Istambul

Istambul

Cidade de Tracia, Turquía (8.260.438 h [1997]). É a cidade máis grande do estado, o seu centro cultural e comercial e o porto máis importante. Correspóndese coa antiga Constantinopla, capital do Imperio Bizantino e do Imperio Otomano, rango que perdeu ao ser construída Ancara en 1923, capital da moderna Turquía. O seu momento culminante produciuse en tempos de Solimán I (1520-1566). A comezos do s XIX, baixo o goberno de Ma ḥ mūd II (1808-1839), foi principiada a occidentalización da cidade, acentuada co acuartelamento de tropas británicas e francesas por mor da Guerra de Crimea (1853-1856). Foi ocupada polos búlgaros durante as Guerras Balcánicas (1912-1913), e polos británicos, franceses e italianos ao rematar a Primeira Guerra Mundial. Mustafa Kemal transferiu a capitalidade da República de Turquía a Ancara (1923). En 1930 tomou o nome de Istambul. O Bósforo, o mar de Mármara e o Corno de Ouro dividen a cidade en tres partes, dúas en Europa e unha en Asia. É a capital de dous iller diferentes con este nome: o de Tracia, na Turquía europea, e o de Mármara e Costas do Exeo, na Turquía asiática. O vello Istambul, correspóndese coa primitiva Bizancio. Beyo ǧ lu, á outra beira do Corno de Ouro, constitúe o barrio máis moderno; coñecida antigamente co nome de Pera, comprende, na parte baixa, o barrio de Gálata, coa torre de Gálata (s VI). A parte asiática está constituída polo barrio de Üsküdar. Tamén forma parte dela o barrio de Kadiköy, que se corresponde coa antiga Calcedonia. En 1971 rematouse unha ponte sobre o Bósforo, de 1.560 m de longo, que comunica a parte europea coa parte asiática da cidade. Istambul ten diversas minorías étnicas: kurdos (máis de 800.000), gregos, albaneses, armenios, sefardís, etc. Como consecuencia do conflito greco-turco de Chipre (1974), expulsouse da cidade a unha boa parte da poboación grega. Aínda así, mantense un pequeno núcleo de edificios no barrio de Fanar, a sede do patriarcado de Constantinopla. A zona histórica da cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985. Da gran riqueza de monumentos civís e relixiosos, cristiáns e musulmáns, cómpre destacar o acueduto de Valens, acabado en 837, de 1.000 m de lonxitude, dos que se conservan 800 m, os monumentos do antigo hipódromo e a cisterna de Yerebatan (a antiga Cisterna Basilica), do s VI. Entre as igrexas cómpre destacar Santa Irene (s IV, refeita no s VIII), convertida en arsenal polos turcos, Santa Sofía de Constantinopla e San Salvador, en Khora (s VI e reconstruída posteriormente). Entre as numerosas mesquitas (hai uns 500 minaretes) destacan a de Ahmet I (1609), a chamada Mesquita Azul, a única do mundo con seis minaretes, a de Solimán I (1550-1557), a do Conquistador (Fatih Camii) do s XV, e a de Eyüp (s XV), a máis santa, que contén a tumba de Mohammed Eyüp Ansari (s VII). O museo máis importante atópase no palacio de Topkapi.