoridades de Iraq, EE UU e Reino Unido influíron para acadar unha nova resolución da ONU que autorizase o emprego da forza contra Iraq. A falta de unidade internacional, coa oposición de Alemaña, Francia, Rusia e China, non impediu o comezo dunha nova intervención armada das forzas de EE UU e Reino Unido contra Iraq na madrugada do 20 de marzo de 2003. Despois dunha rápida ofensiva, o 10 de abril as tropas de EE UU impuxeron a súa superioridade militar e tecnolóxica e entraron en Bagdad. A situación de caos e incerteza que se estendeu polo país, xunto á desaparición de Saddam Ḥ usayn , deixou o poder nas mans da Administración estadounidense ata a apertura dun proceso electoral que permitise a formación dun novo goberno iraquí. O 8 de marzo de 2004 o Goberno ; Transitorio iraquí ratificou a Constitución provisional que rexería o país ata a celebración dunhas eleccións. A asemblea resultante deses comicios, sería a encargada de redactar unha constitución permanente.