Irmandiñas, Guerras
Movemento antiseñorial que tivo lugar en Galicia no s XIV. Desenvolveuse no contexto da crise xeral da Baixa Idade Media, en especial pola excesiva señorialización do medio agrario e a situación política de anarquía da Coroa de Castela. As orixes do conflito atópanse na loita dinástica entre Pedro I e Enrique de Trastámara e a vitoria deste, que recompensou os nobres que o apoiaran con importantes mercedes e creou en Galicia unha nova nobreza, de orixe foránea, que asumiu os cargos de poder. O abuso do poder dos señores e a débil situación socioeconómica, provocada polas malas colleitas e as consecuencias da Peste Negra, provocaron o levantamento de labregos, artesáns e comerciantes. Antes do levantamento de 1431 producíranse movementos antiseñoriais dirixidos, principalmente, contra o señorío eclesiástico. En 1422, ante a ausencia de Lope de Mendoza, arcebispo de Santiago de Compostela, un grupo de artesáns e cabaleiros iniciou unha revolta coa finalidade de converter a vila nunha cidade de reguengo; sublevacións semellantes producíronse en Lugo e en Tui. Na Primeira Guerra Irmandiña de 1431 o enfrontamento dirixuse contra o señorío dos Andrade. Nuno Freire de Andrade impuxo no seu señorío un tributo especial para facerlle fronte aos gastos motivados pola visita do infante Enrique de Aragón a Santiago de Compostela. Os campesiños, organizados en Irmandade e dirixidos por Roi Xordo, cercaron as fortalezas do conde. A revolta estendeuse por Pontedeume e Ferrol, onde Pedro Padrón conseguiu que a vila non se convertese en señorío dos Andrade. Logo de fracasar no intento de asaltar a torre de Santiago de Compostela, os irmandiños foron derrotados polas tropas dos Andrade, do arcebispo e mais do corrixidor do rei en Galicia. A Segunda Guerra Irmandiña (1467-1469) foi unha resposta ao estado de anarquía que vivía a Coroa de Castela e constituíu o único período no que as xentes do común gobernaron Galicia e se impuxeron sobre os señores. O abuso dos señores laicos, que recorrían a todo tipo de medidas, desde a encomenda ata o asasinato, para acadar as súas rendas, foi un dos seus desencadeantes. Por outra banda, o conflito dinástico entre o Rei Enrique IV e o infante Afonso contribuíu ao clima anárquico e creou un baleiro de poder na Coroa de Castela. Mentres que as cidades e os bispos apoiaban ao monarca, os grandes señores, entre outros o conde de Benavente, o arcebispo de Santiago de Compostela, Fernán Pérez de Andrade e o conde de Lemos, defenderon a Afonso. Ante esta situación, os principais concellos urbanos pediron ao rei a creación de irmandades que asegurasen a xustiza e a paz no reino fronte aos señores. En 1467 constituíuse a Irmandade Xeral do Reino de Galicia, ordenada e aprobada por Enrique IV. Os seus obxectivos eran a supresión dos abusos dos cabaleiros, a defensa dos privilexios urbanos e a revisión dos tributos. A Irmandade estaba formada por alcaldes, cargo superior de cada irmande local ou comarcal, os deputados ou procuradores, representantes de cada irmandade, e os cuadrilleiros, que tiñan funcións militares. A elección de cada un deles tiña lugar en asembleas. A estrutura social era interclasista, participaron burgueses, dedicados ao comercio e ás actividades artesás, e nun principio contaron co apoio dalgún membro da nobreza. Os principais líderes irmandiños foron Alonso de Lanzós, Diego de Lemos, Pedro Osorio e Lope Sánchez de Moscoso, entre outros. As actividades iniciais dos irmandiños dirixíronse á reparación de danos e agravios e ao exercicio da xustiza ordinaria por parte dos alcaldes da Irmandade, de xeito que pacificaron o reino e acadaron prestixio entre a poboación. A característica principal do asalto ás fortalezas e do enfrontamento militar cos señores foi a unidade acadada polas xentes do común. Os enfrontamentos comezaron en abril de 1467 e a gran maioría das fortalezas foron derrubadas. Non obstante , o fin da guerra civil castelá animou á nobreza a enfrontarse aos irmandiños e recuperar o poder perdido. Os exércitos, dirixidos por Pedro Álvarez de Soutomaior, o arcebispo Fonseca, Xoán Pimentel, e polo conde de Lemos conseguiron acabar coa revolta en 1469. A Batalla da Almáciga, librada ás portas de Santiago de Compostela, foi a fin dos irmandiños, aínda que a loita se prolongou en diversas localidades ata 1472. Non houbo unha represión contra os sublevados, pois os señores víronse obrigados a perdoar os seus vasalos pois, dun ou doutro xeito, dependían deles. A consecuencia máis relevante da revolta irmandiña foi o fracaso político da burguesía, que non accedeu aos postos de goberno, e o freo á evolución económica das cidades, de artesáns e comerciantes. Por outra banda, nobreza e clero recuperaron o seu poder e mantiveron as estruturas feudais.