Isla Couto, Xaime
Político, economista e editor. Foi doutor e catedrático emérito en Dereito e Economía da Empresa, profesor no Colexio Universitario de Vigo e na Universidade de Santiago de Compostela. Nos seus tempos de estudante integrouse na Asemblea das Irmandades da Fala da Coruña e participou na creación do Grupo Autonomista de Vigo. En 1934 foi un dos fundadores da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG) e formou parte do Seminario de Estudos Galegos. Foi secretario técnico do Partido Galeguista (PG) na clandestinidade. Liderou a Unión Democrática de Galicia (1975) que en 1976 foi unha das creadoras do Partido Popular Galego (PPG), do que foi presidente. Pertenceu a Acción Católica e foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, da que é o seu presidente, da revista Grial e da editorial SEPT. Dirixiu a Revista de Economía de Galicia e a Revista Galega de Estudios Agrarios. Membro do padroado da Fundación Penzol, presidiu o Instituto Galego de Estudios Económicos e foi fundador da Fundación Isla Couto que el mesmo preside. Foi letrado e asesor de Caixanova, Zeltia, Corporación Noroeste e outras empresas. Colaborador de diversas publicacións, escribiu Construír Galicia (1992). Membro da Real Academia galega e doutor honoris causa pola Universidade de Vigo (1999), foi galardoado co Memorial Juan XXIII (1986), a Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e o Trofeo Galeguidade da Orde da Vieira (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela