Irlanda do Norte

Irlanda do Norte

Territorio do NL da illa de Irlanda que forma parte de Reino Unido (13.576 km2; 1.702.000 h [2000]). A súa capital é Belfast.
Xeografía< /B>
O 62% da poboación é protestante e o 38% católica. Os protestantes son maioritarios en Belfast e nos distritos máis orientais do país, onde se concentra a produción industrial, mentres que os católicos habitan os condados rurais e os barrios periféricos de Belfast. O desenvolvemento do país vese moi freado polo conflito político. Malia a estreita vinculación con Reino Unido, a renda per cápita é sensiblemente inferior á do conxunto do país, pois non chega ao 70% dela.
Historia
Está formada polos antigos condados de Antrim, Armagh, Down, Fermanagh, Derry e Tyrone, que se corresponden coa antiga provincia histórica de Ulster. En 1920 promulgouse a Government of Ireland Act, pola que Ulster debía ser dirixido por un gobernador británico e un goberno autónomo responsable fronte ao Parlamento do Reino Unido, que tiña dous representantes no Parlamento de Irlanda do Norte. En 1921, cando se proclamou o Irish Free State (Estado Libre de Irlanda) permaneceu unida a Reino Unido, e o Unionist Party (Partido Unionista), ligado ao Conservative Party británico, fíxose co poder, mentres que James Graig se converteu no primeiro ministro. En 1925 Reino Unido, o Irish Free State e Irlanda do N asinaron un tratado para manter a división de Irlanda. Despois da Segunda Guerra Mundial, o país participou da expansión económica da posguerra de Reino Unido. En 1955 os militantes do IRA iniciaron unha campaña de atentados terroristas dirixida a lograr a unificación de ambas Irlandas. A minoría católica, discriminada polos protestantes, iniciou unha serie de conflitos sociais en 1966, nos que se uniron as reivindicacións da clase obreira e da pequena burguesía coa división nacional de Irlanda. En 1968 a Igrexa Católica de Irlanda do Norte emprendeu unha campaña para defender os dereitos civís dos católicos na que se produciron continuos enfrontamentos. O IRA reapareceu tralos disturbios do verán de 1969 en Derry, que provocaron a intervención do exército británico. O primeiro ministro unionista Chichester Clark foi substituído en 1971 por Arthur Brian Deane Faulkner, membro do mesmo partido. A represión dunha manifestación pacífica polo exército británico no denominado Bloody Sunday (Domingo Sanguento), 30 de xaneiro de 1972, provocou catorce mortos e máis de trinta feridos. Como consecuencia, o goberno británico suspendeu o goberno dominado polos protestantes en Irlanda do Norte e introduciu a súa autoridade directa (Direct Rule), que tampouco conseguiu a pacificación do país. En marzo de 1973, a través dun plebiscito, aprobouse a Northern Ireland Constitution Act, que confirmaba a pertenza de Irlanda do Norte a Reino Unido e propugnaba o nomeamento dun executivo, con poder compartido, responsable fronte a unha asemblea norirlandesa. En xuño do mesmo ano celebráronse as eleccións que outorgaron a maioría aos partidarios da unión con Reino Unido. As discrepancias internas e unha folga xeral dos protestantes, provocaron a suspensión e posterior disolución da asemblea coa reintrodución do goberno directo desde Westminster coa Northern Ireland Act (1974). A abolición do status especial para os presos políticos (1976) provocou entre os presos católicos diversas protestas. Unha das accións máis importantes foi a folga de fame dos presos do IRA entre marzo e outubro de 1981. En 1982 o parlamento británico aprobou a Northern Ireland Act, que estableceu unha asemblea de 78 membros, e despois de celebradas as eleccións en outubro dese ano os partidos unionistas acadaron a maioría. O boicot do partido socialdemócrata e do Sinn Féinn (SF) a ocupar os seus escanos na asemblea desde o comezo, e o posterior boicot dalgúns partidos unionistas despois do acordo angloirlandés de 1985, levaron ao goberno británico a disolver a cámara (1986), mentres continuaban as actividades terroristas do IRA e dos grupos paramilitares unionistas. En decembro de 1993 os primeiros ministros británico e irlandés, J. Major e A. Reynolds, asinaron a Declaración de Downing Street, que estableceu os principios xerais para as negociacións de paz en Irlanda do Norte. En setembro de 1994 o IRA anunciou o alto o fogo indefinido, ao que se uniron en outubro do mesmo ano os grupos paramilitares unionistas. O IRA abandonou a tregua en febreiro de 1996, pero en xuño dese ano iniciáronse as conversas sobre o futuro de Irlanda do Norte entre os partidos políticos, das que foi excluído o SF. Despois da vitoria do Labour Party nas eleccións xerais de Reino Unido, en xullo de 1997, o IRA anunciou un alto o fogo e no mes seguinte o SF uniuse por primeira vez ás negociacións de paz. Tralas negociacións entre os gobernos británico e irlandés, xunto con oito partidos políticos, o 10 de abril de 1998 asináronse os Acordos de Venres Santo. Nas eleccións para a asemblea autonómica de xuño de 1998, os colaboradores dos Acordos de Vernes Santo acadaron 80 escanos, mentres os opositores só conseguiron 28. Despois dun atentado en Omagh o 15 de agosto, no que morreron 29 persoas e que foi reivindicado polo IRA Auténtico, unha escisión do IRA, o 14 de setembro comezou a funcionar o Parlamento de poder compartido de Irlanda do Norte. Os intentos de Reino Unido e Irlanda para comezar o desarmamento das guerrillas e crear un goberno de coalición en Irlanda do Norte fracasaron en xullo de 1999 cando o líder unionista David Trimble boicoteou a asemblea do Ulster e Seamus Mallon dimitiu do seu cargo. En setembro, o mediador de paz, George Mitchell, iniciou a revisión do proceso e a comezos de decembro Irlanda do Norte acadou o seu propio goberno, formado por unha coalición entre protestantes e católicos. A negativa do IRA ao desarmamento levou á suspensión da autonomía do goberno norirlandés o 11 de febreiro de 2000, pero despois de novas negociacións, o IRA recuou e a autonomía restableceuse en maio. O 23 de outubro de 2001 o IRA anunciou que comezara a destrución física do seu arsenal. Tralas presións da Comisión Internacional para o Desarmamento, o IRA comunicou en abril de 2002 unha nova eliminación de armas, reactivando o proceso de paz. Non obstante , a autonomía de Irlanda do Norte foi suspendida o 14 de outubro de 2002 polo goberno británico por un suposto caso de espionaxe do IRA nas oficinas gobernamentais.