Istria

Istria

Península de Europa Meridional, á beira do Mar Adriático, que está situada entre os golfos de Trieste, ao NO, de Venecia, ao O, e de Kvarner, ao L. A maior parte pertence a Croacia; tan só o sector máis setentrional lle corresponde a Eslovenia. O principal núcleo urbano é Pula. Habitada polos vénetos, foi conquistada polos romanos (177 a C). Dominada sucesivamente polos visigodos (401), os hunos (452), os ostrogodos, os croatas (s VI) e os lombardos, formou parte da marca de Friuli na época de Carlomagno. Integrouse despois no Sacro Imperio, e pasou ao dominio dos venecianos no s XI, coa excepción de Trieste que formou parte dos territorios dos Habsburgo desde 1382. Polo Tratado de Campoformio (1797), foi concedida a Austria e despois a Francia (1805), pero volveu ao dominio austríaco en 1815. En 1861 concedéuselle a autonomía e foi incorporada ao Reino de Italia no 1920. Cedida a Iugoslavia polo Tratado de París (1947), foi repartida entre as repúblicas de Eslovenia e Croacia, coa excepción da cidade de Trieste que pasou a Italia.