Iria Flavia, Santa María de

Iria Flavia, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Padrón. Está edificada no soar que ocupou a vella catedral da diocese de Iria, sufragánea de Braga. Foi colexiata ata 1851. Coñécese tamén como Santa María de Adina. Construíuse un primeiro templo paleocristián, do que se conservan restos arqueolóxicos, que puido edificarse no s I. Sobre este edificio fíxose unha igrexa prerrománica, arrasada en tempos de Almanzor. O arcebispo Xelmírez mandou construír no s XII unha igrexa románica, terminada no s XIII en estilo oxival. Tiña tres naves separadas por columnas e tres ábsidas. Desta construción consérvase a portada gótica, onde se labrou no tímpano a Adoración dos Reis Magos. No s XVIII o arcebispo Monroy restaurou o edificio, que adoptou a planta rectangular con tres naves, cruceiro e presbiterio, todo cuberto con bóvedas de aresta. Deste século son as torres rematadas en pirámides de chanzos, realizadas por Pedro García de Cotobade de xeito semellante á torre do Tesouro da catedral compostelá. Segundo a tradición no seu interior enterráronse os 28 primeiros bispos irienses. Entre outros sepulcros destaca o coñecido como o Corpo Santo e o xacente de Rodrigo de Luna, do s XV. Ao redor da igrexa atópanse sepulcros antropomorfos, lousas sepulcrais e outros restos procedentes das excavacións do adro e do soar. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en 1975.