Isabel
Antropónimo feminino procedente do nome hebraico Elixeba, muller de Arón e cuñada de Moisés, composto de El ‘Deus’ e xeba ‘xuramento ou sete’; polo tanto, o seu significado ben podería ser ‘Deus é xuramento’ ou ‘Deus é perfección’ (o 7 era o número perfecto). Ten a variante Sabela e os hipocorísticos Sabel e Beluca. Na época xudeo-helenística, por contaminación do verbo shabat ‘repousar’, ‘descansar’, interprétase o seu significado como ‘Deus é descanso’. O nome reaparece no Novo Testamento coa forma grega Elisábet e a latina Elísabet. A forma Isabel foi unha innovación propiamente hispánica, que trocou o -et final en -el e elidiu o el- inicial, talvez por certa confusión co artigo. Entre as santas que levaron este nome, destacan a nai de san Xoán Bautista e esposa do sacerdote Zacarías, celebrada o 5 de novembro; Isabel de Hungría (s XIII), celebrada o 17 de novembro; e Isabel de Portugal (s XIII), o 4 de xullo. Levaron tamén este nome moitas raíñas europeas. Santa Isabel é patroa do concello de Outeiro de Rei e Xunqueira de Espadanedo, que a celebran o 8 de xullo, así como dos concellos de Beade e do de San Sadurniño, onde se celebra o 2 de xullo.