Israel
Estado de Asia occidental enclavado en Palestina. Limita ao N con Líbano e Siria, ao L con Xordania, ao S co golfo de ‘Aqaba e ao O con Exipto e o Mar Mediterráneo (20.700 km2; 6.372.000 h [estim 2001]). Ademais, ocupa e administra os territorios de Cisxordania e os Altos do Golán. A banda de Gaza e a cidade de Xericó dispoñen, desde 1994, dun réxime autonómico especial baixo a autoridade nacional palestina. A capital é Xerusalén, pero o seu estatus permanece discutido por unha gran parte da comunidade internacional.
Xeografía física
O territorio do estado de Israel comprende de O a L unha chaira litoral que se estende á beira do Mar Mediterráneo, unha banda de outeiros pouco elevados no interior e, finalmente, unha depresión ocupada polo val do Xordán e o Mar Morto, onde se acadan os 396 m baixo o nivel do mar. Ao S localízase o Negueb, rexión desértica limitada ao L por Xordania e ao O polo Sinaí. O clima é mediterráneo na maior parte do país, e desértico no Negueb. Os ríos, agás o Xordán, son de carácter torrencial, polo que sofren moito a estiaxe. O lago Tiberíades, ao N, é xunto co Xordán a principal reserva de auga doce do país. A vexetación é en gran parte mediterránea, con bosques e monte baixo esclerófilos. As terras meridionais corresponden á rexión bioxeográfica desértica sahariana. As paisaxes das terras continentais do L enlazan coas das estepas e os semidesertos de Asia central.
Xeografía económica
A colonización xudía de Palestina desde finais do s XIX representou unha revolución económica e técnica: desecamento de lagos e marismas, fertilización de terreos, repoboación forestal, condución das augas, redución dos desertos e apertura de vías de comunicación que fixeron posible a explotación agrícola do país cos métodos máis modernos e cun rendemento que lles permite competir nos mercados internacionais. As terras que non son de propiedade cooperativa pertencen ao estado, que llas cede a arrendatarios individuais ou colectivos ou a propietarios privados. Os regadíos proceden basicamente de dúas canles que unen, respectivamente, o Negueb con Tel-Aviv e o Negueb co lago Tiberíades. Cultívanse cereais (trigo e millo), patacas, hortalizas (tomates e sandías), froitos secos (améndoas) e moita froita fresca (cítricos, mazás ou banana). Como cultivos industriais destacan as oleaxinosas, algodón, xirasol, cacahuetes, oliveiras, remolacha azucreira e tabaco. Tamén cómpre destacar o valor da floricultura. A gandería só ten importancia polo que respecta ao gando ovino e ás aves de curral; malia todo é moi deficitaria en carne. A pesca procede fundamentalmente do lago Tiberíades e do Xordán, aínda que a súa flota tamén faena nos caladoiros do Mar Mediterráneo e do Océano Atlántico. O estado de Israel é pobre en materias primas e en recursos enerxéticos: as reservas de petróleo e as de gas natural están próximas ao esgotamento. A electricidade que se produce é de orixe térmica convencional e nuclear. Para o subministro doméstico recórrese tamén á enerxía solar. Hai dous minerais importantes, os fosfatos e os sales potásicos, aínda que tamén se extraen bromuros, ioduros, magnesio e sal común, xema ou mariña. As principais industrias son o pulimento de diamantes, tecidos e confección, alimentos e bebidas, tabacos, produtos químicos e petrolíferos, ácidos sulfúrico e nítrico, sosa cáustica, abonos nitroxenados, caucho, plástico, téxtiles sintéticos, equipamentos eléctricos e electrónicos, instrumental de precisión e de fabricación de avións e armamento. O comercio internacional canalízase a través dos portos de Haifa, Ashdod, Elat e Ashquelón. As comunicacións cos países limítrofes son pouco fluídas debido ao conflito que manteñen; tan só se teñen restablecido con Exipto. O volume de exportacións (maquinaria, diamantes tallados, produtos químicos, téxtiles e alimentarios dirixidos a EE UU, Alemaña, Xapón e Hong Kong) é inferior ao das importacións (diamantes en bruto, combustibles e produtos alimentarios de EE UU, Bélxica, Alemaña e Reino Unido). A supervivencia do estado baséase nunha dependencia económica dos EE UU. Malia todo, o nivel de vida da poboación xudía é moito máis elevado ca o dos cidadáns dos estados limítrofes, e máis incluso ca o dos cidadáns dos estados da beira do Mediterráneo.
Xeografía humana
A composición étnica actual manifesta un claro predominio hebreo (78,8%) sobre a poboación autóctona palestina (21%). A densidade de poboación é elevada, pero distribúese irregularmente polo territorio. A poboación urbana é elevada (91,2% en 2000), pois concéntrase nas aglomeracións urbanas de Tel-Aviv-Yafō, Haifa e Xerusalén, que acollen a máis da metade dos habitantes do país. Tamén proliferaron pequenos núcleos como resultado da política de colonización xudía; tipos característicos do establecemento rural son os kibbutzim.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A composición étnica da poboación de Israel está constituída maioritariamente por hebreos, que representan o 78,8% da poboación total do país. O hebreo e o árabe son as linguas oficiais, pero tamén se falan moitas linguas europeas. Con respecto á súa filiación relixiosa, a porcentaxe distribúese entre un 79,2% de xudeus, un 14,9% de musulmáns e un 5,9% no que están representadas as restantes.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano de 1999 situaba a Israel entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupaba o 22º posto, cun índice de 0,893). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer en 1999 era de 76 anos para os homes e 80 para as mulleres. A porcentaxe de alfabetización de adultos en 2000 foi do 94,6%, mentres que o índice de escolaridade bruto para o mesmo ano foi do 83%. O PNB por persoa en 1996 era de 16.310 $ EE UU.
Goberno e política
Independente do mandato británico sobre Palestina desde o 14 de maio de 1948, carece dunha constitución escrita, pero posúe un conxunto de leis fundamentais nas que se establece o reparto de poderes. O primeiro ministro, elixido por votación popular para un período de catro anos, sitúase á fronte do poder executivo, mentres que a figura do presidente, elexida polo Knesset (Asemblea Nacional), limítase ás funcións representativas. O poder lexislativo reside na Knesset, (Parlamento) que conta con 120 membros, elixidos para un período de catro anos segundo un sistema de representación proporcional. O sistema xudicial, presidido polo Bagatz (Tribunal Supremo de Xusticia) mestura a common law británica e o dereito otomano. A pena de morte permanece en vigor para casos de alta traizón e apoio ao nazismo. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais formacións políticas son: Likud (Consolidación) conservadores; a coalición Avodá/Meimad, formado polo Mifleget Ha-’Avoda Ha-Yisra’elit (Laborista) de tendencia social-demócrata e o Meimad (Dimension) centrista; Shinui-Mifleget Merkaz (Shinui, Cambio-Partido de Centro) liberais; Hit’akhdut ha-Sfradim ha-Olamit Shomrey Torah (Shas, Organization International dos xudeus sefardís seguidores da Torah). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD) e ONU.
Historia
Do mandato británico en Palestina á creación do Estado de Israel
A consecuencia da Declaración de Balfour (1917), que foi ben recibida internacionalmente, o mandato británico sobre Palestina (1922-1948) incluíu a proposta da creación dun fogar nacional para os xudeus. En 1922 os mandatarios autorizaron a creación da Axencia Nacional Xudía, mentres que Reino Unido fomentou a inmigración de xudeus, que en 1939 se achegaban ao medio millón. Mentres, os árabes manifestaron a súa oposición a esta chegada masiva de poboación, o que obrigou aos británicos a poñer límites á entrada de novos xudeus. Despois da Segunda Guerra Mundial (1939-1945), a chegada masiva de xudeus procedentes de Europa provocou un deterioro na situación, especialmente polas actividades terroristas de xudeus e árabes, e os británicos víronse obrigados a entregar o mandato. O 29 de novembro de 1947 a ONU votou o plan de partición de Palestina en dous países independentes no que se incluía a conversión de Xerusalén en cidade internacional. Este plan foi aceptado polos xudeus palestinos pero rexeitado polos árabes.
O Estado de Israel: da independencia á Guerra do Yom Kippūr
Israel proclamou a súa independencia o 14 de maio de 1948 e foi invadido inmediatamente polos exércitos de Exipto, Xordania, Líbano, Siria e Iraq. Despois de rexeitar os invasores e polo armisticio de abril de 1949, os israelís incrementaron a extensión do seu territorio máis alá do recollido nas resolucións da ONU. As tres guerras declaradas, as Guerras Árabe-israelís, e a guerra de desgaste no canal de Suez (1968-1972) foron seguidas pola Guerra do Yom Kippūr (6.10.1973-22.10.1973). Despois dos ataques simultáneos de Siria e Exipto sobre os territorios ocupados por Israel na Guerra dos Seis Días (1967), os israelís rexeitaron os ataques en todas as frontes despois de dúas semanas de combates. A estabilización das frontes permitiu a inmediata aplicación dun cesamento do fogo apoiado pola ONU. Israel retirouse máis alá do canal, e quedou separado das tropas exipcias por unha franxa ocupada polas tropas da ONU. Como consecuencia da guerra a primeira ministra Golda Meir dimitiu (1974) e sucedeuna Yitzhak Rabin, tamén do Avodá. En 1977, despois de case tres décadas de dominio do Avodá no goberno, triunfou nas eleccións o Likud de Menaḥ em Begin. O novo goberno, apoiado polos partidos relixiosos, proseguiu o achegamento a Exipto, iniciado coa reapertura do canal de Suez e tralos Acordos de Camp David (1978) asinaron un tratado de paz (1979) e restableceron as relacións diplomáticas. Os enfrontamentos cos palestinos, especialmente coa OLP, e cos veciños árabes, aumentaron pola colonización israelí dos territorios ocupados e a declaración de Xerusalén como capital eterna de Israel (1980). Mentres, a boa veciñanza con Exipto levou a Israel á devolución da península do Sinaí en abril de 1982. En xuño dese ano as tropas israelís invadiron o S de Líbano nunha ofensiva militar destinada a destruír as bases dos guerrilleiros da OLP, que proseguían os seus ataques contra o N de Israel. O primeiro ministro M. Begin dimitiu en 1983 e foi sucedido por Yitzhak Shamir, mentres Šaim Herzog accedeu á presidencia do estado. Despois das eleccións de 1984, o Likud e os laboristas do Avodá formaron un goberno de unidade nacional presidido por Shimon Peres. Durante o seu goberno produciuse a retirada dos israelís do S de Líbano (1985) fronte á presión internacional. S. Peres foi substituído por Y. Shamir (1986) e resultou reelixido primeiro ministro en 1988 á fronte dun goberno de coalición formado polo Likud e o Avodá.
A Intifada e proceso de paz
En decembro de 1987 Yasser Arafat iniciou unha campaña de mobilización civil dos palestinos en Cisxordania e Gaza, denominada Intifada. A dureza da represión israelí provocou protestas internacionais e malia que a proclamación de estado independente realizada polo Consello Nacional de Palestina (CNP) en 1989 recoñecía o Estado de Israel, a política dos israelís respecto aos palestinos non cambiou. Ao mesmo tempo produciuse unha chegada masiva de xudeus procedentes da URSS. As eleccións de xuño de 1992 déronlle a vitoria ao Avodá, partidarios dun compromiso cos palestinos. O novo primeiro ministro, Yitzhak Rabin, retomou as negociacións de paz, detivo os asentamentos de comunidades xudías nos territorios ocupados e preparou o terreo para o recoñecemento oficial da OLP, o que permitiu que EE UU volvesen a apoialo. En marzo de 1993 Ezer Weizmann, do Avodá, foi escollido novo presidente de Israel e en setembro o sector da OLP liderado por Y. Arafat e o goberno de Israel asinaron o Acordo de Oslo, co aval da ONU e EE UU, que lle outorgaba aos territorios ocupados unha autonomía provisional de cinco anos, tralos que se establecería o autogoberno palestino definitivo. Os elementos máis radicais de ambos os grupos opuxéronse a este acordo. Para garantir a aplicación da autonomía, Israel desenvolveu unha intensa actividade diplomática con Siria, Xordania, Líbano e Exipto. Como consecuencia do acordo, nos meses seguintes estableceuse unha administración autónoma palestina, a Autoridade Nacional Palestina (ANP), con competencias ilimitadas nos territorios de Gaza e Xericó. Pero a continuación da confiscación e colonización de terras por Israel e a xudaización de Xerusalén leste, xunto cos atrasos israelís na aplicación dos acordos, provocaron críticas entre os palestinos. As negociacións con Líbano e Siria estancáronse en 1995, e Israel buscou unha alianza militar con Turquía. En setembro de 1995 asináronse os Acordos de Taba, considerados unha continuación dos Acordos de Oslo, que ampliaron as áreas autónomas ás principais cidades de Cisxordania. En novembro dese ano o primeiro ministro israelí Y. Rabin foi asasinado por un extremista xudeu. O tamén laborista Shimon Peres ocupou o lugar de Rabin, pero o proceso de paz sufriu un paro pola sucesión de atentados. Nas eleccións xerais de maio de 1996 venceu Benjamin Netanyahu, que autorizou a construción de novas colonias xudías ao redor de Xerusalén, ao tempo que responsabilizou a ANP da inseguridade de Israel. Mentres a ANP experimentou o rexeitamento entre as súas bases, que se achegaron cara a Hamas. Ehud Barak, un xeneral retirado, substituíu a S. Peres á fronte do Avodá e como líder da oposición. En 1998 o goberno de B. Netanyahu tentou acadar un novo acordo con Líbano e Siria, no que vinculaba a retirada do S de Líbano ao compromiso dos libaneses e sirios de impedir os ataques de Hezbolá desde esta rexión, pero fracasaron pola dureza da posición dos sirios. A detención do proceso de paz, que non cumpría os prazos previstos para a creación dun estado palestino, forzou a intervención diplomática de EE UU, e levou á firma dos Acordos de Wye Plantation en outubro de 1998, nos que se recollía a cesión de competencias a cambio do control dos grupos palestinos armados. A inminencia das eleccións obrigou a Netanyahu a deter o proceso negociador e trala vitoria en maio de 1999 do laborista Ehud Barak, retomouse o diálogo. Asinou cos palestinos un novo acordo en setembro de 1999, no que se recollía a devolución de parte do territorio de Cisxordania e a apertura de corredores de seguridade entre os territorios autónomos palestinos. Ademais Barak retirou as tropas israelís do S de Líbano e retomou as conversas con Siria sobre a súa retirada dos Altos do Golán.
A segunda Intifada e os gobernos de Ariel Sharon
En setembro de 2000, despois da visita de Ariel Sharon á explanada das mesquitas rodeado do seu servizo de seguridade, desatouse unha nova Intifada que amosou o descontento pola falta de progreso nas negociacións en puntos clave. Os intentos negociadores protagonizados por EE UU e Exipto durante o mes de outubro para deter a escalada da violencia non tiveron éxito. Os atentados e enfrontamentos estendéronse por Cisxordania e Xerusalén a comezos de decembro. Como consecuencia, Barak suspendeu o proceso de paz o 22 de outubro. Illado polos partidos políticos ultraortodoxos e o Likud, Barak renunciou ao cargo en decembro de 2000 e convocou eleccións anticipadas para febreiro de 2001 nas que venceu o Likud, e Ariel Sharon foi elixido primeiro ministro. Sharon emprendeu unha política que buscaba a eliminación da Autoridade Nacional Palestina e debilitar a posición de Y. Arafat. Nos meses seguintes producíronse diversos ataques dos tanques e a aviación, que esnaquizaron as infraestruturas palestinas en Gaza e Cisxordania, ao tempo que realizaron incursións de castigo sobre os campos de refuxiados. Durante o 2002 o exército hebreo cercou a Y. Arafat en diversas ocasións no seu cuartel de Ramala, mentres os palestinos responderon con numerosos atentados suicidas. A presión das forzas da esquerda e a crise económica en Israel, que provocou a comezos de 2002 mobilizacións contra o peche de empresas, despidos masivos e recortes nos orzamentos, levou o país a un período de inestabilidade. O malestar popular incrementouse coas propostas do goberno para o orzamento de 2003 que implicaban a desaparición da asistencia social e do seguro de desemprego. A crise do goberno israelí levou á convocatoria de eleccións anticipadas en novembro de 2002. Nos comicios do 28 de xaneiro de 2003 o Likud acadou a maioría dos votos no Parlamento e Sharon foi reelixido. A finais de 2002, Israel ordenou a construción dun muro de formigón con torres de vixilancia e zonas electrificadas que impedise a entrada de terroristas palestinos desde Cisxordania. A consecución dos máis de 700 Km de obra prevíase para o 2005. En febreiro de 2004 o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia iniciou a vista para determinar as consecuencias legais sobre esta nova liña artificial de esparación, condenada tanto pola Autoridade Nacional Palestina coma pola comunidade internacional.